Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/10/2016 | Actualizada ás 17:24
A división que vive o socialismo español non é allea a Galicia. Tamén aquí os distintos dirixentes están divididos sobre a decisión adoptada polo Comité Federal do PSOE de absterse para facilitar a investidura de Rajoy. Os críticos insisten en quen se consulte á militancia, mentres que os oficialistas defenden a postura.
Así, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, apremou a convocatoria dun congreso federal do PSOE co fin de "resetearse". “É máis conveniente, con rapidez relativa, convocar un congreso federal e despois o resto, porque o partido debe resetearse e para iso hai que elixir un líder", dixo.
"A miña opinión dareina nos órganos en que teño que dala, pero parte do que nos pasa no partido é por iso, por sacar nos medios de comunicación parte das nosas opinións," resolveu.
O PSOE “ocupa o seu espazo”
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, proclamou este luns que arrancou unha "nova fase" e "rematou o PSOE que solo quería pelexar polo segundo posto", ao tempo que afirmou que o seu partido debe estar "na batalla" de ser a primeira forza, de volver ser "un proxecto hexemónico" e así gañar eleccións para cambiar España.
En declaracións aos medios, o rexedor (que, pola súa condición de presidente da FEMP, é membro nato da Executiva federal socialista) subliñou que este domingo o PSOE iniciou o camiño para recuperar a súa posición, fronte á que tivo nos últimos anos, e que lle levou a ter só o 22 por cento do apoio electoral. "Onte –polo domingo-- rematouse aquel PSOE que solo quería pelexar polo segundo posto, e empezou o PSOE que vai pelexar a fondo por ser a primeira forza política de España e dirixir este país", aseverou.
Segundo Caballero, a sociedade española "reclama" que volva o Partido Socialista de Felipe González ou de José Luis Rodríguez Zapatero, cun "proxecto maioritario" para cambiar España. "¿Ou alguén cre que se vai cambiar este país sendo a segunda ou terceira forza? Non, o país cámbiase gañando as eleccións, derrotando ao PP", advertiu.
Diálogo
Nunha postura intermedia situouse o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, que defendeu "moito diálogo interno" para resolver a "fractura" do PSOE e o PSdeG e, deste modo, "restablecer a unidade". Para iso, apostou por actuar con "máxima cautela" para "ser capaces de ir reducindo as diferenzas" existentes na organización a nivel estatal e autonómico.
Nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, que o feito de que o PSOE e o PSdeG perderan "apoios pola esquerda" dificulta "levar as reivindicacións sociais" ao Goberno. Sobre a súa condición de voceiro parlamentario, sinalou que puxo o seu cargo a disposición da xestora do partido e que foi unha decisión unánime desta a que lle levou a asumir a portavocía do PSdeG no Parlamento galego. Non obstante, indicou que se hai algún tipo de cambio non terá problema en asumir a posición na que o coloquen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.