Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/04/2018 | Actualizada ás 22:09
A noticia saltaba á noitiña deste xoves: a Audiencia Territorial de Schleswig-Holstein (Alemaña) deixaba libre, baixo fianza de 75.000 euros, ao ex-presidente da Generalitat de Cataluña, Carles Puigdemont, tras descartar o delito de rebelión na petición de extradición a España. Mentres, estuda a entrega por presunta malversación de fondos públicos. As reaccións non se fixeron agardar desde determinados sectores da política galega.
Un dos máis elocuentes —e rápidos — foi o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, que preguntou en Twitter: "Ata cando vai seguir o sistema español facendo o ridículo mundial?". E enviaba este chío a determinados sectores da política española: "Os que poñían aos xermanos como referencia de seriedade cando detiveron a Puigdemont, zaska! En toda a boca!!".
Con todo, Cuíña quixo matizar: "Eu non apoio nin deixo de apoiar a Puigdemont... só falo do abuso do sistema, de saltarse o dereito, e de que seamos a vergoña de Europa en termos de respecto aos dereitos políticos e liberdade de expresión dunha sociedade do século XXI".
O portavoz de En Marea, Luís Villares, salientaba que a decisión do tribunal alemán considera qiue a imputación do delito de rebelión é "inadmisible", porque os actos que se lle imputan "non son punibles en Alemaña" e non se cumpre o "requisito da violencia". E engadía: "Mentres tanto, aquí por eses feitos hai políticos no cárcere".
E Antón Sánchez, deputado tamén de En Marea no Parlamento de Galicia e portavoz nacional de Anova, sentenzaba: "Vergoña a nivel internacional do Estado español".
Xavier Vence, ex-portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), tamén sinalaba a España como un país a contracorrente e escribía para ratificalo: "Europa vs España: 1. Tribunal alemán rexeita a acusación de rebelión e violencia d España contra Puigdemont. 2. Tribunal belga deixa en libertade a Toni Comín, Meritxell Serret e Lluís Puig i Gordi [ex-consellers]. 3. A Audiencia Nacional procesa a Trapero por sedición. 4. Cifuentes destroza a Universidad Rey Juan Carlos e non dimite".
Francisco Jorquera, presidente da Fundación Galiza Sempre e ex-voceiro do BNG no Parlamento galego, tamén daba conta da nova en Twitter e resaltaba as contradicións da Xustiza española cos criterios da alemá e da belga: "A xustiza alemá deixa en liberdade a Puigdemont e descarta delicto de rebelión. A xustiza belga deixa en liberdade a Comín, Serret e Puig. A xustiza española acusa a Trapero de sedición e organización criminal".
Polo BNG, tamén a eurodeputada Ana Miranda celebraba con outro "zasca" a decisión do alto tribunal alemán: "Hai estados democráticos, outros que non. Zasca", escribía en Twitter. Mentres, o seu compañeiro de partido Rubén Cela, portavoz no Concello de Santiago, dicía: "Que a Xustiza alemá deixe libre a Puigdemont e descarta delito de rebelión é moi marca España".
Tamén o BNG, desde a súa conta oficial en Twitter, expresou que "en Alemaña a xustiza semella máis independente do poder político e máis resistente ás presións". E engadía: "Labazada ao disparate xurídico-político español. Aledámonos".
A organización independentista Causa Galiza celebraba a nova e recordaba estas palabras do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy sobre a Xustiza alemá: "En Europa imperan a lei, o Estado de dereito e a separación de poderes". Por iso, Causa Galiza, tras coñecerse a liberación de Puigdemont, recordáballe a Rajoy este aforismo de Aristóteles: "O home é dono dos seus silêncios e escravo das suas palavras".
Esta mesma organización tamén expresou: "Enquanto a Alemanha fundamenta a inconsistência do «delito de rebeliom» no caso do processo independentista catalám, os tribunais espanhóis processam mandos políticos e policiais cataláns «por pertença a banda criminosa»".
Causa Galiza, a voz máis incisiva, considera que "o processo independentista catalám logra a exposiçom a nível internacional da natureza antidemocrática do Estado espanhol, a sua cerna franquista e a ausência de separaçom de poderes de que se gavam as democracias burguesas". Para esta organización, a liberación de Puigdemont "é umha achega decisiva ao debilitamento do regime".
RAJOY DESVÍA A ATENCIÓN
E mentres unha avalancha de reaccións sacudía Twitter, co Goberno español como foco de todas as críticas, o presidente Mariano Rajoy facíase o sueco. Mentres Twitter fervía, o xefe do Executivo central tentaba non queimarse, coma distraído duns acontecementos de impacto internacional, e miraba cara a súa casa para refuxiarse e agochar a cabeza.
En Twitter, á mesma hora que Carles Puigdemont estaba celebrando que volvía ser libre, Rajoy escribía: "Mañana comienza la Convención Nacional del Partido Popular. Mi agradecimiento a todos los trabajadores por su entrega estos días para que todo esté listo para la inauguración".
Nada sobre o golpe dado pola Xustiza alemá a España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.