Non hai cartos para os megaproxectos 'Abrir Ferrol ao mar' e 'Cidade do deporte', di Ferrol en Común

Pide "unha especial atención aos barrios de San Pablo e Recimil"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2024 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal de Ferrol en Común no Concello, Jorge Suárez, asegurou que a día de hoxe non existe "ningunha licitación de obra que poida garantir" que os dous proxectos do goberno de Rei Varela 'Abrir Ferrol ao mar' e a 'Cidade do deporte' se vaian "a desenvolver con plenas garantías" e que o financiamento destes "dous megaproxectos, que suman máis de 20 millóns de euros, non pode desenvolverse cando o Concello de Ferrol ten que achegar o 50%".

"Unha administración moito máis pequena, con moitos menos recursos que a Xunta, que tan só achegaría o 50% destes investimentos", aseverou Suárez. Así se manifestou o exalcalde ferrolán este xoves en rolda de prensa, onde criticou que desde o goberno do PP non fosen aceptadas a achega da súa formación política, xa que "non abriron ningunha porta, ningunha vía de diálogo para negociar uns orzamentos que nos impoñen sen ningún tipo de debate", pero que pesa a iso, destacou, teñen "a obrigación, en representación da cidadanía que sente afectada por estas contas" de presentar estas achegas para "mellorar un documento que está centrado en repetir ano tras ano partidas que non se executan".

"Dous grandes proxectos faraónicos necesarios, non cabe dúbida, pero que poderían financiarse doutra maneira, espaciarse no tempo para ter unha economía local máis sustentable, máis completa, máis centrada nos veciños", expuxo Suárez sobre estes proxectos.

ACHEGAS

En canto ás achegas de Ferrol en Común a estas contas, reclamou "unha especial atención aos barrios de San Pablo e Recimil, coa posta en marcha de plans sociocomunitarios", así como actuacións para a mocidade nos ámbitos da vivenda ou o emprego, ademais de "unha participación cidadá plena, coa convocatoria de asembleas de barrio, coa activación do Regulamento de Participación Cidadá". Tamén un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e as novas ordenanzas de ruídos, de concesión de postos nos mercados municipais ou un plan de mobilidade".

Ponte das Pías, entre Fene e Ferrol
Ponte das Pías, entre Fene e Ferrol | Fonte: Radiofusion

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta