Os contratos das "máscaras" tamén salpican a Galicia: Rueda di estar "tranquilo" tras as críticas do Consello de Contas

As empresas da irmán de Feijóo e da parella de Ayuso son dúas das catro que máis contratos recibiron en 2021. Rueda di que son contratos de emerxencia en Galicia e insiste en que "non ten nada que ver" co 'caso Koldo'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2024 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, asegurou que a Administración galega cumprirá coa "obrigación legal" de acudir ao Congreso dos Deputados, de ser o caso, a "dar explicacións" sobre os contratos de emerxencia realizados durante a pandemia da covid-19.

"Pola miña banda, absoluta tranquilidade", asegurou Rueda, ao ser preguntado na súa comparecencia posterior á reunión do Consello da Xunta sobre se acudirá á comisión de investigación que se creará na Cámara Baixa co voto a favor de todo o hemiciclo salvo do PP, que se abstivo, e de Vox, que se opuxo.

Neste contexto, o mandatario galego considera que "non hai ningún problema" en que se investiguen "así" as contratacións durante a emerxencia sanitaria de fai catro anos, pero cre que se debería "empezar" pola presidenta do Congreso, Francina Armengol, que foi presidenta de Baleares durante oito anos e cuxo goberno se viu relacionado coa trama coñecida como o 'caso Koldo'.

"Nada que ver, sinceramente, coa contratación que se fixo en Galicia", insistiu Alfonso Rueda, para reiterar que estes contratos realizados pola Xunta, entón gobernada por Alberto Núñez Feijóo, xa se someteron a "auditorías" no Consello de Contas. No entanto, mostrou "absoluta tranquilidade" se as administracións autonómicas deben ir ás Cortes a dar explicacións. Tamén o Senado, coa maioría absoluta do PP, terá unha comisión, neste caso específica do 'caso Koldo' e ante a cal o PSOE votou a favor. "Non verá nunca ao presidente da Xunta negarse a cumprir coa lei, se é que é unha obrigación legal", resolveu.

"TOMAR NOTA" DE CONTAS

Rueda tamén foi preguntado sobre o informe do Consello de Contas publicado esta semana no que reprocha á Xunta "falta de publicidade" en "unha parte das adxudicacións dos contratos" pola crise da covid. O presidente en funcións enmarcouno nos "avisos" que "moitas veces" fai este órgano fiscalizador, tamén na contratación ordinaria da Administración: "O que temos que facer é tomar nota e explicar cales foron as circunstancias".

Neste contexto, insistiu en que "non ten nada que ver" o que se fixo en Galicia co 'caso Koldo', en referencia á suposta trama de comisións pola venda de máscaras pola que foi detido Koldo García, un asesor do exministro de Transportes e dirixente socialista José Luís Ábalos.

"Nada ten que ver co que estamos a ver de tramas millonarias, asesores de ministros a soldo, cousas moi difíciles de entender ou imposibles, sobre todo, se non se explica, se se tenta desviar a atención", criticou o titular da Xunta en funcións. Ademais, censurou á oposición (BNG e PSdeG) que solicite auditorías sobre os contratos en Galicia mentres non ten "a máis mínima crítica" sobre a trama 'Koldo', onde "todo indica que aí si se poderían producir delitos graves".

CONTRATOS CON EULEN E MAPE

No mesmo informe do Consello de Contas, publicado esta semana, figuran, por unha banda, contratos a Eulen, que ten a Micaela Núñez Feijóo, irmá do expresidente da Xunta, como unha das súas directivas.

Por outro, aparece como unha das principais adxudicatarias Mape Asesores, unha firma galega que proporcionou ao Sergas equipamento sanitario e para a cal fixo de intermediario --co cobro de comisións, o que deu lugar a unha investigación por parte da Axencia Tributaria-- a actual parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

Respecto destes casos concretos, Alfonso Rueda remitiuse á "valoración xeral" que fixo Contas nas súas auditorías sobre os contratos. "Nada que dicir, desde logo", engadiu, para volver rexeitar as comparacións co 'caso Koldo'.

Caixas con máscaras co logo da Xunta
Caixas con máscaras co logo da Xunta

Máscaras contra a Covid. Jesús Hellín - Europa Press
Máscaras contra a Covid. Jesús Hellín - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta