Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/02/2018 | Actualizada ás 21:35
O líder do PP en Santiago e ex-conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, fulminou a súa xefa de prensa, Erika Penelas, unha semana despois da súa famosa rolda de prensa para denunciar a contaminación do río Sar e converterse en protagonista involuntario ao botar lixo ao río.
“No bajes Agustín”, díxolle entón Erika Penelas. A única que lle recomendou que non fora a beira e protagonizara a famosa escena que se fixo viral nas redes sociais e que provocou multitude de críticas e mesmo saíu en programas televisivos de ámbito estatal como o dirixido polo Gran Wyoming e por Andreu Buenafuente.
Xunto a Agustín estaba tamén María Antón, a súa número dous, secretaria local do PPdeG, deputada e concelleira en Santiago. Pero tampouco lle dixo nada. A decisión, segundo varias fontes consultadas por GC que estaban alí, “foi do propio Agustín”.
O líder popular facía efectivo o cese de quen fora a súa xefa de prensa este mércores, 21 de febreiro, e aducía unha “reorganización do persoal adscrito ao Grupo Municipal Popular”. Fontes consultadas apuntan que xa había tempo que a relación con ela non era fluída e aproveitou esta polémica para “despedila”. A substituta de Erika Penelas é Nieves Bernal, que ata agora estaba na Consellería de Infraestruturas, a mesma que deixou Agustín Hernández para centrarse no PP de Santiago.
GC púxose en contacto con Erika Penelas en varias ocasións para coñecer a súa versión pero non foi posible. En todo caso, non son poucos os compañeiros de profesión que realizan o seu traballo en Santiago –mesmo dos grupos da oposición--, que salientaron a “profesionalidade” e o “bo facer” de Penelas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.