Mariñeiros galegos: "Noruega, por que non hai pensións?"

As protestas de mariñeiros galegos que traballaron para a mariña mercante norueguesa está pondo en entredito a suposta equidade democrática nórdica. Tratados e documentos revelan que as autoridades do país escandinavo non gustaban de compartillar o seu tesouro público con traballadores de fóra.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 22 de setembro en Estocolmo, Suecia, concentráronse membros da Asociación de ex-mariñeiros Noruegueses Long Hope. Levan un percorrido por todas as capitais europeas para chamar a atención do que consideran un trato inxusto por parte do goberno noruegués e da súa seguridade social, despois de que mesmo algúns estivesen décadas traballando en buques de bandeira norueguesa. “Nunca recibimos o pago de pensións por parte do estado noruegués, estabamos excluídos da Seguridade Social dese país, pero pagabamos o equivalente ao IRPF como un nacional” di Alberto Paz, voceiro da Plataforma Long Hope, que reúne a mariñeiros que traballaron durante anos no país escandinavo. “Para nós isto incumpre a Convención Europea de Dereitos Humanos e da Carta Social Europea, pagar IRPF e non recibir contraprestación do estado, é como pagar por traballar”.

Os mariñeiros de Long Hope maniféstase en Oslo
Os mariñeiros de Long Hope maniféstase en Oslo

Alberto Paz traballou despois en buques dinamarqueses que lle permitiron cobrar unha pensión a día de hoxe, xunto cunha pensión por parte española. Segundo Paz, a resposta das autoridades norueguesas é que os mariñeiros estranxeiros non eran residentes no país. “Un barco que navega baixo a bandeira dun país é considerado como extensión de dita nación” di Alberto Paz segundo a Convención de París, revisada en 1981. “A nós esixíasenos residir no país, pero os noruegueses que navegaban con nós e vivían fóra do seu país, recibían as pensións correspondentes”.

Nos anos 1957 e 1962 autoridades políticas e sociais norueguesas captaron mediante convenios bilaterais, mariñeiros en todo o Estado español. Precisaban man de obra “pero en ningún documento se mencionaba que a residencia en Noruega fose condición para iso (cobrar as pensións)”. Na sinatura do Convenio Bilateral, o estado escandinavo esixiu a España asinalo para eliminar a dobre imposición fiscal. “Nos anos sesenta non tiña moito sentido para os noruegueses porque aquí non había ninguén, nin siquera turismo” declara Alberto Paz. “Logo da sinatura deste convenio bilateral, España presentou un documento que incluía a cobertura social, documento que Noruega non asinou alegando que España era unha ditadura” di Paz.

As retencións que se aplicaron durante anos nos contratos para mariñeiros e armadores, segundo explicaron desde Long Hope, era un traballador noruegés aportaba o 4,7% do salario, o armador ou empresario un 14,1% e logo o estado retraía un 7% de todo iso para a caixa das pensións. Os mariñeiros estranxeiros estaban exentos do 3,5% para a Seguridade Social do país nórdico. “Pero é que nós tampouco tiñamos dereito ás axudas por fillos, axudas familiares e nalgúns casos nin nos pagaban as viaxes para embarcarmos ou para volver á casa” di Paz.

Mario Paz, tamén antigo mariñeiro na mercante norueguesa conta a Galicia Confidencial que “nós fomos alá e os sindicatos xa nos tiñan todo asinado” e confirma quea pega que nos poñen eles é non termos residencia en Noruega”. A cuestión é que se pagaba un desconto do 10% para mariñeiros casados e do 15% para mariñeiros solteiros, di Mario Paz. A cousa é que “logo, sen previo aviso aumentaron o dobre, 20% e 30% respectivamente” di Alberto Paz. Esta retención ou desconto era en teoría o IRPF que pagaban das súas nóminas. Non obstante, Mario Bea di que as baixas por enfermidade e accidentes laborais “iso pagaban todo, en calquera parte que estivese” ademais de que “pagaban a viaxe ata Coruña ou Vigo, pagaban o avión”.

Manifestación da Asociación de ex-mariñeiros de Noruegos 'Long Hope'. Manifestación de exmariñeiros mercantes en Noruega/Long Hope Manifestación de exmariñeiros mercantes en Noruega/Long Hope
Manifestación da Asociación de ex-mariñeiros de Noruegos 'Long Hope'. Manifestación de exmariñeiros mercantes en Noruega/Long Hope Manifestación de exmariñeiros mercantes en Noruega/Long Hope

HISTORIA DUN OCULTAMENTO?

O principio básico do estado do benestar é a universalidade en dereitos como educación, sanidade e cobertura social. Isto entendeuno o goberno noruegués que ademais axilizara un plano de cobertura especial para os seus mariñeiros mercantes. Así aparece no traballo “Os Mariñeiros e o Estado do Benestar” de Elisabeth.S. Koren, do Marmuseum de Noruega,  que apuntaba como os mariñeiros estranxeiros non estaban cubertos por todas as prestacións que si tiñan os noruegueses. Este mesmo traballo destaca a actual reivindicación de mariñeiros españois que tamén na páxina 5 deste traballo, apunta naquel tempo, para a Asociación da Xente do Mar de Noruega, era importante que os estranxeiros non tivesen o mesmo impacto que os noruegueses para a seguridade social. Si recoñece que os navegantes foráneos estaban suxeitos a impostos, e tamén, na súa  páxina 21, no 5º parágrafo recollía que os tratados pedían a residencia en Noruega no caso de querer cobrar pensións. Por último, hai un parágrafo que reproduce as palabras dun representante dos armadores e do goberno noruegués: “a pensión non pode nin debe exceder os nosos intereses nacionais”.

No bienio 1965-1966 presentouse unha proposta do Comité Social sobre Seguridade Social que foi enviada ao Parlamento de Noruega. A proposta incluía a posibilidade de que os mariñeiros non nacionais puidesen estar cubertos o mesmo que os que si eran nacionais e residentes. O documento recolle na páxina 11 diversos puntos que afectaban aos non noruegueses: que só os cubrisen os seguros de accidente e non o de enfermidade, que o mesmo Ministerio para a Seguridade Social recomendaba non incluilos no Réxime Nacional de Seguros porque “non hai unha razón para incluílos, aínda que poderían concorrer razóns especiais” (a tradución é do xornalista baseada nunha tradución xurada do documento mencionado). A conclusión é que ao teren unha porcentaxe do 25% de mariñeiros estranxeiros, moitos deles de países con convenios bilaterais, Noruega, tal e como di o documento mencionado, temía que todos eses países reclamasen as  pensións dos seus mariñeiros á Seguridade Social do país escandinavo.

No ano 1964 España e Noruega asinan o convenio bilateral que evitaba a dobre imposición sobre impostos para os nacionais de ambos os dous estados. Nese documento establecíase como “nacional” residente dun dos “estados contratantes” quen estivese suxeito á imposición dese estado contratante. Se se ten en conta que segundo a Declaración de París de 1856 e as posteriores que a revisaron e actualizaron, un buque que navegue baixo unha determinada bandeira é unha extensión dese país. Por tanto, o traballo realizado polos mariñeiros estranxeiros en buques noruegueses entenderíase como traballo feito en Noruega. No convenio tamén se recolle a porcentaxe do 10% e do 15% en cuestión de IRPF para casados e solteiros. Non obstante, no artigo 25, en concreto no punto 6 dise que: “As disposicións deste artigo non obrigarán a Noruega a conceder ás persoas de nacionalidade española as exencións fiscais excepcionais que son concedidas a persoas de nacionalidade norueguesa e ás persoas nacidas de pais noruegueses, polo artigo 17 da Lei Fiscal Norueguesa para os distritos urbáns”.

QUE PASOU DESPOIS?

En 1994 Noruega rexeita entrar na UE mediante referendum, pero ese ano si entrou no Espazo Económico Europeo (EEE) tras o acordo entre UE e a Asociación Europea de Libre Comercio (EFTA).Aí foi cando os demais países asinantes e as autoridades da Unión viron que a lexislación laboral norueguesa era discriminatoria cos cidadáns estranxeiros que traballaban nese país” di Alberto Paz. A cuestión foi que “a partir de 1994 houbo algúns que  puideron cobrar pensións desde Noruega, pero agora para poder traballar nun emprego digno tes que facer cursos de noruegués que saen a 500€ para acadar o nivel 2 desa lingua”.

Actualmente as mobilizacións para recibiren unhas pensións dignas e que lles correspondan polos anos traballados, fixo que mariñeiros de toda España, 10.000 en total, 8.000 galegos, iniciasen reunións, xuntanzas, manifestacións e mesmo peticións ao goberno de Noruega, á Unión Europea e pedir traducións xuradas de documentación correspondente aos anos en que España comezou a enviar persoal para a mercante escandinava. Todo para ver de resolver esta cuestión.

Galicia Confidencial púxose en contacto coa Seguridade Social norueguesa, preguntando cales eran os motivos de non pagaren pensións de retiro ás persoas que traballaron nos seus barcos. A resposta foi que antes das sinaturas coa UE, os mariñeiros que non eran nacionais de Noruega ou doutros países escandinavos, non tiñan dereito a  recibiren pensións segundo as leis establecidas sobre Seguridade Social nese país. Isto estendíase aos mariñeiros galegos ao non seren residentes nin en Noruega nin noutros países nórdicos (ver imaxe de email). Non obstante, segundo declaracións de mariñeiros, en ningunha parte dos documentos que asinaban aparecía a cláusula que lles pedía a residencia no caso de quereren cobrar a pensión de retiro.

Polo de agora, seguen as mobilizacións e as chamadas a diferentes portas para seren atendidas as peticións destes mariñeiros. Mentres, continuarán coas entrevistas co goberno de Oslo e as autoridades europeas. No entanto, quedan puntos aínda por aclarar sobre como foron contratados e as condicións laborais. 

Email de resposta da Seguridade Social norueguesa
Email de resposta da Seguridade Social norueguesa | Fonte: Galicia Confidencial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta