Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 11:27
O coordinador da Comisión de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela, anunciou este martes a súa dimisión e a súa baixa do partido con críticas ao "equipo claramente incompetente" do conselleiro de Cultura, José López Campos, especialmente en política lingüística e nas negociacións para alcanzar un pacto polo galego.
Chapela é tamén concelleiro do PP en Bueu desde o ano pasado, pero xa confirma que non deixará a acta, senón que se manterá na Corporación como edil non adscrito despois de meses de desavinzas coa súa p ortavoz municipal, Elena Estévez.
Así o explica nun comunicado, avanzado por Europa Press, no que o responsable de Cultura do PPdeG, que se define a si mesmo como "conservador" e "manifestamente galeguista", critica os "diferentes cambios" que sufriu a Consellería do seu mesmo ámbito.
E é que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha vez reelixido o pasado abril, outorgou a José López Campos a carteira de Cultura --xunto con Lingua e Xuventude-- que antes compartía departamento con Educación, a cargo de Román Rodríguez.
Esta substitución, para Chapela, supuxo a "chegada dun novo equipo claramente incompetente" para xestionar, "especialmente para tratar a área de Lingua", o cal considera "un alicerce" tanto para Galicia como para el mesmo.
De feito, refírese a declaracións dos últimos días do conselleiro respecto diso do pacto político e social polo galego "que constitúen unha evidencia máis da incapacidade para xestionar un futuro para a lingua nun momento no que as mensaxes esperanzadoras deben ser o eixo fundamental" e sen "balóns fóra".
Chapela foi nomeado coordinador da Comisión de Cultura con 22 anos, en 2022, cando Rueda chegou á Presidencia do PPdeG tras o salto de Alberto Núñez Feijóo á política estatal. Por tanto, tamén forma parte do Comité Executivo do partido.
"DIFERENZAS" COA PORTAVOZ EN BUEU
A este "lóxico descontento" co funcionamento do partido e a Consellería súmanselle as súas "diferenzas" coa portavoz municipal en Bueu. Todo comezou cando, no pleno de xullo, se abordou un proxecto en rúa Nova de Arriba que supuña a desaparición do aparcadoiro de coches do centro de Beluso para pasar a ser unha zona verde.
"Unha promesa adquirida na campaña fora a de opornos a ese peche", relata o concelleiro, quen critica que, "minutos antes do pleno", Estévez ordenou a abstención. Con todo, Chapela decidiu romper a disciplina de voto e facelo en contra por "lealdade á palabra dada aos veciños", que para el é "o máis importante".
Por iso, tal e como desvela no comunicado, a portavoz iniciou un expediente sancionador que, finalmente, non chegou a termo. Pero Chapela "non cre nesa maneira de facer política", senón na que concibe esta actividade como "unha ferramenta" e "un medio para solucionar os problemas da xente". No seu caso, desde unha opción "conservadora e manifestamente galeguista".
"É por iso que non podo soster unha oposición que non achega nada, que se limita a asistir a actos sen facer propostas de verdade, pois moitos dos meus compañeiros trasladan ideas de calidade que, despois, quedan sempre freados", continúa.
Chapela leva "desde o mes de xullo" meditando sobre os pasos a dar e "sobre o que se pode construír desde dentro" do partido. Con todo, cre que "non é posible articular nada máis" nin "falar con quen non quere escoitar e con quen non ten un proxecto municipal debaixo do brazo". "Para min, a política non é figurar nas fotos, senón construír", engade.
Por todo iso, Chapela decidiu non só renunciar á coordinación de Cultura do PPdeG, senón tamén a darse de baixa como militante. Iso si, manterase como concelleiro non adscrito no Concello de Bueu para "defender os compromisos" adquiridos na campaña e "debéndose, exclusivamente, á veciñanza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.