Por Galicia Confidencial | A Coruña | 15/04/2011 | Actualizada ás 09:25
A inauguración do local de PC City en Marineda City vén cargada de polémica. O mesmo día da pertura ao público do complexo comercial, a cadea de informática anunciou o peche das súas 34 tendas en España, o da súa sede central e o da súa páxina web de comercio electrónico. Medidas acompañadas por un Plan de Regulación de Emprego para os seus 1.224 traballadores, informa a axencia EFE . Este plan afectará aos tres establecementos que a marca ten en Galicia: A Coruña, Santiago e Vigo.
Estas medidas responden ao proceso de saída do mercado español que iniciou a compañía británica Dixon Retails, xustificada pola “progresiva caída do consumo, as perdas acumuladas pola cadea e os plans do Grupo para centrar a súa actividade en tendas combinadas de informática e electrónica".
Unha decisión que estraga a estrea de PC City no megacomplexo comercial e que se viu tinguida de máis polémica por un incidente cun blogueiro. No primeiro día de apertura do complexo, Galicia1 relatou a través da súa conta en Twitter o incidente que tivo con empregados de PC City. Tras percorrer boa parte de Marineda City e fotografar distintos locais, este bloguero bateu en PC City cun vixiante de seguridade ao que non lle gustou que estivese a tomar fotos: “Me acaba de parar el segurata de PcCity que no puedo sacar fotos. Han llamado a la policia”, comentaba nun tuit este bloguero, que continuaba dicindo: “Perdiendo el tiempo esperando a que venga la nacional por sacar fotos dentro de PcCity”. Alí presentouse tamén a encargada do establecemento, á que cualificou como “desagradable”. Finalmente, o incidente resolveuse en favor do blogueiro, segundo comentou en Twitter: “La policia nacional ha venido y me ha dado la razon. No hay ley alguna”. E catro horas máis tarde, reiteraba: "La policia, como dice la ley, no me prohibió sacar fotos ya que no existe ninguna legislación que prohiba hacer fotos en espacios publicos".
“Nin unha palabra de galego”
A inauguración de Marineda City estivo marcada tamén por un conflito lingüístico. A xornalista Julia Otero, quen participou na campaña publicitaria de lanzamento deste complexo comercial, laiábase na súa conta en Twitter porque o galego foi excluído da inauguración oficial de Marineda City. A xornalista compartía cos seus 4.098 seguidores este comentario: “Me sorprende que en un acto social de esta envergadura no se diga ni una palabra en gallego”. Unha crítica que se agudizou cando a tamén xornalista Elisa Beni preguntoulle: “No falan?”. “Hablan... En la intimidad”, respondeu Julia Otero cunha clara alusión ao recordadísimo momento no que o ex presidente José María Aznar asegurou que falaba catalán “na intimidade”.
GC publicou hai nove días a denuncia de Prolingua polo "total desprexzo" dos xestores de Marineda City ao galego, lingua excluída da campaña promocional do complexo comercial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.