Na miña mesa estaban representantes dalgúns dos sectores máis relevantes no ámbito económico de Galicia. O Granito representado polo Secretario Xeral da asociación sectorial, as conservas ANFACO, a alimentación en Coren e aceites Abril e os Seguros Artai tamén estaba un servidor representándose a si mesmo e á miña dereita o asesor da embaixada británica en asuntos políticos, o medio español James Birkett.
Tras un discurso inicial do señor embaixador onde deixou clara a postura do goberno británico; que non hai marcha atrás no abandono do Reino Unido da Unión Europea. Con todo, esta separación ten que ser amigable polas moitas cousas que nos unen e sobre todo por cousas nas que nos necesitamos mutuamente. Utilizando un símil poderiamos dicir que este é un divorcio onde hai fillos menores por medio e que, por tanto, é mellor que sexa amigable xa que nos imos ter que apoiar mutuamente en certas cuestións durante moitos anos.
Tras o discurso inicial, no xantar o asesor británico mostrouse accesible e falador afirmando que o Ministerio de Asuntos Exteriores británico é claramente proeuropeo do mesmo xeito que a administración do Reino Unido e que esa decisión de ruptura tras un referendo fora un grave erro político. Pero eles debían acatar a vontade democraticamente establecida desde unha perspectiva favorable a tender pontes e manter lazos comúns de interese.
Despois dunha animada charla quedou patente cales son as claves deste divorcio; comida, diñeiro e seguridade. Comida porque o Reino Unido produce alimentos por baixo das necesidades dos seu setenta millóns de habitantes e porque é o trampolín en moitos casos para abastecer a outros territorios historicamente afíns. Diñeiro porque non hai que esquecer que os acordos económicos supoñen para esta pequena illa ser o centro financeiro, ou un deles, do mundo a famosa City e, por ultimo, a seguridade por ser un dos motivos que máis preocupa aos británicos polos problemas do terrorismo e o movemento migratorio.
Na miña humilde opinión, os británicos desexan unha Unión Económica europea que difire moito dunha Unión europea, están en todo o seu dereito e serán os técnicos os que tentarán chegar a un acordo . No que respecta a seguridade non vexo discrepancias posible. É algo que deberiamos ter claro xa que con certas cousas non se xoga nin se debe mirar a factura.