SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 16:50 por EUROPA PRESS
Até sete grupos de música, entre eles os galegos Kings of The Beach e Helen & Shanna, animarán as noites de xuño e xullo con música en directo en concertos ao aire libre e con acceso gratuíto que se celebrarán en varios espazos públicos da capital galega e nas terrazas dalgúns hoteis.
A presentación do programa do ciclo de música en vivo 'Terrazeando', que celebra a súa sétima edición e arrinca o vindeiro martes na Praciña do Olvido, correu a cargo este venres da concelleira e alcaldesa de Santiago en funcións, María Rozas, xunto co representante da asociación organizadora Desconcierto, Álvaro Álvarez.
"Facer gozar á cidadanía" será o reto deste ciclo, en palabras de Álvaro Álvarez, quen explicou que esta temporada apostaron por "propostas frescas e apaixonantes".
O programa deste ciclo agrupa estilos diferentes con música feita en Galicia e noutros recunchos de España e mesmo Portugal. As bandas galegas como Kings of The Beach achegarán o punk rock desde Vigo e deixarán o folk psicodélico para o dúo Helen & Shanna.
Desde outras cidades de España sumarase o pop de Baywaves ou Los Reyes Magos, a mestura de sons clásicos e electrónicos de Alberto & García, así como o estilo dos anos 60 de Exnovios. Ademais, este ano participa a banda portuguesa Dear Telephone, que aposta polo rock experimental, o dream pop e a electrónica minimalista.
LUGARES PARA SER VIVIDOS
A este cartel engádeselle a particularidade das localizacións das actuacións. A alcaldesa de Santiago en funcións, María Rozas, sinalou que as prazas ou os parques non se utilizan normalmente para a música en directo e, con todo, son lugares "especiais e singulares".
O Concello compostelán aposta por "achegar os espazos públicos á xente", xa que son lugares "para ser vividos" e "este ciclo é unha boa mostra diso".
ESPAZOS "MOI ENIGMÁTICOS"
Neste sentido, a Asociación Desconcierto Cultural destacou que emprazamentos como a Praciña do Olvido ou o Xardín do Pazo de Amarante "son capaces de amplificar as emocións e sensacións", que xa de por se transmite a música en vivo.
Ademais, algúns dos espazos públicos son "moi enigmáticos" e "descoñecidos pola cidadanía", en palabras da alcaldesa en funcións. Por outra banda, as terrazas de hoteis como Costa Vella, O Xardín de Julia ou a de NH Collection Santiago serán os escenarios dalgunhas das bandas.
Así mesmo, todos os concertos comezarán ás 21 horas e o Concello "convida á cidadanía" a "gozar" destas sesións durante algúns martes, mércores e xoves de xuño e do próximo mes. Na páxina web de Terrazeando (www.terrazeando.com) pode consultarse o programa para acudir aos diferentes concertos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.