Que oculta a guerra aberta en En Marea?

A dirección do partido instrumental abrirá unha nova fase en setembro. Unha fase que pode rematar con cambios importantes e a posibilidade de que En Marea acabe dividida en dúas metades. Compostela Aberta está disposta a ir ao revogatorio se non se inician xa os cambios que solicita.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, rexeitaba este domingo un adianto dos prazos previstos para levar a cabo a renovación do Consello da formación. Era a súa resposta aos críticos da formación, encabezados por Compostela Aberta, que buscan unha renovación "inmediata" deste órgano, mesmo a través de "revogatorio" de ser necesario.

O líder da formación instrumental ratificaba que o proceso se iniciará a partir de "principios de setembro" porque "é o que din os estatutos". Sen embargo, os tempos corren en contra das listas que gobernan os tres grandes concellos da Coruña e, por iso, Compostela Aberta insiste en que a renovación se faga canto antes.

A coordinadora de Compostela Aberta (CA) volvía facer público un documento hai uns días insistindo en iniciar xa o proceso e criticando á dirección por adialo. Villares contestaba este domingo que todo iso se iniciará a principios de setembro "e a partir de aí comezarase o novo proceso participativo que lles devolverá ao plenario e ás novas eleccións" de 2019. "Os estatutos son os que marcan o noso camiño", engadía.

Con todo, os críticos denuncian os tempos marcados polo Consello das Mareas porque entenden que a renovación tería que facerse a finais de xaneiro de 2019, "a só catro meses" dunhas eleccións municipais, nunha proximidade temporal que, a CA "non parece a máis adecuada".

ELECCIÓNS

Precisamente, esa "proximidade" ás municipais é á que non queren chegar os críticos porque temen que as leas internas que haberá antes e despois desa data lles pasen factura nas eleccións. CA está disposta a ir ao revogatorio se fai falla, pero, para iso ten que contar con outros actores importantes; EU e Podemos. Pero, polo momento, as contas non lles dan. As distintas asembleas de En Marea, ben por incomparecencia dos contrarios, ben porque están en minoría sempre se saldaron a favor do sector de Villares.

Por iso, o principal obxectivo dos críticos é sumar a Podemos e EU nesta loita para rematar co poder de Villares. E, como?. As posibilidades pasan porque os seus militantes se inscriban masivamente dentro de En Marea para que a suma dos críticos sexa maior á dos oficialistas. Ata o de agora, había inscritos destes dous partidos, pero a título persoal. O obxectivo, agora, é que haxa unha consigna das distintas direccións para que se afilien ao partido instrumental. "É o único xeito de gañar limpamente unha votación, provocar os cambios que se buscan e apartar definitivamente a ese sector minoritario discordante", apunta unha fonte consultada do sector crítico en alusión a Cerna.

"Hai que estabilizar o rumbo do barco de forma urxente antes de afrontar as eleccións municipais do próximo ano", suliñaba o alcalde de Ferrol e líder de Ferrol en Común, Jorge Suárez, este domingo. Unha clara alusión a que EU --el é destacado militante desta formación-- está pola labor de acabar coa actual dirección de En Marea. Un obxectivo que tamén comparten Podemos, unha parte de Anova e a Marea Atlántica, ademais de CA e Ferrol en Común.

Precisamente, son as tres grandes mareas municipalistas as que máis teñen de perder. Se o conflito se alonga iso terá repercusións electorais e os alcaldes saben que, con "mala prensa", será moi difícil revalidar as alcaldías. E, sen alcaldías, o contrapoder dentro de En Marea non existirá, nin tampouco, a posibilidade de facerse co control da "marca".

A MARCA

E o certo é que nesta guerra tamén hai un factor psicolóxico importante. Quen quede coa "marca" En Marea, quedará co control das mareas locais pero, ademais, coa "marca electoral" de cara a unhas novas eleccións. Quen saia perdendo desa contenda sabe que ir a unhas eleccións con outra marca que non sexa a de "En Marea" pode ser prexudicial para futuras citas coas urnas. "Ese é un mal menor para IU ou Podemos que poderán ir como Unidos Podemos que é o que xa fan en todo o Estado e queren facer aquí. O problema é se Anova e os independentes van tragar con iso e ir de secundóns dun sector españolista de esquerdas", apuntan fontes da dirección consultadas por GC.

"Do que se trataba ata agora era de manter un espírito transversal entre nacionalistas e non nacionalistas, pero se o timón os levan os de Podemos ou os de Izquierda Unida, desde logo, Galiza deixará de existir definitivamente como suxeito político en Madrid", engaden estas fontes que apuntan que, no fondo, a idea de acabar con Villares e a súa dirección é, no fondo, "a de implantar un sistema que beneficia a Podemos e IU e na que Anova vai de tonto útil".

Martiño Noreiga, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez nun acto de En Marea
Martiño Noreiga, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez nun acto de En Marea | Fonte: enmarea.gal

MAREAS LOCAIS

Ademais, en xogo está o control das distintas mareas locais que a dirección de En Marea está poñendo en marcha. Mareas que son afins a Villares e que, a diferencia do Grupo Parlamentario non está composto por partidos ou grupos de influencia, senón por afíns a En Marea. Son partidos municipais nos que Podemos, IU ou Anova non teñen ningún control, ben porque non participan, ou ben porque non teñen militantes neses concellos.

Se Villares e a súa dirección conservan o control de En Marea e manteñen vivas esas mareas acadarán un músculo institucional alleo ao de Composela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica. Deste xeito, terán sempre activo un contrapoder importane ao poder que poidan exercer alcaldes como Martiño Noriega, Xulio Ferreiro ou Jorge Suárez, no caso de que revaliden o seu cargo, e comezarán a funcionar como un partido á vella usanza lonxe dos "pactos desde arriba" de Podemos, IU ou Anova.

Carmen Santos nun mitin de En Marea en Pontevedra
Carmen Santos nun mitin de En Marea en Pontevedra
Luís Villares nunha rolda de prensa na Cámara galega
Luís Villares nunha rolda de prensa na Cámara galega | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Marga

Caste, caste, caste,...

3 Bernal Calvo Decomisiones

Non oculta nada porque todos coincidiron en erguerse para aplaudir a Pablemos cando falou das dúas nacionalidades históricas, País Vasco e Cataluña, a única discrepancia está en postiños e en quen ten máis liberadiyos e mandar máis. Debaixo da pucha están calvos.

2 Per

En Marea nin menciona Galicia nin ten o nome en galego,, ese é o problema xa que Galicia perdeu relevancia.O seu único exito, eliminar ao Bng. Podemos se gaba do 2 de Maio e no fondo foi un trunfo do absolutismo español.

1 Par

Ese "se gaba" teu é moi de Feijóo.

1 O do ML

Unidade IMPopular: No Ferrol cun goberno que coincide co PP no asunto dos servizos de auga e recollida; en Compostela cun alcalde que mintiu na privatización do antigo hospital de Galeras; e na Coruña Xulio Ferreiro mandando a policias a desaloxar un espazo que el mesmo apoiaba antes de tocar poder. Así lle vai a Esquerda de Salón, a cal nunca estuvo en contacto cos problemas reais da clase traballadora... Nada novo na socialdemocracia.