Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/02/2017 | Actualizada ás 13:08
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), logrou un novo avance no desenvolvemento e a posta a punto de ferramentas biotecnolóxicas para a conservación ex situ de material vexetal de especies forestais mediante cultivo in vitro.
"Desde hai máis de 25 anos desenvolvemos investigacións básicas e aplicadas encamiñadas á mellora, propagación vexetativa e conservación de especies forestais mediante a biotecnoloxía vexetal. Entre as especies obxecto do seu estudo figura o bidueiro, carballo, castiñeiro, faia, chopo, paulonia, aciñeira, sobreira, olmo, aliso e a cerdeira forestal. Agora, tras seis anos de ensaios en laboratorio, puxemos a punto a metodoloxía de micropropagación para a rexeneración de plantas de amieiros seleccionados en diversas concas hidrográficas de Galicia afectadas pola enfermidade causada por Phytophthora alni. Os detalles desta investigación acabámolos de presentar a través do capítulo 'Biotechnological approaches for the improvement and conservation of Alnus glutinosa (L.) Gaertner', publicado no libro Plant Tissue Culture: Propagation, Conservation and Crop Improvement, da editorial Springer", explican Mª del Carmen San José e Elena Corredoira, do CSIC.
A investigación que deu lugar a este avance científico enmárcase dentro do proxecto 'Conservación a longo e medio prazo de xermoplasma de amieiro', que ambas dirixiron e que contou con financiamento do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES).
Nestes momentos, o grupo continúa con esta liña de investigación a través de realización de traballos de investigación encamiñados á obtención de exemplares de amieiro tolerantes a Phytophthora alni, praga que causou a morte dun gran número de exemplares nos ríos das concas do Miño-Sil e Limia. Estes traballos enmárcanse nunha encomenda de xestión coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Prevese dispoñer dos resultados nos próximos meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.