Temas: MIGUELIANOS

A Fiscalía pide apertura de xuízo oral a sete membros dos 'Miguelianos'

Entre eles está o suposto líder, Miguel Rosendo, pero non Marta Paz, até agora considerada a súa "man dereita".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2018 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

A Fiscalía Provincial de Pontevedra solicitou a apertura de xuízo oral respecto de sete membros da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo, na causa dos 'Miguelianos', entre eles, o propio líder, Miguel Rosendo. Non figura, en cambio, Marta Paz, até agora considerada a súa "man dereita".

Consagrados dos Miguelianos ofrecen unha rolda de prensa
Consagrados dos Miguelianos ofrecen unha rolda de prensa

En concreto, a Fiscalía solicita a confirmación do auto de conclusión de sumario, así como a apertura de xuízo oral, ademais de para Miguel Rosendo, líder e fundador da orde, para Ivana Lima, superiora das consagradas; Iria Quiñones, consagrada; Esteban R. M., pai xeral dos consagrados e persoa de confianza do líder; José Carlos A.M.; Belén E.F., vogal da xunta directiva; e Dolores E.L., fiscal da orde.

A través dun comunicado de prensa, membros da extinta Orde, en referencia ao escrito do Fiscal, destacan que a solicitude de apertura de xuízo oral "non se fai extensiva" a outros integrantes da congregación como Marta Paz. No momento no que se produciu o peche do sumario, o Xulgado de Instrución 1 de Tui dirixía a causa contra 17 persoas.

A Orde chegou a ter uns 400 seguidores no seu momento álxido e tiña o seu centro de operacións nun chalé en Santa María de Oia (Pontevedra). Na primavera de 2014 os seus integrantes foron expulsados polas autoridades eclesiásticas e un grupo reducido trasladouse a dúas sedes en Madrid.

Miguel Rosendo e Marta Paz foron detidos o 11 de decembro de 2014 en Madrid, tras o que el foi enviado a prisión e ela quedou investigada con obrigación de comparecencias semanais. Días despois, o bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiuza, asinou o decreto de supresión da Orde e Mandato.

Os consagrados negaron todos os delitos que se investigan. Nunha rolda de prensa ofrecida este venres, varios dos consagrados que pertenceron á Orde, entre eles mulleres investigadas na causa dos 'Miguelianos' negaron os abusos sexuais e ser "vexadas, humilladas nin manipuladas" polo líder. Defenderon que o líder "é inocente, as consagradas non eran pseudo-monxas e a Orde non era unha seita destrutiva e satánica".

O líder da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo, Miguel Rosendo, fora procesado polo Xulgado de Tui por un delito de asociación ilícita, 24 delitos continuados contra a integridade moral, un de agresión sexual, 25 de abusos sexuais, un continuado contra a Facenda Pública e un continuado de branqueo de capitais.

Temas: MIGUELIANOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta