Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2025 | Actualizada ás 17:55
Galicia non terá, de momento, un plan de choque para afrontar os aranceis cos que o populista Trump ameaza á economía europea, dun 20%, e que tamén tería un impacto importante en Galicia. A Xunta cifrou en 700 millóns de euros as perdas por estes gravames.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quere primeiro falar co Goberno central e escoitar a súa proposta, antes de adoptar ningunha decisión para Galicia. De feito, o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, xa convocou unha xuntanza cos conselleiros autonómicos do ramo para esta semana. "Imos escoitar e nun mundo global hai que actuar de xeito conxunto e, sobre todo, a UE. Hai que escoitar ao Goberno español antes de tomar decisións porque igual teñen información que aquí non temos", xustificvou Rueda ao ser preguntado un plan galego anti-aranceis.
O titular da Xunta aposta por manter canles abertas con USA. "Iso é intelixente", dixo ao tempo que propuxo poñer a ollada en novos mercados, sobre todo, no Mercosur. Ademais, fixo un chamamento á simplificación de trámites burocráticos "que entorpecen vendas ao estranxeiro" e reclamoulle ao Executivo central a "mobilización de fondos europeos" que están, dixo, "aínda sen executar".
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, urxiron ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que adopte medidas para os sectores produtivos galegos máis afectados polos aranceis anunciados a semana pasada polo presidente de Estados Unidos, Donald Trump.
"Unha vez máis, temos un goberno que, ante situación que afectan á nosa economía, dálle as costas aos sectores produtivos", lamentou Pontón. A líder da oposición criticou que o Executivo galego quere "minusvalorar o impacto" dos aranceis na economía de Galicia e pediu que ensine "os informes" que empregou Lorenzana para asegurar que EEUU "non é unha economía nin un mercado crave" para a Comunidade.
Dito isto, Pontón acusou á Xunta de "dar as costas" aos sectores afectados e de colaborar "única e exclusivamente" a aqueles proxectos "agresivos co territorio". Neste contexto, o secretario xeral do PSdeG reiterou a petición que facía a semana pasada a Rueda de reunirse para adoptar "unha posición común" respecto diso dos aranceis e, así, "liderar" a resposta ante as perdas que van soportar as empresas galegas, para as que pediu liñas de "axudas e avais", porque é "competencia" da Xunta.
Ademais, José Ramón Gómez Besteiro considera que esta reunión a nivel político permitirá "definir onde está cada un" ante o actual escenario xeopolítico global e para reclamar "investimentos para Galicia" en materia de seguridade e defensa.
EXECUCIÓN DÉBEDA GALICIA
Por outra banda, o presidente da Xunta puxo en valor que Galicia pechou 2024 co 100% do orzamento executado e cun superávit do 0,25%, ata 202 millóns de euros, reducindo á súa vez a débeda en 234 millóns. Así o sinalou o mandatario galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta celebrado este luns, onde destacou os datos dun informe que acredita "a boa saúde das contas públicas", o que permitiu á Comunidade rebaixar o cociente débeda/PIB ao 14,5%.
O documento presentado pola Consellería de Facenda tamén recolle que o saldo positivo foi motivado por unha liquidación do SFA superior á inicialmente prevista, que permitiu a recuperación da concesión de catro autovías, cun aforro de 342 millóns de euros nos exercicios futuros. Esta operación ten carácter financeiro e, por tanto, non ten impacto no cálculo do saldo.
FEIÓO CRE QUE O REAL DECRETO DO GOBERNO TEN "MARXE DE MELLORA"
Pola súa banda, o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, considera que o real decreto que o Goberno levará este martes ao Consello de Ministros para paliar os aranceis promovidos pola administración americana de Donald Trump ten "marxe de mellora" e expuxo un paquete de medidas que fará chegar ao Goberno, como unha rebaixa de cotizacións aos afectados e incentivos fiscais. Tras expresar a súa confianza en que o Executivo lles "escoite", tendeu a man ao Goberno asegurando que non haberá unha resposta "adecuada" á guerra comercial "sen unidade".
"En ningún sector, e tampouco en política, hai cheques en branco. Por iso, espero que o Goberno escoite e entenda que o traballo que hai por diante é inxente, moito máis amplo e moito máis profundo do que hoxe nos puxeron sobre a mesa", declarou, para recalcar que deben porse "ao choio" e "traballar xuntos" porque "hai moito tallo" e "moita tarefa". Así se pronunciou tras reunirse durante máis de dúas horas na sede nacional do PP cunha trintena de asociacións e organizacións afectadas polos aranceis, á que tamén asistiron os conselleiros das CCAA do PP (entre eles a galega María Jesús Lorenzana) e varios cargos da cúpula da formación.
Fontes do PP indicaron que o Goberno remitiu onte á noite de madrugada --ás 00.45 horas-- o texto do real decreto que irá este martes ao Consello de Ministros e esta mesma tarde o PP enviará a Moncloa un documento formal coas súas propostas para "enriquecer" ese decreto. Ademais, os 'populares' están á espera dunha chamada entre o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, e o vicesecretario de Economía do PP, Juan Bravo, que podería producirse esta tarde para explicarlle directamente as medidas que expón o primeiro partido da oposición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.