Por E.P. | PONTEVEDRA | 29/07/2018 | Actualizada ás 20:47
Preto dun cento de persoas participaron na concentración organizada pola 'Asociación pola Defensa da Ría' (APDR) de Pontevedra na Praza da Peregrina, para celebrar "un día especial, porque se lle acaba a concesión a Elnosa". Distribuídos en varios grupos, colgaron lazos verdes coa palabra 'agora!' en reixas e elementos do mobiliario urbano polas rúas do centro da cidade.
O obxectivo desta acción foi "simbolizar o principio do fin do complexo industrial Ence-Elnosa e o inicio dun futuro verde de progreso para a ría de Pontevedra no social, o económico e o ambiental", explicou o presidente da APDR, Antón Masa. "Pontevedra e a súa comarca non terán futuro mentres non desapareza o complexo Ence-Elnosa da ría", engadiu.
Antón Masa atribuíu ao "descoñecemento de cal ten que ser o sistema a seguir" a reacción da Subdelegación do Goberno en Pontevedra ao anunciar que Elnosa pode continuar a súa actividade mentres o Consello de Estado --que ten de prazo até outubro-- non resolva un expediente aberto sobre a caducidade da concesión.
"É moi fácil de entender que nunha empresa que xa non ten concesión, non é necesario continuar ningún expediente", sinalou Masa, sobre á ausencia do "título habilitante" que necesitaría Elnosa para seguir operando. "Se non pode traballar en Lourizán, a que vén continuar cun expediente de caducidade?", cuestionou o presidente da APDR, cualificando de "absurdo", "contradición enorme" e "descoñecemento da lei" a decisión de non pechar o expediente.
Así, a APDR non descarta presentar unha denuncia "se Elnosa segue traballando". No entanto, Antón Masa precisou que a tarefa que están a desempeñar actualmente os traballadores da empresa cínguese ao desmantelamento das instalacións.
ENCE
Desde a APDR apelaron á "vontade política" do Goberno Central para "revisar de oficio" a prórroga "bochornosa e mesmo ilegal", segundo Antón Masa, que obtivo Ence durante o goberno en funcións de Mariano Rajoy para continuar a súa actividade industrial durante 60 anos máis.
"Deberíase ver a existencia de irregularidades nese proceso", reclamou Masa, confiando en que "despois do peche definitivo de Elnosa" se produza tamén o peche da fábrica pasteira. Após a colocación dos lazos, a "festa" continuou cun concerto na sala Karma de Pontevedra. A APDR dedicou esta celebración á primeira presidenta da APDR, Leonor González 'Nené', e anunciou que este acto é "o primeiro paso para outra gran festa" ao termo das Festas da Peregrina.
Entre os participantes na concentración destacou a representación do Goberno local de Pontevedra, coa tenente alcalde e concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, e a edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, ás que se sumou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.