Anova pide xenerosidade ao BNG:"Non están os tempos para axustes de contas nin rancores"

Martiño Noriega, aínda que non quere falar de tempos, nin fórmulas para integrase no Bloque, avisa: "Anova non quere ser un axente pasivo que só pida o voto". Lembra que cando a súa formación apoiou ao BNG non se falou de intercambio de postos, primou o diaĺogo e o silencio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2024 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

O que foi alcalde de Santiago e actual portavoz de Anova, Martiño Noriega, puxo en valor a xenerosidade mostrada pola formación co BNG, para a que pediu o apoio nos últimos comicios nacionais, europeos e autonómicos, pero deixou claro que "non quere ser un axente pasivo que só pida o voto".

"Anova non ten vocación de espectadora", explica o médico nunha entrevista concedida a Europa Press momentos antes de incorporarse á súa consulta de Atención Primaria en Santiago de Compostela. Na conversación, subliña que aínda que o seu partido "non ten ningún tipo de ambición institucional", si entende que "ten algo que achegar".

A organización impulsada polo histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras celebrará o sábado, día 23 de novembro, en Santiago de Compostela a súa asemblea nacional, un encontro no que marcarán a folla de ruta para os próximos anos e do que sairá ratificada a nova dirección. "Unha dirección forte politicamente e representativa do patrimonio simbólico" de Anova, capaz de levar a cabo as conversacións para "redimensionar o soberanismo do século XXI", sinala.

Nela, aprobará un documento político no que se analiza a situación de Galicia e no que se recolle o "que facer a futuro". "Estamos nun momento moi complicado, cun país en perigo de extinción polas políticas do PP", dixo para advertir tamén do "risco cada vez máis palpable da chegada da dereita e da extrema dereita a todas as institucións".

APROXIMACIÓN CO BNG

Noriega destaca que se conseguiu normalizar a relación con "un actor principal da política galega", como é o BNG, pero deixa claro que unha posible incorporación na fronte liderada por Ana Pontón non estará encima da mesa na asemblea de Anova. "Ese debate non estará encima da mesa, pero iso non é incompatible co feito de que si queremos reafirmarnos nese viario estratéxico", explica o político, que lembra que o documento asinado pola súa formación co BNG antes das autonómicas falaba de "redimensionar os pasos do soberanismo galego". "E iso ten que ir moito máis alá de chamadas ao voto", considera.

Na entrevista, reflexiona sobre os pasos que derivaron nesta aproximación co Bloque ao asegurar que se basearon no "diálogo" e o "silencio". "Todo iso deixou un pouso de que as cousas se facían en silencio, que se facían con garantías e de que non se buscaba unha rendibilidade". Ademais, lembra que cando Anova anunciou o seu apoio á candidatura de Pontón, algúns pensaron que se ía a dar "un intercambio de postos", pero subliña que "nunca diso se falou". "Para nós o importante é que a escala do soberanismo liderase o cambio político no país", incide.

VE NECESARIO BUSCAR UNHA FÓRMULA DE COOPERACIÓN

Preguntado sobre como están as relacións no momento actual e que papel debería xogar Anova, apela a buscar "unha fórmula de cooperación" que sexa "real" e que "vaia máis aló dos chamamentos simbólicos". "Hai diferentes fórmulas mentres exista vontade", dixo para trasladar que Anova porá para iso "todo o seu capital", un valor que cre que "permitiu que moita xente que estaba dubidosa de votar a unha opción ou a outra" o pasado 18 de febreiro se decantase polo espazo soberanista.

Noriega argumenta que Anova está a facer o que fixo "na década pasada" con "outros axentes". "Estamos a sacrificar a posición de parte por cooperar en algo que verdadeiramente teña potencial e sexa capaz de cambiar o estado das cousas no país", afirmou convencido da necesidade dun espazo soberanista forte nun momento de avance da extrema dereita. "Non están os tempos para paixóns tristes nin para axustes de contas nin rancores", sostén.

Por todo iso, defende que non hai "urxencia" en buscar esta fórmula de cooperación co BNG, pero si se debe de facer "con convencemento para que non sexa artificial". "Ás veces, cando teño un paciente cun problema de colesterol ou de azucre e se que ten que ter un tratamento, falo con el e como o vexo remiso, non llr poño e pómonos obxectivos para tentar emendar a situación. Moitas veces eméndase con exercicio, con dieta, pero outras veces aos oito meses vai a cousa peor. E aí sei que o paciente non só vai aceptar o tratamento, senón que o vai a cumprir", dixo para soster que as decisións deben de ter "acompañamento e arrastre".

PECHE DE CICLO COA ESQUERDA FEDERAL

Tamén considera que os pactos alcanzados na década pasada coa esquerda federal foron "importantes" porque "axudaron a romper coas fronteiras no campo da esquerda galega". "Iso foi positivo e despois construíuse un municipalismo que, a pesar de ser moi asediado, foi moi valente e cuxas liñas de traballo séguense percorrendo a día de hoxe", manifestou.

Con todo, defende que "houbo un peche de ciclo político" cando "os axentes da esquerda federal entenderon que ese tipo de cooperación non lles rentaba". "E nese sentido, coalicións artificiais que non se asentasen nunha vontade real, eran puramente oportunistas". Tras iso, Anova quedou "moi golpeada orgánicamente" por pór todo o seu patrimonio ao servizo dos espazos e "non a servizo propio". "Outros pensaron máis en si mesmos continuamente", afirmou.

REXEITAMENTO Á PROPOSTA DE SUMAR

Preguntado pola proposta da formación impulsada por Yolanda Díaz para que el fose candidato de Sumar nas autonómicas, explica que foi unha proposta que debateu. "Foi unha proposta trasladada oficialmente, o que pasa é que se entendía que era un interese máis en clave persoal que en clave de cooperación dos espazos", dixo para asegurar que el non está na política por unha "cuestión persoal" e sinalar tamén que "a propia construción de Sumar a nivel galego "foi moi vertical, moi acelerada e moi pouco apegada á dinámica do país".

O portavoz de Anova e o exalcalde de Santiago Martiño Noriega, Martiño Noriega, nunha entrevista con Europa Press. ÁLVARO BALLESTEROS / EUROPA PRESS / Europa Press
O portavoz de Anova e o exalcalde de Santiago Martiño Noriega, Martiño Noriega, nunha entrevista con Europa Press. ÁLVARO BALLESTEROS / EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta