Por Alberto Quian | Bueu | 21/09/2017 | Actualizada ás 14:01
O Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, avistou unha balea azul fronte a illa de Ons este mércores. Trátase dun exemplar adulto de arredor de 24 metros, identificado mediante as fotografías.
O equipo de investigadores mariños atopábase realizando unha exploración para recoller datos sobre golfiños cando se atoparon con este exemplar, pouco corrente en augas galegas. Ademais da balea azul, avistaron tamén estes días cinco exemplares de rorcual, 11 caldeiróns, 25 toniñas comúns, centos de golfiños comúns e arroaces, segundo informa o BDRI.
Bruno Díaz Lopez, director do BDRI. confirmou a GC que se trata dun exemplar diferente ao avistado o 8 de setembro pasado na ría de Muros. "Cando menos sabemos que o modelo de coloración é distinto, polo que estamos a falar de máis dun exemplar", comentou.
"BOMBA CIENTÍFICA"
O certo é que os científicos están asombrados polo que está a acontecer nos últimos tempos nas rías galegas. "Levamos tres xornadas de traballo esta semana e atopamos oito especies diferentes de cetáceos, algo pouco común noutras partes do mundo. Unha riqueza de biodiversidade incrible", destaca o director do BDRI.
A presenza en augas de Galicia da balea azul, que se atopa en período migratorio, é unha "bomba científica", en palabras de Bruno Díaz a este xornal. O director do BDRI apunta que estes mamíferos e outras especies de cetáceos se están achegando á costa galega para alimentarse, seguramente polo afloramento de augas profundas, que está sendo "moi importante", habendo "comida para todos" estes cetáceos.
O caso do exemplar de balea azul é especialmente relevante, xa que se trata dunha especie en perigo de extinción e, polo tanto, unha "xoia simbólica", di Bruno Díaz, quen salienta: "Que veñan aquí é unha xoia e pon a Galicia no mapa mundial dende o punto de vista da conservación de especies tan simbólicas coma esta".
O director do BDRI considera que "os galegos somos moi afortunados" por poder gozar destes eventos naturais extraordinarios e prognostica que estes avistamentos serán de grande importancia para a comunidade científica e a conservación de especies ameazadas como a balea azul.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.