Por Horacio Vixande | Vigo | 30/11/2017
Catalunya non é unha comunidade insolidaria porque no Estado español non existe un sistema de solidariedade interterritorial que mereza tal nome. Hai transferencias económicas dalgunhas comunidades ao Estado e unha disposición deses recursos por parte do Estado que reparte como lle peta. Resulta moi cínico chamar insolidaria á cidadanía de Catalunya e ao mesmo tempo pasar por alto que en corenta anos as supostas transferencias catalás non serviron para rematar ou cando menos diminuír as diferenzas de riqueza relativa entre Catalunya e Andalucía ou Galiza.
En todos estes anos de milagre española, Andalucía non conseguiu chegar ao 80% do nivel de riqueza do Estado. Galiza si que avanzou, mais fíxoo por efectos estatísticos: o descenso de poboación debido á regresión demográfica e á emigración inducida por parte da política económica do Estado.
Se houbese un sistema de solidariedade, habería mecanismos de avaliación da eficacia das políticas de solidariedade, un debate público, o establecemento de obxectivos e a redefinición da propia política de solidariedade en función do cumprimento ou non dos obxectivos.
Non digo que non haxa transferencia de recursos nin obxectivos trazados; o que acontece é que os recursos son para outros obxectivos: o mantemento de políticas clientelares e caciquís vencelladas aos intereses económicos e políticos que sosteñen o réxime do 78. En poucas palabras, o que España lle rouba a Catalunya, emprégao Madrid en manter o seu propio chiringuito e perpetuar a dependencia dos territorios periféricos, coa connivencia dos caciques locais.
Se hai algo que criticar a Catalunya é que en todos estes anos non tivese denunciado a falacia da solidariedade. Mais o certo é que esa palabra está tan manida que ás veces dá noxo pronunciala. Emprégase moito na Unión Europea, como se as transferencias de fundos do norte ao sur tivesen como obxectivo mellorar o nivel de vida, en lugar de garantir o acceso de Alemaña aos seus mercados.
Tamén é moi cínica a crítica á proposta de que cada territorio sexa fiscalmente responsable. Continuamente escoitamos argumentar que a Galiza non lle convén un convenio propio co Estado, como o vasco, porque somos beneficiarios netos desa suposta política de solidariedade. Que pretenden? Que sigamos a chuchar do teto do Estado eternamente? Que saiban que en realidade non chuchamos do teto, dannos un biberón de leite reseso producido na nosa terra e envasado en Madrid. A fuga de empresas de Catalunya non se inventou onte; hai anos que se produce en toda a periferia do Estado promovida descaradamente por Madrid, aproveitando a súa condición de capital do reino. A consecuencia é que a nosa forza de traballo ou a enerxía producida nos nosos encoros computa como PIB madrileño. Son trucos de trileros, ou ninguén lembra cando nos venderon como obra do AVE galego o túnel de Guadarrama, nos tempos nos que Fraga presidía a Xunta?
O que necesitamos é un maior nivel de autogoberno e unha facenda propia que reteña en Galiza os nosos recursos ou que impida a marcha da nosa mocidade despois de gastarmos os cartos en formala, por dar un par de exemplos. E se ten que haber unha compensación ao principio, que así sexa; mais con obxectivos e transparencia. Pode que algúns prefiran ser zombis pedindo esmolas; penso que a maioría non. Mais por último unha preguntiña: podemos asegurar que eses que hoxe din que non nos podemos permitir unha facenda propia, mañá, no momento de negociar un cupo galego, non virán a contarnos que en realidade non éramos tan dependentes?