Temas: CELTA CAMBRE

Cambre enléase co Celta

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, en nome do Concello, así como o concelleiro de Cultura, Daniel Carballada (BNG), pediron desculpas publicamente polo comunicado no que o Consistorio ofrecía con 'retranca' ao Real Club Celta un campo de fútbol e un "galpón" ao "segundo clube de Galicia". O concelleiro de Deportes anuncia a súa dimisión.

Por E.P. | VIGO | 10/04/2017 | Actualizada ás 21:46

Comparte esta noticia

O alcalde de Cambre (A Coruña), Óscar García Patiño, en nome do Concello, así como o concelleiro de Cultura, Transportes e Mobilidade, Daniel Carballada (BNG), pediron desculpas publicamente polo comunicado emitido este luns no que o Consistorio ofrecía con 'retranca' ao Real Club Celta de Vigo un campo de fútbol.

Imaxe do estadio municipal de Balaídos.
Imaxe do estadio municipal de Balaídos. | Fonte: GC

O rexedor de Cambre, nun comunicado 'oficial', manifestou que trasladou as súas desculpas ao presidente do Real Club Celta e "nas próximas horas" falará co seu homólogo olívico, Abel Caballero, posto que, asegurou, o escrito "non representa en absoluto o sentir do Concello de Cambre nin do alcalde".

Así as cousas, tras pedir desculpas "a todas aquelas persoas que se puideron ofender co texto", anunciou que a primeira hora deste martes celebrarase unha xunta de goberno local na que se abordará este tema cos edís do executivo para tratar de "aclarar o sucedido".

Pola súa banda, o concelleiro Daniel Carballada recoñeceu noutro comunicado 'oficial' que foi el quen redactou "da primeira á última palabra da devandita nota", a pesar de que "por un erro propio do formato de papel timbrado" o comunicado ía asinado polo edil de Deportes, Brais Cubeiro. "Cubeiro non tivo absolutamente nada que ver co envío da devandita comunicación", mantivo. Malia a todo, Cubeiro emitiu unha nota na que anunciou a súa dimisión. "Non estou en política para facer bromas nin faltar ao respecto a ninguén", apuntou Cubeiro.

En todo caso, aínda que matizou que a carta estaba escrita "con sorna e 'retranca', facendo bandeira dunha rivalidade sa e ben entendida dentro do ámbito do fútbol", admitiu que "foi un erro enviar ese texto co formato da institución, xa que o Concello de Cambre e o Goberno local foron alleos en todo momento ao escrito remitido aos medios".

A continuación, o edil lamentou "profundamene o dano causado na sensibilidade" dos demais membros da Corporación, dos veciños da localidade e de "toda a familia do Celta" polo seu comunicado, que suscitou numerosas reaccións nas redes sociais, e sostivo que non hai "nada máis lonxe da --súa-- intención que incitar comportamentos violentos".

No comunicado ofrecíase ao Real Club Celta de Vigo un campo de fútbol na parroquia de Cecebre, coñecido como 'Campo da Balastreira', coas "condicións óptimas" para acoller ao equipo vigués, ben comunicado, e mesmo cun "galpón de dous metros cadrados onde habería espazo dabondo para acoller as vitrinas do Celtiña", o "segundo clube de Galicia".

Temas: CELTA CAMBRE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

1 Eu mesmo

O que tiña que dimitir é o Daniel Carballada. Non terá máis que facer que enlear a unha afección e, por riba, asinar co nome do seu compañeiro!. Bravo por Brais Cubeiro que dimite pola súa incompetencia!!!