Todos contra Pedro Sánchez

Feijóo acúsao de levar o PSOE ao "suicidio colectivo", José Blanco di que "máis ten que pasar para que o partido reflexione" e Pablo Iglesias advirtelle que ten que mirar "de igual a igual" a Podemos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 26/09/2016 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

O lume que as eleccións galegas e vascas prendeu no PSOE, lonxe de apagarse, vai camiño de converterse nun gran incendio que pode deixar moi chamuscado a Pedro Sánchez. E é que, cos datos aínda sen dixerir, son moitos os que se teñen lanzado contra el, tanto dentro como fora do seu partido.

Susana Díaz e Pedro Sánchez nunha xuntanza do PSOE
Susana Díaz e Pedro Sánchez nunha xuntanza do PSOE | Fonte: elconfidencialdigital.com

Ás críticas internas, o líder do PSdeG, ten que sumar agora a dos populares. Este luns, o presidente da Xunta de Galicia e do PP, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou os resultados destes comicios para atacar a Sánchez. "Espero que os resultados en Galicia e no País Vasco fagan comprender ao líder do PSOE que non pode podemizar o seu partido, porque iso sería levalo ao suicidio colectivo", dixo.

En varias entrevistas, Feijóo converteuse en politólogo do PSOE e alertou sobre a posibilidade de que este partido se convirta nun "sucedáneo" de Podemos. "O PSdeG cometeu un fallo de estratexia ao dicir, ao principio da campaña, que estaba disposto a facer presidente da Xunta o candidato de En Marea, e está convencido de que iso fixo que perdera apoios", dixo en sintonía co publicado por varios medios de comunicación afíns.

Curiosamente, Feijóo xa recibiu a felicitación do presidente extremeño, Guillermo Fernández Vara, un dos principais críticos con Sánchez. Sen embargo, o presidente galego matizou que xa o coñece de hai tempo. "Cando gaña el chámolle eu e cando gaño eu chámame el", asegurou.

con todo, a Sánchez xa lle saíron críticos dentro do seu partido, entre eles o exvicesecretario xeral do PSOE José Blanco. "Que máis ten que pasar para que o PSOE reflexione", dixo sobre os malos resultados do seu partido nas eleccións vascas e galegas. Quen fora número dous no PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero expresouse así nunha mensaxe na súa conta de Twitter.

Pablo Iglesias e Podemos

Outro que se sumou ás recomendacións ao líder socialista foi o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias. Así, destacou que os resultados das eleccións vascas e galegas obrigan á formación liderada por Pedro Sánchez a recoñecer "que sós non poden" e que deben "mirar de igual a igual" a Podemos para chegar a un entendemento.

"O PSOE non nos pode ver como unha forza subalterna", defendeu o líder do partido morado nunha entrevista no programa 'La Cafetera' de Radiocable, recollida por Europa Press, reafirmando así a súa convicción de que a relación cos socialistas debe pasar por establecer unha negociación de "igual a igual" que teña como obxectivo formar un goberno de coalición.

"Quedou demostrada unha cousa: O PSOE só non pode. Está por detrás de nós en Euskadi e Galicia", resaltou. Neste sentido, Iglesias pediulle a Sánchez que sexa "valente" para intentar chegar a un "entendemento" e "facer un goberno xuntos", aínda que tamén recoñeceu que tras as eleccións deste domingo e os malos resultados do PSOE, "moitos seguramente quererán dicirlle que se absteña" e permita que goberne o PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta