Iso na miña opinión foi a nosa Transición, unha época con moitos puntos escuros e situacións dolorosas pero onde o pobo español na súa maioría decidiu enterrar as rifas do pasado e mirar cara a un futuro común, esquecendo esa España de vencedores e vencidos e permitindo que todo o mundo opinase e actuase cos límites da liberdade do veciño.
Con todo sempre existiron rescoldos de antigas rifas e rancores esquecidos, de reproches e contas pendentes. Esta exhumación exprés dos restos do representante do réxime anterior é unha proba para este que escribe da irresponsabilidade duns políticos que en ocasións tan só miran no curto prazo de períodos electorais e intereses partidistas.
Este goberno que chegou ao poder, si, poder, co apoio de partidos dispares e cunha minoría na cámara, este goberno que xoga con orzamentos herdados que non pode modificar. Este goberno que desexa manterse para ter unha mellor plataforma electoral para as próximas eleccións xoga á desesperada.
Nuns meses dous ministros dimitidos. Comentábame alguén que tivera unha reunión con outro ministro de profesión astronauta que lle recoñeceu que se farían todas as fotos que quixese pero que non tiñan orzamento para I+D. Un presidente que é unha estrela do Rock viaxando en avión presidencial , o de España non ten nome como o americano, pero consume moita gasolina seguro, para ir a concertos.
Cal é a medida estrela deste goberno para ter entretido ao público e contento aos seus socios de Podemos e nacionalistas?... pois desenterrar pola vía express a un morto que leva setenta anos enterrado e do que xa ninguén ou case ninguén se acordaba. E agora vén o seguinte, o cadáver desenterrado peregrinando pobo por pobo de España a ver quen o acolle. Este esperpento soliviantará a algúns que non considerasen de gusto este prato de fiambre e alegrará a outros que desexan facer bromas e carantoñas da momia.
Total xa hai lío montado, o suficiente para que todo o mundo se entreteña ou se tensione, algo tensionados xa están nalgunhas zonas desta nosa España con ese conto de nunca acabar do independentismo periférico, un pouco máis de leña que é a guerra.
Non hai sentido de estado, estamos a tentar reescribir a historia e cando xa ninguén se abacelaba xa de se os seus devanceiros foran vencedores ou vencidos uns políticos inconscientes avivan lumes con tal de manter unhas posicións de saída máis favorables para levantarse a posicións de poder.
Nós, como os burros, empurrar e só mirar a ver que pasa.