Por Ángela Precedo | VIGO | 16/11/2024 | Actualizada ás 20:00
O veganismo é unha opción que vai máis aló da alimentación, é unha verdadeira filosofía de vida, e cada vez é algo máis estendido entre a poboación. Sen embargo, as familias veganas compostas non só por seres humanos, senón tamén por mascotas, tiñan unha necesidade para a que necesitaban cobertura: como conseguir que a dieta do seu can ou do seu gato, un membro máis da unidade familiar, fose tamén vegana? Pois, dende fai pouco máis de dous meses, iso xa é posible grazas a unha empresa que se adica a comercializar penso vegano para moi diversos tipos de mascotas en España: PinkPeas. Dende o Galicia Confidencial falamos con Carla Aparicio, directora desta tenda 'online' que abriu o mes de agosto, derivada dun proxecto máis grande, LidaVet, a única clínica veterinaria vegana de España, ubicada en Barcelona. Foi invitada na edición da feira Vegana.gal, celebrada este ano en Vigo, na que deron a coñecer todas as súas opcións de alimentación vegana para mascotas.
Carla explícanos que "todos os produtos que hoxe vendemos en PinkPeas xa os tiñamos dende antes na nosa clínica veterinaria, o que acontece é que a xente que pasaba por alí nolos solicitaba logo dende outros puntos de España, porque nos contaban que non eran quen de atopalos noutras tendas". Foi por iso que "decidimos abrir esta web". E é que, efectivamente, confesa que, "a nivel comercial, é practicamente imposible atopar alimentación vegana para mascotas, porque as marcas habituais non teñen unha liña vegana". Así, aparte de PinkPeas, unicamente hai un par de tendas 'online' máis nas que se poden conseguir, así como algunha tenda física que conta con alimentación vegana para humanos e que, a maiores, ten algo para animais, pero pouca cousa. "Non son produtos que un poida atopar de casualidade cando vai ao supermercado facer a compra diaria", asegura Carla, que lamenta que "actualmente, en España, non estamos nese punto, e nin sequera estamos preto de estalo", a pesar de que "semella que noutros países de Europa si comezan a tocar esa posibilidade".
"A BASE DOS PENSOS VEGANOS ESTÁ NOS LEGUMES E NOS CEREAIS E O ANIMAL PODERÍA ALIMENTARSE SÓ CON ELES E TER TODOS OS NUTRIENTES QUE PRECISA"
E con que se fan os pensos veganos? A directora de PinkPeas explica que, "no planeta contamos cunha cantidade tremenda de vexetais, polo que temos mil opcións distintas de receitas para facer, pero, fundamentalmente, os pensos veganos están feitos a base de legumes, xa que ao final os animais adoitan precisar dunha fonte proteica moi importante, e esta adoita atoparse nos legumes e nos cereais". Así, no caso dos cereais, "téntase que sexan cereais de gran antigo, que se chaman, é dicir, cereais menos habituais que o trigo branco, como o trigo sarraceno, o centeo, o millo miúdo ou outros polo estilo, moi útiles tamén para evitar alerxias". Actualmente, nesta tenda, contan xa con alimento vegano para cans, gatos, coellos, chinchillas, cobaias, hámsteres, ratas, aves e, en menor medida, tartarugas; e como asegura Carla, "estamos intentando chegar a máis especies como peixes e mesmo furóns, pero agora mesmo aínda non nos é posible, porque non hai nada comercializado no mercado ou hai moi pouco, como acontece no caso das tartarugas".
A gran pregunta, que de seguro se están facendo moitas persoas ao ler isto é: é posible que un animal leve unha dieta equilibrada alimentándose unicamente de comida vegana? Para Carla a resposta evidente é que si, aínda que advirte de que, "como con todas as cousas, hai que mirar sempre o caso individual de cada animal, porque pode ser que haxa algún que padeza unha patoloxía moi concreta e que mereza un estudo detallado do caso". Pero, en xeral, asegura que "a resposta é si, sempre", tendo en conta que "a dieta que se elixa, a marca ou o menú vegano que cada quen decida prepararlle na casa, debe ser completo e de boa calidade". "Cando un alimento é completo, xa sea penso ou unha latiña, quere dicir que contén todos os nutrientes, tanto os macronutrientes como os micronutrientes, dende proteínas ata hidratos, pasando polas graxas, as vitaminas e os minerais precisos para a especie que o vai comer", de tal maneira que "non son o mesmo as necesidades que poida ter un can que as dun gato". Así, Carla afirma que "se un penso se anuncia como completo significa que o animal podería alimentarse só diso e tería xa todo o que precisa".
"INTENTAMOS TER MOITA VARIEDADE, PORQUE SE AS FAMILIAS SÓ CONTAN CUNHA REFERENCIA, Á QUE AO ANIMAL NON LLE GUSTE, QUEDAN SEN OPCIÓNS"
Agora ben, non é menos certo que os animais rematan cansándose de comer sempre o mesmo, como nos pasa aos humanos, e que mesmo hai certos pensos e alimentos que non lles gustan e que rexeitan, por iso neste caso tamén é importante que as opcións veganas sexan variadas. Carla amósase consciente de que "un dos motivos polos que intentamos ter moita variedade, algo que no caso dos produtos para can xa conseguimos e que no caso dos de gato estamos traballando para ter no primeiro trimestre do 2025 o catálogo completo, é porque sabemos que é moi doado que, se soamente contas cunha referencia de penso, á que ese penso non lle guste ao animal, ou se canse, ou non lle sente ben porque leva un determinado ingrediente, xa quedas sen opcións", e "ese é un dos problemas que teñen e que nos transmiten as familias veganas: que unha vez que se deciden a darlle aos seus animais unha alimentación vegana, como lles falle o único comodín que atoparon, quedan sen opcións". De aí que en PinkPeas tentan "ter unha variedade grande para que as familias veganas poidan ofrecerlle aos seus animais as mesmas opcións que as familias que lles dan carne".
Outra cousa sobre a que chama a atención Carla é que, directamente, o problema xa non é que nos supermercados non haxa produtos para alimentación vegana de cans ou gatos, senón que os que hai, non veganos, "xa de por si son de baixísima gama, custen o que custen economicamente, cunha calidade horrorosa", de tal maneira que, "si ti queres darlle á túa mascota unha boa calidade xa tes que irte a tendas especializadas". O problema, dende logo, está en que, "se o que queres é darlle unha alimentación vegana, aínda é moito máis difícil". A conclusión, como apunta Carla é: "Estamos moi lonxe aínda de que haxa boa calidade de alimentación para animais nos supermercados, pero estamos aínda máis lonxe de que haxa alimentación vegana neles". Por que? Porque, como explica, "en España sempre imos un paso por detrás, e a alimentación vegana para cans e gatos aínda se considera unha novidade e algo controversial, a pesar de que noutros países de Europa como é o caso de Inglaterra ou Alemaña é algo que xa está á orde do día".
"EN INGLATERRA CONTAN XA CON MOITAS MARCAS DE ELABORACIÓN NACIONAL E ALGUNHAS TEÑEN VENDAS SEMELLANTES Á MARCAS CÁRNICAS RECOÑECIDAS"
Tanto é así que asegura que "nestes países teñen contan con moitas marcas de elaboración nacional, e, de feito, hai moitísima competencia entre eles, habendo algúns que mesmo teñen unha cantidade de vendas semellante a moitas marcas coñecidas cárnicas". En caso de que algún día España chegue a ese nivel, "entón poderemos comezar a pensar en que haxa opcións veganas dispoñibles nos supermercados", mentres tanto, iso é unha verdadeira utopía. Carla resalta tamén que "o primeiro penso vegano comercializado data xa no ano 1980, é dicir, conta xa con máis de 40 anos, non é nada novo, e foi feito por unha fábrica que tivo a valentía de tirarse á piscina". Sen embargo, "en España semella que isto sexa algo que xurdiu fai un par de anos, cando a alguén se lle iluminou unha bombilla, e a xente non se fía dos produtos, a pesares de que moitos conten xa co respaldo de moitos anos e moitos consumidores ás súas costas", conclúe.
Ademais de penso, en PinkPeas tamén hai todo tipo de comida húmida, en varios formatos, e unha ampla gama de 'snacks' de formas moi variadas, de tal maneira que "podes atopar de todo, especialmente para can, xa que de gato estanos costando algo máis atopar variedade". Aparte de alimentación, Carla conta que tamén teñen unha liña moi grande de suplementos nutricionais, pensada para que cans e gatos con algunha patoloxía poidan cubrir a falta que poidan ter dalgún nutriente. Así mesmo, dispoñen de toda unha gama de xoguetes veganos, que, segundo apunta a directora da tenda, "foron coidadosamente seleccionados por ser ecolóxicos e ter unha menor pegada de carbono", porque "intentamos que os xoguetes que temos á venda teñan algo especial, de tal xeito que encaixen na nosa selección de produtos". A maiores tamén dispoñen dalgunhas cousas de hixiene veganas, como champús para cans, pero "iso xa é unha liña máis residual da oferta, con moita menor cantidade de produtos en comparación coa alimentación".
"ESTAMOS REMATANDO NEGOCIACIÓNS CUNHA MARCA ESTADOUNIDENSE E OUTRA CANADENSE; EUROPA XA SE NOS ESTABA QUEDANDO PEQUENA EN VARIEDADE"
Conseguir todos estes produtos, dende logo, tampouco é algo doado nin ao alcance da man, polo que dende PinkPeas "tivemos que ir buscar a outros países, xa que aquí, de fabricación nacional, aínda temos moi pouca cousa e moi pouca variedade". Dentro da Unión Europea, "si puidemos atopar algunhas cousiñas interesantes en Alemaña e introducilas a medias en España, pero, sobre todo, tivemos que buscar aprovisionamento en Inglaterra, donde si que contan cunha variedade enorme, e comezar a importar produto dende alí", porque "doutro xeito éranos materialmente imposible, non había maneira". Actualmente, a directora da marca conta tamén que "estamos rematando negociacións cunha marca estadounidense e con outra canadense, porque dámonos conta de que mesmo Europa se nos queda pequena a nivel de opcións e de atopar toda a variedade que queremos ofrecer aos nosos clientes". Aínda con todo, e aínda sendo complicado, Carla asevera que "nada é imposible e estámolo logrando, porque ao final atopámonos nun mundo globalizado, tanto para o bo como para o malo, e, neste caso, o bo é que podemos ter acceso a produtos máis especiais e que non sexan de fabricación nacional e poñelos no noso catálogo".
Agora ben, a gran pregunta é: como foi a acollida dunha tenda adicada a un sector poboacional tan concreto como é o das persoas (e, por ende, os seus animais) veganas? "Estamos moi contentas coa acollida que tivo a tenda 'online' nestes dous meses e medio que leva aberta", e, ademais, "na feira Vegana.gal recibíronnos de marabilla e notamos moito o cariño da xente, que nos deu as grazas por vir cubrir unha necesidade que tiñan as familias neste aspecto e que non sabían que podían resolver", asegura Carla, que conta que mesmo "había familias que se emocionaban porque nos dicían que, ata atoparnos, xa se deran por vencidas na procura de alimentación vegana para as súas mascotas, por crer que xa non había nada que facer, que era unha loita perdida e que non poderían veganizar aos seus animais". Así, "cando nos descubriron expresáronnos a súa felicidade e déronnos moito apoio, realizando pedidos cada mes, o que demostra que cando proban os nosos produtos, gústanlles e repiten".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.