Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2018 | Actualizada ás 19:22
O Concello de Pontevedra enviou un escrito á Dirección Xeral de Costas para comunicar a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, a instancias dun recurso presentado polo Goberno local, anulou a Autorización Ambiental Integrada (AAI) que a Xunta outorgara en 2016 á factoría química.
A alcaldesa accidental, Carme da Silva, instou a Costas a "comprobar o cesamento da actividade" cando caduque a concesión o próximo 29 de xullo "e que se inicien as accións oportunas para o desmantelamento das instalacións e a descontaminación" dos terreos ocupados en zona de dominio público marítimo-terrestre.
Carme da Silva reiterou que a carencia de AAI "fai que sexa imposible" que Costas conceda a prórroga que Elnosa seguiría esperando para continuar na súa actual localización, en Lourizán. Así, instou ao Ministerio de Transición Ecolóxica a "recuperar ese espazo de dominio público que estiveron a utilizar para beneficio privado".
Tamén insistiu en que se fará "todo o que estea en mans do Goberno municipal desde o punto de vista administrativo, xudicial e social para conseguir que o complexo industrial Ence-Elnosa desapareza" da ría de Pontevedra, unha localización que "non é sustentable desde ningún concepto", engadiu.
Así, Carme da Silva adiantou que os servizos xurídicos do concello están a elaborar outro documento "a respecto de Ence" e que se enviará este luns. "Esperamos que ao procedemento administrativo non concluído sobre a prórroga de Ence se lle dea resposta", precisou a alcaldesa en funcións sobre o recurso presentado ante a Audiencia Nacional contra a decisión do goberno en funcións presidido por Mariano Rajoy de aumentar outros 60 anos a presenza da fábrica pasteira en Lourizán.
CAMPAÑA
Pola súa banda, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra presentou unha nova campaña coa lema 'Prórrogas? Non, grazas. Anulación!' para demandar que non se amplíe a concesión a Elnosa e para que se anule a concedida. Integrantes do colectivo ecoloxista colgaron pancartas con esa mensaxe en diversos monumentos instalados en rúas céntricas da cidade.
Así, desde as estatuas de Castelao, Bóveda, Carlos Casares, Valentín Paz Andrade e Manuel Quiroga na praza de San José, até a imaxe do Loro Ravachol na praza da Peregrina, locen estes carteis, ilustrados coa silueta do complexo industrial. En representación da APDR, Xulio Carmona explicou que esta acción é un xesto de "rebelión da cidadanía contra a chantaxe de manter máis aló do 29 de xullo o complexo Ence-Elnosa".
PARTIDO POPULAR
Pola súa banda, o presidente local do PP de Pontevedra, Rafael Domínguez, replicou á APDR que "se teñen datos sobre contaminación" que afecten a Ence segundo os cales os niveis "non se axustan aos parámetros establecidos", é "responsabilidade" do colectivo ambiental "ir á Fiscalía para denuncialo e que o investiguen". "Eu non teño ese coñecemento", engadiu Domínguez, que mostrou a súa dispoñibilidade a que a APDR lle traslade esa información.
Sobre o peche "cada vez máis inevitable" de Elnosa, o presidente local do PP de Pontevedra criticou que a alternativa por parte do Goberno local de Pontevedra é "cero". Para Rafael Domínguez "aínda podería darse un impulso" a unha situación que cualificou de "terrible", situándose "á beira dos traballadores e as súas familias", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.