Rueda contra Besteiro polas subvencións a Altri: "A única vez que lle fan caso en Madrid é para non dar cartos a Galicia"

A Xunta critica a Pontón pola "xudicialización" de Altri e ir en contra da decisións dos técnicos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/04/2025 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

Altri segue moi presente na actualidade política galega e segue sendo unha pataca quente para o actual Goberno galego tras aprobar os informes de impacto ambiental (DIA) para a súa implantación en Galicia. De feito, a Xunta insiste día tras días na necesidade de que este proxecto reciba fondos do Goberno central, en concreto, 250 a través dos Next Generation.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na manifestación contra Altri e a mina de Touro-O Pino. Na Pobra do Caramiñal. A 22 de marzo de 2025.. ELENA FERNÁNDEZ
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na manifestación contra Altri e a mina de Touro-O Pino. Na Pobra do Caramiñal. A 22 de marzo de 2025.. ELENA FERNÁNDEZ | Fonte: EUROPA PRESS

Por iso, este luns, o presidente galego cargou duramente contra o líder do PSdeG, José Ramón Besteiro, por opoñerse a este financiamento público para unha actividade contaminante como o dunha celulosa. "Para unha vez que lle fan caso ao líder socialista é para que non se destinen cartos a Galicia. Unha pena que non lle fan caso para nada e lle fagan caso nisto", ironizou.

Ademais, Ruede aproveitou para criticar duramente a decisión do BNG de levar aos tribunais á Xunta por non presentar toda a documentación sobre a aprobación do DIA de Altri. "É outra ameaza máis de botar polo chan a credibilidade dos técnicos e de tentar levar a todos por diante", dixo ao tempo que suliñou que a Xunta actuou "con total legalidade e vai seguir facéndoo".

A CE AGARDA "UNHA SÓLIDA AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL"

Mentres, a Comisión Europea espera que "as autoridades rexionais responsables leven a cabo unha sólida avaliación de impacto ambiental" do proxecto. En resposta por escrito --con data de 4 de abril de 2025-- a unha pregunta do BNG, a comisaria de Medio Ambiente da UE, Jessika Roswall, limítase a apuntar que o procedemento de avaliación de impacto ambiental "está actualmente en curso e o proxecto non foi autorizado polo momento". "Por tanto, aínda non é posible comprobar o cumprimento das disposicións do dereito da Unión aplicables", agrega.


Así, espera que a avaliación se faga tendo en conta "todos os obxectivos ambientais pertinentes e, en caso necesario, con medidas de mitigación idóneas para garantir que o proxecto cumpra a lexislación aplicable, e en particular as directivas de protección da natureza e a directiva marco da auga". Tamén lembra que "os Estados membros son os principais responsables de garantir o cumprimento do Dereito da Unión". Respecto diso, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda advirte de que o BNG estará "vixiante" para "evitar o terrible impacto ambiental da macrocelulosa Altri". "Estamos ante un proxecto que contaminará o mar e a terra e que segundo os estudos científicos vulnerará ata 14 directivas europeas", denuncia Miranda.

LOITA XURÍDICA DE ECOLOXISTAS

Por outra banda, a campaña de doazóns impulsada por Adega para emprender a loita xudicial contra Altri superou os 30.000 euros recadados en pouco máis dunha semana. A organización ecoloxista lanzou o pasado 28 de marzo o micromecenazgo 'Xustiza para o Ulla' para recadar fondos para a defensa xurídica do Ulla e a ría de Arousa fronte á "macrocelulosa" de Altri e a mina de Touro-O Pino. Actualmente, supera o 75 % do obxectivo de recadación, que ascende a 39.100 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta