Agora, a polas pequenas e medianas fortunas

O Banco Popular ou a caída dos paraísos fiscais, nova etapa da gran recesión

Por Horacio Vixande | Vigo | 08/06/2017

Comparte esta noticia
A confiscación (disfrazada de compra por un euro) do Banco Popular constitúe un episodio máis da subfase actual da gran recesión, que simplemente consiste nunha redistribución de rendas que beneficia ao gran capital e que prexudicou primeiro ás clases populares, despois ás medias e desde hai un par de anos á burguesía entendida como tal a formada polas pequenas e medianas fortunas.
 
Hai un ano, o Banco Popular (a senlleira patente financeira do Opus Dei) realizou unha ampliación de capital de 2.500 millóns de euros e que foi subscrita por pequenos e medianos aforradores. O prezo da acción foi de 1,25 euros. Aínda que as accións se desvalorizaron e nos últimos cinco meses roldaban perto do euro, en sete días perderon máis do 50% do valor e o prezo do último día de cotización foi de 0,32 euros. Tal descenso foi debido a unha serie de filtracións interesadas que provocaron unha fuxida de depósitos nunca vista. Os seus 305.000 accionistas quedaron sen un can, aínda que xa se están a organizar para litigar e esixir responsabilidades. Nin que dicir ten que as filtracións producíronse desde dentro da entidade e que os accionistas non foron consultados no proceso de venda: todo se ventilou en petit comité entre o BCE, o Banco de España, a dirección do Popular e o Banco de Santander.
A crise comezou en 2008 con despedimentos masivos, desvalorizacións salariais e precarización do traballo por conta allea. Posteriormente, chegou o chanchazo das preferentes e outros subprodutos financeiros, que afectou a aforradores das clases medias. Agora, desde hai dous ou tres anos, é a quenda das pequenas e medianas fortunas.
 
Neste proceso, os escándalos e filtracións relacionados cos paraísos fiscais, preséntanse como unha resposta dos Estados ao capitalismo financeiro, mais non representan máis que un paso diante na axenda neoliberal. Non se trata de repatriar as pequenas e medianas fortunas que se agachaban en Panamá ou nas Bahamas para que paguen as súas taxas nos países de orixe. É a cobiza do gran capital, unha vez que xa se merendou ás clases populares e medias.
 
A burguesía afectáralle a crise de esguello: un fillo precarizado, unha sobriña no paro... nada que un enchufe andado o tempo non puidese solucionar. Moita desa burguesía liquidara as súas empresas industriais ante a incapacidade de competir co capitalismo financeiro e especulativo e pensaba que en Panamá –ou no Banco Popular– os aforros estaban a salvo. Agora ve as fouces do lobo e os seus dentes están moi afiados. Non é que me dean pena, limítome a describir o que acontece. Botarei unha gargallada cando comecen a votar polas forzas antisistema.
 
Agora, realmente a salvo, están os cartos dos que mangonean os grandes bancos desde os seus consellos de administración, os grandes construtores que pululan polas tribunas dos equipos de fútbol madrileños... o gran capital, en suma, que ten os petos a cada máis avultados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.