Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/11/2017 | Actualizada ás 08:00
Alberto López, socio fundador de López R. Auditores e consul de Costa de Marfil en Galicia, atópase fuxido de Galicia. Segundo puido saber GC estaría en Venezuela. Alí marchou supostamente cos 400.000 euros de diñeiro público que desapareceron dunha conta concursal que el administraba no Carballiño. Un feito que investiga o xulgado e polo que está sendo buscado xa pola xustiza.
O coñecido empresario ouresán está en paradoiro descoñecido desde o verán logo de que a Fiscalía comezara a investigar a desaparición dos 400.000 euros da conta concursal aberta para a empresa Construcións Otero, cuxo administrador designado inicialmente era el. O diñeiro desaparecido fora achegado polo Concello do Carballiño para adquirir o edificio coñecido como a Fábrica do Papel e a súa desaparición descubriuse cando as partes afectadas polas accións da construtora reuníronse para discutir as indemnizacións e os prazos de cobro.
Desde xullo, cando foi chamado a sede xudicial, acolleuse ao seu dereito a non declarar e non deu signos de vida. López tería varias propiedades embargadas pola Axencia Tributaria e entidades bancarias pero, aínda así, o diñeiro desaparecido non foi aínda atopado. Fontes consultadas por GC aportaron datos de que o empresario xa se atopa fóra do país dende finais do mes de agosto, concretamente en Venezuela, aproveitando a dobre nacionalidade do cónsul, un país que non permite a extradición dos seus nacionais.
As amizades de Alberto López
Pero quen este economista e cónsul que decidiu fuxir ao país do presidente Nicolás Maduro?. As súa actividades políticas e comerciais eran moi coñecidas en Ourense. De feito, fachondeaba de ter “amigos importantes” e un deles, ou polo menos, coñecido, sería o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo tal e como recolle o sumario da Operación Pokemon e tal e como xa relatou este mesmo medio en 2014.
Nunha misiva á que tivo acceso o GC, Alberto López pedíalle a Feijóo que incercedera ante a Administración de Xustiza e, en particular, co presidente da Audiencia Provincial de Ourense, para que dera marcha atrás nunha sentenza en contra da instalación dun centro de El Corte Inglés na capital desta provincia.
Obra anulada en 2012
Precisamente foi a Audiencia Provincial de Ourense a que anulou, en 2012, a licenza de obra e apertura que lle concedeu o Concello de Ourense a El Corte Inglés para a apertura do seu proxecto en Mariñamansa e que para esta empresa era unha obra "prioritaria". A xustiza entendía que que o permiso outorgado era en base ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense PXOM de 2003 que fora tamén anulado por sentenza. Esta licencia fora recurrida polos propietarios de 11 das 20 parcelas de Regueiro Fozado unha área contigua á de Mariñamansa onde estaba previsto un Hipercor, aos que os tribunais de Ourense lle deron a razón.
Tras esa negativa, a multinacional española anunciou que "non renunciaba" ao seu proxecto e, a través de López R. Auditores, do agora fuxido, realizou unha serie de xestións, unhas no propio Concello de Ourense e, outras, directamente co presidente da Xunta de Galicia. Por iso, e por indicación da ex concelleira de Urbanismo de Ourense, Áurea Soto, El Corte Inglés solicitou una nova licenza, ao amparo esta vez da normativa urbanística provisional que rexe no concello.
Na ofensiva ante a Xunta, Alberto López, agradecelle a Feijóo a "agilidad en la tramitación de la licencia autonómica para la instalación de El Corte Inglés en Ourense" e pídelle que interceda ante a Xustiza para impulsar este proxecto.
Tutea a Feijóo
Nunha misiva na que tutea ao presidente da Xunta e no que denota que ambos os dous se coñecen, Alberto López lémbralle a Feijóo que existe xa unha unanimidade política na cidade sobre a "conveniencia de la instalación en la parcela 11.a de El Corte Inglés". E, cita, expresamente, tanto ao Concello como á Deputación de Ourense. "La Diputación, de hecho, es copropietaria en el Proyecto de Compensación y el Concello ha obtenido unas compensaciones urbanísticas entre las que se incluyen un incremento de vivienda protegida, un auditorio al aire libre y una aportación económica para la construcción de un centro social", sinala.
Por iso, suliña que, ante este escenario, "no parece desdeñable la presentación de la situación ante la autoridad judicial oportuna", agardando que sexa Feijóo quen o faga. "Por otro lado, la situación actual supone un perjuicio indudable para toda la ciudad de Ourense pues no se puede concretar la venta del suelo a El Corte Inglés con el riesgo evidente de que si se espera a una resolución al respecto la empresa decida suspender "sine die" su proyecto para la ciudad", argumenta López.
Resolver o problema "a la mayor urgencia"
Deste xeito, pídelle a Feijóo que se dirixa a Fernando Alañón Olmedo, presidente da Audiencia Provincial de Ourense, para que "resuelva a la mayor urgencia al menos, la modificación de medidas cautelares solicitadas" e que "en la medida que jurídicamente sea posible sin menoscabo de los derechos de nadie se libere de la anotación preventiva de demanda la parcela 11.a del Proyecto de Compensación A.R-39-E Finca Mariñamansa para su inmediata adquisición por El Corte Inglés".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.