Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/09/2017 | Actualizada ás 13:20
Unha tese feita no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) en Santiago de Compostela, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), presenta o desenvolvemento dunha nova proposta metodolóxica para analizar con tecnoloxías xeoespaciais paisaxes arqueolóxicas. O traballo enmárcase na liña de traballo sobre arqueoloxía da paisaxe que este instituto desenvolve en Galicia desde hai máis de dúas décadas.
Esta proposta aplicouse, con bos resultados, a elementos do patrimonio arqueolóxico de Galicia: o viario histórico ao sur de Santiago de Compostela, as estatuas-menhir do sur de Ourense e norte de Portugal, os castros da contorna de varios ríos galegos e as murallas do oppidum de San Cibrao de Las, informa o CSIC.
"Eses casos de estudo exemplifican as formulacións discutidas en diferentes contextos arqueolóxicos, tanto históricos como prehistóricos, do noroeste da península ibérica", explica o autor da tese, Pastor Fábrega Álvarez, quen realizou a investigación baixo a dirección de César Parcero Oubiña, científico do CSIC no Incipit.
A tese, titulada 'Percorrendo e observando paisaxes dixitais: unha aproximación á análise arqueolóxica con tecnoloxías da información xeográfica', defendeuse recentemente na Universidade de Xaén, no marco do Programa de Doutoramento Interuniversitario de Arqueoloxía Espacial no que tamén participan as universidades de Granada, Estremadura, Zaragoza e o CSIC. Obtivo a cualificación de sobresaínte cum laude.
"Na actualidade, a aplicación de tecnoloxías da información xeográfica á arqueoloxía ten como principal limitación que o seu uso é mecánico e non se adapta ás problemáticas que queremos resolver. Por iso, nesta tese pretendeuse ir máis aló nas metodoloxías actuais de análise espacial en arqueoloxía facendo un uso máis crítico destas tecnoloxías e explorando o seu potencial para desenvolver novas representacións dixitais orientadas a preguntas de investigación concretas", destaca o autor da tese.
Os obxectivos da tese eran dous. O primeiro, desenvolver un aparello analítico novo para analizar paisaxes arqueolóxicas, en concreto as dúas formas básicas dos humanos para relacionarse coa súa contorna: a mobilidade e a percepción visual. O segundo, aplicar dita proposta a casos de estudo específicos para confirmar a súa viabilidade e utilidade para descubrir aspectos novos de fenómenos como a cultura castrexa ou a caminería antiga de Galicia.
CATRO CASOS
"A proposta baséase en modelar dixitalmente a percepción e mobilidade na paisaxe, utilizando para iso as tecnoloxías de información xeográfica. Non se pretende reconstruír paisaxes antigas nin representar escenografías, senón aproximarse ao lóxica e estrutura da paisaxe", explica o autor.
O primeiro caso analiza a lóxica do viario histórico ao sur de Santiago de Compostela. "A rede viaria nesta zona estrutúrase a partir das poboacións con maior espesor histórico, como Santiago ou Padrón, así como as pontes históricas do Ulla e Xallas que condicionan significativamente as zonas polas que os ríos se cruzan. A partir desta estrutura xeral xorden unha serie de núcleos poboacionais de menor entidade moi próximos a este viario. Máis adiante xorden novos núcleos, como Lalín, que modifican parcialmente o trazado anterior e que se converten en nodos viarios de primeira orde?, sinala o autor.
O segundo analiza se existe unha relación entre a localización das estatuas-menhir do sur de Ourense e norte de Portugal e a mobilidade a escala territorial. "Existe, en xeral, unha asociación en termos de proximidade entre a localización das estatuas e zonas de paso na paisaxe. Isto non quere dicir que estes monumentos funcionasen como señalizadores de camiños pero, en todo caso, é probable que estivesen situados próximos a vías de comunicación, monumentalizando lugares determinados", explica Pastor Fábrega. "Algo parecido a como un monumento nunha rotonda ou un cruceiro nunha travesía non sinaliza o cruzamento de camiños, pero baséase na súa existencia para facerse máis visible, resaltar un espazo importante e, de paso, achega continuidade a ese cruzamento na longa duración", engade.
O terceiro analiza a relación entre o control visual exercido desde os castros a varios ríos galegos (Ulla, Tambre e Xallas), definindo relacións significativas con zonas de vao históricas que poderían funcionar xa desde a prehistoria. "Existe unha relación entre o control visual que se exerce desde os castros cara ás zonas nas que se localizan as principais pontes históricas destes ríos. Esta relación non se observa noutras zonas de río e, posiblemente, revélanos que as zonas de cruzamento destes ríos remóntanse, polo menos, á Idade do Ferro", indica.
O cuarto analiza como as murallas do oppidum de San Cibrao de Las (Ourense) modificaron perceptivamente o espazo, onde a visibilidade desde o interior de cada un dos recintos do poboado quedaría, practicamente, limitada dentro do recinto. "Observouse que, moi posiblemente, a construción do oppidum supuxo un cambio moi profundo respecto ao espazo anterior, pasando así dun espazo aberto desde o punto de vista da percepción e mobilidade a un espazo moi fragmentado no que as murallas condicionaron fortemente as posibilidades para acceder, física e visualmente, a cada un dos recintos que forman o poboado", apunta.
"A nosa intención agora é abrir liñas de investigación que avancen nunha arqueoloxía onde as tecnoloxías dixitais nos axuden a analizar a relación entre a construción da paisaxe e as súas implicacións sociais", avanza César Parcero, director da tese, quen resalta que "a revolución nas tecnoloxías da información achega á arqueoloxía a posibilidade de realizar cálculos masivos que permiten simular e modelizar diferentes escenarios sobre o que ocorreu no pasado e facer cálculos estatísticos fiables sobre cal foi o máis probable".
Felipe Criado, director do Incipit, recalca que "a arqueoloxía dixital é un novo desenvolvemento da arqueoloxía que implica un cambio de paradigma. Non é só unha nova técnica. A tese de Fábrega é de gran interese, máis aló da arqueoloxía, para campos tales como a ordenación do territorio, a percepción visual ou o estudo da interacción entre procesos cognitivos e ambiente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.