Fernández Rodríguez, catedrático da USC, explica a vitoria de Trump: "Primou o 'chegar a fin de mes' antes que as ideoloxías"

O tamén director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) explica ao Galicia Confidencial que "nun mundo incerto como o é o actual, con tantas variables xeopolíticas que percibe a opinión pública con certa inquedanza, nestas eleccións claramente primou a lóxica de apoiar o 'chegar a final de mes' económico", algo que tamén pesou para a poboación inmigrante que foi votar, pois "ao estar legalmente residindo nos Estados Unidos, a política migratoria de Trump non lles afecta".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/11/2024 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Despois de falar con galegos residentes nos Estados Unidos sobre a vitoria de Donald Trump nas eleccións presidenciais, hoxe é a quenda de falar cos expertos en política internacional. Un total de 75.115.826 votos (312 votos electorais, o 50,3 %) fronte a 71.819.593 (226 votos electorais, o 48,1 %), gañador en 31 estados fronte a 19 e o distrito de Columbia, logrando o quinto mellor resultado en votos electorais para o seu partido nos últimos 50 anos e facéndose co favor dos sete estados crave, os 'swing states' (Wisconsin, Míchigan, Georgia, Pensilvania, Carolina del Norte, Arizona e Nevada). Cal ou cales foron os factores determinantes neste triunfo tan apabullante sobre Kamala Harris, por poucos agardado vendo as enquisas previas? Dende o Galicia Confidencial falamos co catedrático en Dereito Constitucional na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), José Julio Fernández Rodríguez, que nos comparte a súa visión sobre o asunto.

Hermanager Humor - Trump EEUU - Arquivo
Hermanager Humor - Trump EEUU - Arquivo

Despois da vitoria de Donald Trump realizáronse moi diversas análises sobre as circunstancias que concurriron para facer posible ese triunfo, pero, para Fernández Rodríguez, "ese cúmulo de análises pódese simplificar en dous factores ligados, que desembocan nun mesmo, fundamentalmente: nunha sociedade tan capitalista e mercantilista como é a norteamericana, en todos os seus estratos en xeral (migrantes e non migrantes, xente nova e xente maior, mulleres e homes...), cando se instala unha sensación de que pode achegarse unha crise, o que prima sempre é a lóxica económica, a mercantil, antes que a marca ou a identidade ideolóxica de cada quen". É dicir, que a unha gran parte dese corpo electoral estadounidente, como destaca o catedrático da USC, "o que máis lle interesa a día de hoxe é chegar a final de mes ou ter máis cartos para poder facer máis cousas, dende o punto de vista do capitalismo", antes que outras cuestións como a ideoloxía de xénero, a ideoloxía identitaria das minorías ou a integración de determinados colectivos. 

"O MUNDO PODE ESTAR ENTRANDO NUN CAMBIO NON SÓ XEOPOLÍTICO A NIVEL DE MULTILATERALISMO, SENÓN DE MODELO ECONÓMICO PARA ESTADOS UNIDOS"

Así as cousas, o profesor ten claro que "a campaña de Trump ía centrada no futuro éxito económico dos Estados Unidos, mentres que a de Kamala Harris, aínda sen descoñecer iso, apostaba máis pola vía dos dereitos humanos, da integridade, da tolerancia, do respecto e da liberdade". Deste xeito, "nun mundo incerto como é o actual, con tantas variables xeopolíticas que percibe a opinión pública con certa inquedanza, nestas eleccións claramente primou a lóxica de apoiar o 'chegar a final de mes' económico, de primar a economía, e a economía doméstica, porque Trump insiste tamén nunha óptica proteccionista e mesmo un pouco illacionista". Sumado a isto, para Fernández Rodríguez, a segunda crave, como pode observarse no mapa final dos resultados electorais, foi "a chamativa diferenza entre o que votaron os estados do 'rural' e os estados urbanos". "Os demócratas gañan nas grandes cidades, mentres que os republicanos gañan, en xeral, no que non son grandes cidades, no 'rural' (non entendendo isto como o rural que coñecemos en Europa, senón como vilas e cidades máis pequenas)", explica, asegurando que "semella que a xente fóra dos grandes núcleos urbanos captou dunha forma máis simplista esa necesidade de protexer a economía antes que as cuestións de identidade ideolóxica".

E é que Estados Unidos entrou dende fai tempo nunha espiral inflaccionista que preocupa verdadeiramente aos seus habitantes, como nos trasladaron tamén os galegos que residen no país dende fai moitos anos. O por que? Resulta difícil de determinar, pero para o director do CESEG "o mundo podería estar entrando nun cambio non só xeopolítico a nivel de multilateralismo, co ascenso con forza de China ou a India, entre outros actores, senón tamén nun cambio a nivel de modelo económico". Como exemplo, o catedrático da USC apunta á reunión que tivo lugar fai unhas semanas en Rusia do grupo dos BRICS, conformado polas potencias emerxentes (Brasil, Rusia, India, China, Sudáfrica, Emiratos Árabes Unidos, Etiopía, Exipto e Irán), e na que se propuxo mesmo a creación dunha moeda alternativa ao dólar. Esta é una mostra de que "a situación actual está aberta e resulta un tanto incerta, non só en termos xeopolíticos, porque está claro que o multilateralismo avanza, senón tamén en termos da economía mundial, porque xa non é indiscutible a referencia de Estados Unidos para xestionar a economía mundial de cara ao futuro inmediato".

Donald Trump
Donald Trump | Fonte: Julia Demaree Nikhinson - AP Photo

Isto é algo que, como apunta o experto, "a sociedade norteamericana percibe, dunha maneira ou doutra, sentindo que poden deixar de ser o centro do mundo, economicamente falando". E é algo que tamén preocupa, porque dende fai anos veñen vendo peligrar os seus intereses polo crecemento de China e a chegada de grandes empresas estranxeiras ao país, con prezos máis competitivos que as de fabricación local. Fernández Rodríguez lembra que isto non é algo novo, "vén de fai anos, coa interposición de aranceis recíprocos dunha e doutra banda", pero evidencia "esas dúbidas de como quere ou pode Estados Unidos xestionar a súa prevalencia económica mundial, posición cada vez máis difícil de manter". Para o catedrático de Dereito Constitucional, pode que máis pronto que tarde "mude o modelo de supremacía estadounidense que se establecera tras a Segunda Guerra Mundial, co dólar como referencia do sistema económico mundial".

"NAS ESTATÍSTICAS CRIMINOLÓXICAS DE ESTADOS UNIDOS SI SE VEN PROBLEMAS COA INMIGRACIÓN ILEGAL, PERO NON TANTOS COMO ESAXERA TRUMP"

Outro punto determinante na vitoria de Trump foi o apoio dos inmigrantes. Os seus votos puxeron de manifesto que, a pesares da política antiinmigración que o novo presidente electo levou por bandeira durante todo o seu anterior mandato e durante boa parte da súa campaña actual, moitos inmigrantes decidiron confiarlle o seu voto: o voto latino ou hispano aumentou en 13 puntos, ata acadar o 45 % dese electorado, por enriba do récord obtido por George W. Bush no 2004. Como é isto posible? "Trump, dende sempre, insistiu na necesidade de máis control sobre a fronteira pola que os inmigrantes cruzan aos Estados Unidos, fundamentalmente a de México, o cal é unha estratexia de política interior ou de política de fronteiras que levou sempre por bandeira", explica o director do CESEG, que apunta a que, neste sentido, os datos mesmo xogan ao seu favor, porque "nas estatísticas criminolóxicas dos Estados Unidos si se ven certos problemas vinculados coa inmigración, non tantos como os que Trump esaxera no seu descurso, pero si que a variable do inmigrante é un dos problemas de seguridade cidadá que hai no país, entre moitos outros".

Así as cousas, "os inmigrantes legais, é dicir, os que xa están establecidos nos Estados Unidos e poden votar porque están rexistrados no censo, deciden votar a Trump, 'grosso modo', porque a eles non lles importan as ameazas de deportación, eles xa están integrados no país legalmente, e, o que agora lles preocupa, como ao resto dos estadounidenses, é chegar a fin de mes". E, dende o punto de vista destes inmigrantes, para iso é mellor a proposta de Donald Trump que a de Kamala Harris. Deste xeito, Fernández Rodríguez insiste en que, "unha vez máis, neste caso tamén primou a visión economicista da vida, antes que a identidade de inmigrante, de minoría que se debe protexer". Agora ben, o catedrático da USC tamén confesa que "nesta campaña Trump amosouse algo máis comedido co tema da inmigración, non tan agresivo con outras identidades culturais como outras veces". Tanto é así que pon como exemplo un 'tuit' que publicou o Día de Todos os Santos no que aparecía a Virxe de Guadalupe e outros santos ao redor; e mesmo nalgúns mitins preguntaba aos inmigrantes como querían que os chamase, se latinos ou hispanos, amosando máis apertura de miras.

Botando a vista atrás, para saber que podería acontecer cos inmigrantes a partir deste momento, é interesante remontarse ao que pasou tras a primeira vitoria electoral de Trump. O profesor Fernández Rodríguez asegura que "a outra época de Trump non sei se chegou a ser caótica, pero alo menos si foi desordenada", polo que "tamén é incerto o que vai facer agora". Na súa opinión, "Trump é unha persoa que, en función das circunstancias, vai mudando as estratexias tanto a nivel internacional como interno". A nivel de política interior, "no seu primeiro mandato si que intentou establecer máis controis de entrada, especialmente na fronteira sur, e non implementou axudas sanitarias como as que comezaran co mandato de Obama e que agora continuaron co de Biden". De feito, para o experto resulta innegable que "coa chegada de Biden ao poder si houbo un incremento notable no sistema de protección social norteamericano", algo que "non podemos saber se Trump vai desmontar ou non, pero supoño que non, porque ao final a súa estratexia pasa por transmitir una apariencia de seguridade de cara ao futuro, e este sistema dálla".

"PROBABLEMENTE VAI PROMOCIONAR QUE SE REBAIXE A INTENSIDADE DAS GUERRAS, MESMO DEIXANDO DE SUBMINISTRAR ARMAMENTO A ISRAEL"

Outro dos aspectos que puideron influír na vitoria de Trump é o pouco interese que demostrou tamén durante o seu anterior mandato nos conflictos internacionais e na súa perdurabilidade no tempo. Neste sentido, o director do CESEG intúe que, "probablemente, polo que vimos na súa etapa como presidente e polo que deu a entender nesta campaña electoral, vai promocionar que se rebaixe a intensidade das guerras, eliminando o belicismo tan típico na historia dos Estados Unidos", algo que, dende o seu punto de vista, "vai ser positivo para a seguridade internacional, porque os conflictos armados rematan con milleiros e milleiros de vidas, alimentados por todas as partes implicadas, que sempre semellan buscar máis a guerra que a paz, o enfrontamento que a diplomacia". No caso concreto da guerra de Ucraína, "eu creo que a vai intentar parar promovendo que Ucraína lle dea concesións territoriais a Rusia". E, no caso de Israel, "pode que mesmo deixe de subministrarlle armamento de forma tan intensa, porque se agora Israel pode permitirse unha guerra a tal nivel tamén é porque Estados Unidos lle dá a munición e o armamento que precisa, alimentando a súa máquina de guerra". E é que, segundo evidencia Fernández Rodríguez, "a diferenza doutros presidentes dos Estados Unidos, Trump non ten elementos belicistas na cabeza".

Ademais, neste aspecto o catedrático da USC tamén considera que Trump terá influencia sobre as partidas militares e de defensa europeas. "Seguramente lle deixará claro a Europa que Estados Unidos non pode ser o guardián militar e político de Europa e que, se queren o seu apoio, os diferentes países europeos terán que aumentar as súas capacidades militares autónomas", apunta, asegurando que "iso é algo que xa fixo durante o seu anterior mandato e algo no que, seguramente, agora vai insistir". Neste punto, Fernández Rodríguez considera que "Europa ten que reflexionar de forma seria sobre a súa capacidade militar actual, sobre a súa capacidade de disuasión militar fronte a outros axentes, e iso vai xerar debates en Europa relevantes, porque obrigará a subir ostensiblemente os orzamentos na partida de defensa". Isto é algo que se está vendo, por exemplo, en España, onde o gasto militar dende a entrada de Pedro Sánchez na presidencia aumentou un 62,4 %, pasando dos 10.283 millóns de euros aos 16.474 (arredor do 1,3 % do PIB). "Non podemos estar sometidos a outros grupos xeopolíticos que reduzan a capacidade europea de autonomía e independencia", conclúe o experto.

"VENDO A POLARIZACIÓN QUE EXISTIU DURANTE TODA A CAMPAÑA, NON VEXO O ATENTADO COMO ALGO DECISIVO, PERO A REACCIÓN DE TRUMP SI O BENEFICIOU"

Finalmente, ao preguntarlle sobre se o atentado que Trump sufriu durante a campaña electoral e que estivo a piques de rematar coa súa vida, quedando a bala que lle rozou a ourella a escasos milímetros de penetrar no cráneo, foi decisivo para decantar a balanza ao seu favor, o catedrático de Dereito Constitucional da USC considera que, "vendo a polarización que existiu ao longo de toda esta campaña nos Estados Unidos, non vexo este feito como algo decisivo, a diferenza doutros exemplos históricos (como o atentado que sufriu Aznar por parte de ETA en Madrid), porque as estatísticas posteriores tampouco reflexan ningún cambio significativo derivado dese atentado". Así, para el, "máis que o atentado en si, o que foi moi positivo para Trump foi esa determinación que tivo no mesmo momento do suceso e nos días sucesivos, nos que seguía defendendo o interese xeral de América aínda que iso lle puidese custar a vida". "Xestionouno ben, polo seu carácter e tamén polo seu equipo de campaña, e daba a imaxe de que os poderes fácticos contrarios ao interese xeral dos americanos querían eliminalo porque senón ía destruír o seu poder para protexer ao pobo", lembra Fernández Rodríguez, chanceando con que "o descurso quedoulle perfecto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A primeira tese xa a discutimos sobradamente (a bolsa de laranxas) respecto á protección do pobo e o peche de fronteiras supoño que bastaría con ver o cinismo europeo pagando a Tukía ou montando bases en Albania ou pagando ao sátrapa de Marrocos para que se fagan cargo dos "emigrantes ilegais" para ir tirando de mala maneira... (Canarias deixou de ocupar os telexornais misteriosamente!) Pero se algo temos que considerar con calma é a situación de guerra en Ukraína (se a guerra se podía resolver con dúas chamadas de telefóno) deberamos preguntarnos que estivo facendo Borrell durante estes 5 anos á fronte da Unión Europea (?) Vendendo armas a todo cristo e chupando as comisións? Agora que se "retira" teremos oportunidade de saber se estabamos ante a 3ª GM ou era outro bo negocio socialista pagado por todos nós ? A ver que pasa co Sahara e Marrocos ?