Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 13:23
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou á "unión" para combater a violencia machista nunha sesión de control na que foi interpelado polo líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na que tamén avanzou que Galicia será "pioneira" en España en ter unha lei específica para combater a violencia dixital en 2025.
Na sesión de control da Cámara, adiantada un día para que Rueda poida compaxinala coa viaxe a Brasil que emprende este mesmo martes a Brasil, e tras recibir duras críticas de Besteiro, o presidente advertiu que este é "un asunto que hai que tomar en serio" e que se debería abordar desde a unidade.
"Creo que a loita contra a violencia machista non ten gaivotas, nin bandeiras estreladas, nin puños e rosas. O que ten ou debería ter é a unión de todos", proclamou, antes de reivindicar os pasos dados por parte do seu Executivo e de ratificar que haberá novas medidas como unha norma específica para combater os casos de acoso e violencia exercida a través das canles dixitais.
CATRO MULLERES MORTAS EN GALICIA ESTE ANO
Previamente, Besteiro iniciou a súa intervención lembrando o último crime machista rexistrado en Galicia, o de Estela Blach en Baiona, e advertiu que non se trata de "outra cifra, senón un drama", e incidiu na "falta de resposta efectiva" por parte da Xunta ante unha "emerxencia" que afecta directamente as mulleres, novas e á infancia en Galicia.
Non en balde, lembrou que no que vai de ano Galicia sufriu o asasinato de catro mulleres, 7.438 foron vítimas de violencia machista, e 78 nenos e nenas sufriron violencia vicaria. E, tras afear a Rueda os pactos do PP con dirixentes de Vox que cuestionan a violencia machista, pediulle "determinación" e instoulle a "desmarcarse de políticas negacionistas que matan".
Un dos principais argumentos do dirixente socialista foi o de incidir en que foi "un grave erro" a decisión de Rueda de "rebaixar" o rango da Secretaría Xeral de Igualdade e "separar" en dúas direccións xerais a promoción da igualdade e a loita contra a violencia machista, e que non dependan de Presidencia.
Baixo o seu punto de vista, a división en dúas áreas "desmantela a transversalidade necesaria" para combater a violencia machista, por iso instoulle a "rectificar" o paso. O dirixente socialista tamén denunciou outras "deficiencias" no enfoque da Xunta, como "a desaparición do Sistema Galego de Igualdade, o peche dos centros 'Quérote' destinados á mocidade, e a insuficiencia dos Centros de Información á Muller (CIM).
RUEDA DEFENDE A ORGANIZACIÓN ADMINISTRATIVA DO seu GOBERNO
"Íalle a agradecer o ton xeral da pregunta, pero non puido evitar a tentación de irse ao final a acusacións partidistas", contestou, antes de pór en dúbida que a estratexia de combate dun goberno contra a violencia machista dependa "tan decisivamente da organización administrativa". "En todo caso, se di que foi unha mala decisión que o departamento de Igualdade non dependa da Presidencia, lémbrolle que no bipartito tampouco", esgrimiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.