O presidente da Deputación de Lugo abre as portas do goberno ao BNG e ao díscolo Martínez

Darío Campos espera poder levar o proxecto de orzamentos ao pleno ordinario do 1 de marzo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2017 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, reiterou que están "abertas as portas" para un regreso ao goberno provincial do BNG e do deputado non adscrito e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez.

Darío Campos.
Darío Campos.

Os dous deputados nacionalistas abandonaron o goberno o verán do pasado ano por desencontros por mor dos orzamentos e Martínez foi expulsado do Grupo Provincial Socialista tras apoiar propostas do PP, que é o grupo maioritario con doce deputados, fronte a 10 do PSOE, dous do BNG e un non adscrito.

Campos admitiu, con respecto a Martínez, que se produciron "contactos". "Eu sempre dixen que estaban as portas abertas tanto para Manolo Martínez como para o BNG para volver ao goberno, aínda que agora mesmo a prioridade son os orzamentos e despois xa veremos", sostivo.

Precisamente Campos abundou en que a súa "prioridade" é aprobar as contas provinciais, para o que o pasado ano contou co apoio dos populares e de Martínez. "A miña prioridade é aprobar os orzamentos coas forzas máis próximas ao goberno, que serían neste caso o BNG e Manuel Martínez", reiterou.

Tamén espera contar co apoio do grupo popular e, así, anunciou que falará tamén co PP. "E, unha vez que falemos, tampouco poderán negarse a aprobar os orzamentos, que son uns orzamentos bastante equitativos e realistas para toda a provincia", segundo aseverou. "Sempre dixen que tentaría buscar o consenso e cantas máis forzas, mellor", engadiu.

O proxecto tentarao levar ao pleno ordinario do 1 de marzo, e, en caso de non ser posible, avanzou que irían a unha sesión extraordinaria que Campos calcula que podería celebrarse na seguinte semana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eu mesmo

Iso chámase ceder a chantaxe. O señor alcalde de Becerreá cunha dedicación exclusiva na Deputación e con secretario (manía teñen os de Lugo con iso de ter secretarios). Unha proba máis da necesidade de eliminar as deputacións, previa reforma da constitución se PP e PSOE tragasen!!!