Por Galicia Confidencial | Lugo | 28/02/2018 | Actualizada ás 08:30
Unamidade histórica no pleno da Deputación de Lugo. Facía tempo que os tres grupos non votaban xuntos un punto tan importante para a provincia como o Plan Único, neste caso, do 2018. Un plano que supón a distribución de 80 millóns de euros entre 67 concellos. Por iso, o presidente da institución, Darío Campos, salientaba este acordo histórico. “Para poder facer parte do Plan Único hai cando menos que votalo a favor, pois o PP nunca o apoiou, ao igual que o orzamento da Deputación. Alégrome que por primeira vez haxa unanimidade e que todos aseguren que o Plan Único vén para quedarse nesta institución”, dixo.
E que implica este acordo para a provincia de Lugo?. O plan achega aos 67 Concellos da provincia 21 millóns de euros, distribuíndo estes fondos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais e taxa de envellecemento de cada un dos municipios lucenses. Isto supón axudas de 500.000 euros nos maiores Concellos, como Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba ou Sarria, e duns 200.000 euros nos máis pequenos, como Negueira de Muñiz, Rábade ou Triacastela.
Estes fondos son para obras de mellora, emprego, benestar, turismo, deporte e cultura. Os Concellos deberán achegar un mínimo do 50% dos fondos que reciben a novos investimentos, o que supón cando menos 10,5 millóns, así como outros mínimo dun total de 1,8 millóns de euros para manter o Servizo a Domicilio a non dependentes, que hoxe a Deputación presta a 1.800 maiores que non atende a Xunta.
Os municipios teñen total autonomía para decidir os fondos que destinan a emprego e ata un 30% dos mesmos para turismo, cultura e deportes. Tamén hai unha liña dun total de 176.000 euros para financiar os 44 Grupos de Protección Civil nos Concellos, pois a Xunta recortou os seus fondos poñendo en risco o mantemento dos mesmos.
“Política para a xente”
Un acordo unánime que lle serviu ao presidente provincial para destacar a importancia da deputación e, sobre todo, da política para “mellorar a calidade de vida” dos veciños. “Cando cheguei dixen que ía facer política con maiúsculas, como sempre fixen dende que ostento algún cargo público, entendendo como cal a capacidade que temos os representantes institucionais para responder ás necesidades dos novos veciños e mellorar polo tanto a súa calidade de vida. Creo que isto é o que estou facendo na Deputación”, apuntou.
Sobre o pacto entre todos os grupos, que supón que concellos de todas as cores políticas perciban por igual, o deputado de Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández Queipo, que é o que levan facendo desde o 2016. “Unha distribución equitativa que brilla pola súa ausencia nas institucións nas que goberna o Partido Popular. A única Deputación que non ten Plan Único é a de Ourense, gobernada polo Partido Popular”, espetou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.