Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con “Poemar o mar”

O xurado suliña que o libro, publicado por Xerais, “está cargado de emoción” e “suxestivas composicións poéticas”.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 03/10/2017 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O escritor Antonio García Teijeiro foi galardoado hoxe co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 polo seu libro Poemar o mar, publicado por Xerais. O xurado resaltou que o libro está “cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o grande protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxestivas composicións poéticas”.

Antonio García Teijeiro, escritor
Antonio García Teijeiro, escritor | Fonte: Xerais

Poemar o mar é un libro de poemas que forma parte da triloxía que se completa con En la cuna del mar e Palabras do mar. Nestas tres obras o mar é o gran protagonista, un mar que ronca, que molla con poemas, que ten trenzas, que anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra. Mares con ondas amarelas, con illas coma estrelas, mares de plumas que son de auga e mel, mares de tinta verde con barquiños de papel.

“Toda a obra poética de Teijeiro busca iniciar ao lectorado máis novo nos recursos formais básicos a través de temas que fomentan a reflexión crítica. Entre os seus versos recóllense homenaxes a outros poetas das tradicións literarias española e galega”, Suliña Rocío García Pedreira.

Antonio García Teijeiro (Vigo 1952) é un dos grandes poetas e narradores da literatura infantil e xuvenil galega. Ten publicada unha extensa obra poética para nenos e mozos, entre a que podemos citar obras como: Ventos (Xerais 1992), Lueiro de papel (Xerais 1995), Na fogueira dos versos (Xerais 1996), Premio Merlín 1996, Lista de Honra do IBBY 1997 e Premio Pier Paolo Vergerio 1998; O que ven os ollos dos nenos (Xerais 2001), prosa poética; a antoloxía poética Os nosos versos (1997, Xerais 2003); Chove nos versos (2004); Un rato díxolle á lúa (Xerais 2013); Lendo lendas, digo versos (Xerais 2015) e Poemar o mar (Xerais 2016). No eido da narrativa para mozos e mozas ten publicado, entre outras obras: En voz baixa (Xerais, 1998), Os peixes de cores (Xerais 2002), Honorato, o rato namorado (Xerais, 2007), Verbas de sal (Xerais, 2011) e Recendos de aire sonoro (Xerais, 2011). Tamén preparou a Antoloxía de Celso Emilio Ferreiro (Xerais 1989).

No catálogo de Xerais están publicados 4 dos 6 gañadores galegos dos Premios Nacionais: Xabier Puente Docampo en 1995, Agustín Fernández Paz en 2008, Ledicia Costas en 2015 e Antonio García Teijeiro en 2017.  Tamén conseguiron este galardón Fina Casalderrey en 1996 e Paco Martín en 1986.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta