Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/10/2017 | Actualizada ás 11:00
Ricardo chamou a 'Luar' o pasado venres dende Chandebrito, en Nigrán, unha das zonas máis afectadas pola onde de incendios que arrasou Galicia en pleno mes de outubro e onde morreron dúas mulleres calcinadas nunha furgoneta. Gayoso pediu entón un aplauso para toda a xente desta parroquia, tralo cal, o espectador pasou a contar o drama que viviron os veciños desta parroquia durante a vaga de lumes.
Ricardo describe "momentos de pena, de medo e sobre todo de pánico" e fala de "varios focos provocados" que deron lugar a un "auténtico inferno" que arrodeu aos veciños. "Era imposible saír do pobo", describe.
Pero tamén denuncia que non tiñan "ningún medio" para loitar contra o lume e tentar escapar, só a presenza da Policía Nacional, cuxa actuación cualifica de "desastrosa", xa que, segundo a súa versión, no canto de xerar calma "crearon pánico e medo", contribuíndo, segundo este espectador, ao "caos".
Ricardo tamén relata como el, con outras catro persoas no seu coche, tivo que dar a volta entre as lapas, xunto con decenas de vehículos que tentaban tamén deixar a zona. "Foi caótico". Nese preciso momento, Gayoso tenta despedirse do espectador, pero é aí cando Ricardo introduce unha dura crítica á Televisión de Galicia (TVG), comezando en ton de sorna. "Quero dar as grazas a TVG por todo o que informou durante a tarde, que non informou nada... Patéticos! Mentres a xente quería saber algo dos seu familiares, o único que se atopaba eran deportes, o 'Vaia troula' e todo iso... Paréceme patético que non se informe, que se oculte a verdade e que fagan un especial a partir das doce da noite. Paréceme, a verdade, bochornoso", denunciou.
Recentemente, traballadores da canle pública galega, nunha entrevista con Galicia Confidencial, expresaron a súa "vergoña" por este tratamento informativo dos incendios e pediron "desculpas" aos galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.