Por Galicia Confidencial | A Coruña | 31/08/2017 | Actualizada ás 09:15
Unión Progreso y Democracia (UPYD), o partido fundado por Rosa Díez, e que leva anos nunha travesía polo deserto, asegura que está crecendo en Galicia a costa de Ciudadanos. Unha boa saúde, di, que se reflicte en enquisas que apuntan a súa volta ao Congreso cun 3,1% de intención de voto.
Por iso, leva días cunha campaña na Coruña “para consolidar e aumentar a afiliación”, así como asentar a estrutura do partido en diversos municipios da provincia coruñesa. “Buscamos aos nosos próximos concelleiros e representantes. Queremos aumentar a nosa implantación nos principais municipios da Coruña, animados polo aumento da afiliación en Galicia e que algunhas enquisas nos volven a dar representación no Congreso”, sinala Javier Lojo, líder da formación en Galicia.
Por iso, fai un chamamento aos descontentos da política para que volvan confiar neste partido. “Buscamos a xente comprometida co seu municipio para poder defender propostas sólidas e honestas nas institucións”, sinalan desde UPYD.
Críticas a Ciudadanos
Neste sentido, critica directamente a Ciudadanos “por tentar roubarlles o legado político, pero carecendo da vontade política, principios e valores necesarios para poder facelo”. “Ciudadanos enganaron a moitas persoas que agora volven a UPYD e cóntannos a súa falta de democracia interna e outros chanchullos”, indicou Lojo
Actualmente, UPYD conta con 124 concelleiros repartidos por toda España e con representación no Parlamento Europeo, na figura da Eurodeputada Maite Pagazaurtundúa. En setembro, a formación agora liderada por Cristián Brown, cumprirá 10 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.