Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/03/2018 | Actualizada ás 16:27
Galicia e o seu gran derbi —O Noso Derbi— son os protagonistas da última achega da canle británica Copa90, cuxo reporteiro Eli Mengem viaxou a Vigo e A Coruña para coñecer de primeira man e contar ao mundo un dos eventos futbolísticos máis tolos do mundo: o derbi galego Celta-Deportivo. Aquí, as afeccións son quen de cantar unidas un mesmo himno e compartir un mesmo sentimento de pertenza, e logo botarse pedras e insultarse.
Como parte da serie Derby Days, Mengem percorre Galicia de sur a norte, desde a portuguesa Vigo até a turca Coruña, para dar a coñecer ao mundo os costumes e idiosincrasia dun pobo único, o galego, vinculado á cultura celta, que emerxe e vive do e para o mar, do que extrae os mellores mariscos do mundo, pero tamén fariña (cocaína), ou que rende culto á morte. Un pobo e unha terra distintos ao resto do Estado español, talvez cun sentimento de pertenza, a galeguidade, incomparable no mundo... Pero tamén un pobo afectado por algún tipo de esquizofrenia colectiva que fai que os que abrazan a mesma bandeira e cantan unidos o mesmo himno logo se enfronte nunha guerra fraticida a paos entre eles. O derbi galego, contan nesta reportaxe, é a expresión máxima desa "tolemia" que afecta aos galegos, ou máis precisamente aos galegos de Vigo e da Coruña, as dúas grandes e irreconciliables cidades do país.
A reportaxe mostra unha das rivalidades máis intensas do mundo do fútbol e o deporte no ámbito internacional. Unha rivalidade futbolística que serve tamén como escusa para describir o carácter do pobo galego, para penetrar na súa cultura e gastronomía, na bravura dos percebeiros, na industria naval e mesmo no narcotráfico —entre os entrevistados está Nacho Carretero, autor do libro 'Farña'—.
Aderezos que logo nos levan ás pasaxes máis importantes na historia do fútbol galego, como o penalti que Djukic fallou no último partido dunha Liga que o Deportivo perdeu no seu último minuto, os éxitos do Eurocelta e os títulos do Súper Dépor. Sen deixar pasar as batallas campais entre as afeccións... Até hoxe, até o último derbi, en Riazor (1-3 para o Celta).
O mellor resumo apórtao un afeccionado entrevistado na reportaxe: "Galicia únenos, pero o fútbol sepáranos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.