Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 29/09/2010
Coméntase poucas veces que o sistema electoral en vigor é un encargo de Adolfo Suárez para que “la UCD gane”, o voto conservador moderado da UCD, lembremos que o voto ultra estaba na Alianza Popular de Fraga, tiña máis peso nas zonas rurais e provincias do interior, sobreponderando os distritos electorais menos poboados a UCD sairía beneficiada, ao marcar unha cantidade mínima de dous deputados por provincia, independentemente da poboación, a UCD garantía a sua vitoria.
O truque estaba no tamaño dos distritos e non na tan vilipendiada Lei D’hondt á que ás veces se acusa de case todos os males que padece a nosa democracia, esta lei é moi proporcional alí onde o tamaño da circunscripción electoral o permite, por exemplo en Madrid ou Barcelona que escollen a máis de trinta deputados a cortes, con superar por un voto o 3% que a lexislación electoral exixe como porcentaxe mínima a representación está praticamente garantida.
No caso de Galicia, houbo unha manobra similar para limitar a representatividade democrática do sistema, dos 75 deputados do Parlamento de Galicia, 40 repartense a partes iguais entre as catro circunscripcións, e só os restantes 35 son distribuidos en base ao censo. Manuel Fraga, durante o seu mandato na Xunta fixo unha manobra encamiñada a perxudicar ás minorias, elevando a barreira legal de entrada do 3% ao 5%, dificultando desta maneira a representación fidedigna da vontade cidadá e forzando a que o nacionalismo de esquerdas se tivese que unificar no BNG, algo que tamén lle conviña ao PP, para asegurarse o dominio electoral nun contexto polarizado.
Os conservadores deixaron as cartas marcadas, como tanto gostan de facer, na porcentaxe de entrada e na distribución de escanos por distritos, de tal maneira que un voto en Ourense ou Lugo vale máis do dobre que nos distritos atlánticos, isto é dificilmente xustificable en democracia cando estamos a falar dunha cámara que non ten carácter territorial, son os cidadáns e non os distritos administrativos, os depositarios da soberania popular polo que seria moito máis xusto tender ao maior tamaño posible das circunscripcións e á menor barreira de entrada, respectando sempre o noso carácter constitucionalmente recoñecido de nacionalidade histórica, a proposta que defendo sería que Galicia fose circunscripción única para as autonómicas, para as xerais e para as europeas, garantindo, desta maneira, igualdade de oportunidades para os partidos de ámbito galego e español e ao mesmo tempo o maior respecto á vontade cidadá contabilizando como iguais os votos de todos os cidadáns independentemente de onde residan dentro de Galicia.
Son tamén partidario das listas abertas en todos os tipos de eleccións, nomeadamente nas eleccións municipais, onde os candidatos son realmente coñecidos polos seus concidadáns, esta reforma contribuiría a debilitar a partitocracia que permite que un partido realmente forte nun concello poida presentar a “Copito de Nieve” como candidato e gañar igualmente as eleccións. O PP en Valencia e o PSOE en Estremadura están nesta situación.
Creo que habería que prohibir os mailings coas papeletas nas eleccións, ademáis de supor unha carísima e antiecolóxica prática que incentiva a necesidade de financiamento ilegal dos partidos e permite o control antidemocrático do voto nas zonas rurais, todos sabemos que no rural de Galicia, moitos cidadáns teñen auténtico pavor a non levar a papeleta do Partido Popular no peto, saben que poderían ser obxecto dun control alfandegario por parte dalgún comisario político e tamén saben que a forma sectaria de exercer o poder dos conservadores lle podería traer algún tipo de problema. Para garantir o voto completamente libre este só podería estar disponible no propio colexio electoral, outra posibilidade a valorar é a do voto electrónico, é máis barato, libre e ecolóxico pero deixaría en poucas mans o control da limpeza das eleccións, todo o mundo sabe contar papeletas pero non todo o mundo pode fiscalizar a limpeza dun reconto electrónico e partidos como PP e PSOE que non teñen problema para manter pucheirazos masivos, como o do voto da emigración, nos últimos vinte anos tampouco o terían para facer un pucheirazo electrónico chegado o caso e tendo en conta o deterioro institucional que está a sufrir a democracia española.
Nas anteriores eleccións británicas mentres Conservadores e Laboristas defendían que os deputados corruptos podían continuar exercendo o seu cargo, os Liberal Democratas pedía a revogabilidade dos mesmos, como a soberanía reside no pobo, o pobo pode revogar o seu mandato cando considere que un deputado non é digno do cargo que ocupa, isto é máis sinxelo en circunscripcións uninominais que en circunscripcións máis amplas, como as que eu defendo, non obstante as listas abertas contribuirian a que os propios partidos se aplicasen máis do que o fan en depurar de mazás podres das suas listas.