Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/10/2018 | Actualizada ás 15:54
A candidatura de Carolina Bescansa para liderar Podemos Galicia anunciou a incorporación ao seu proxecto do deputado por Barcelona de En Comú-Podem Raimundo Viejo, ex-concellleiro na Cidade Condal e un dos artífices da candidatura coa que Ada Colau se converteu en alcaldesa da capital catalá en 2015.
O politólogo vigués, procedente dunha familia de políticos e intelectuais, encargarase de "pór voz aos miles de galegos que viven no exterior".
O anuncio prodúcese pouco despois de que o outro precandidato en liza para liderar Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, anunciase a incorporación dun grupo de inscritos de Lugo que, encabezados por 'Josito' Pérez, traballaban na elaboración dunha candidatura alternativa ás de Bescansa e Gómez-Reino.
Raimundo Viejo, nado en Vigo en 1969, ocupou en 2015 o cargo de concelleiro de Educación e Universidades no Concello da Cidade Condal co goberno de Barcelona En Comú. Ese mesmo ano abandonou o posto para presentarse ás eleccións xerais de finais de 2015, nas que resultou elixido pola provincia de Barcelona, resultado que repetiría medio ano máis tarde nos comicios de xuño de 2016.
O vigués foi un dos asinantes do manifesto 'Mover Ficha', xerme do nacemento de Podemos. Durante o último proceso interno a nivel estatal, Vistalegre II, incorporouse á candidatura de Íñigo Errejón, que resultou derrotada polo proxecto do secretario xeral morado, Pablo Iglesias.
DIFERENZAS CON PABLO IGLESIAS
Doutra banda, Carolina Bescansa admitiu este venres que ten diferenzas políticas "importantes" co secretario xeral, Pablo Iglesias, pero rexeitou que haxa un conflito persoal entre ambos.
"Estas polémicas non axudan a Podemos. Non quero que pareza que hai un problema persoal con Iglesias", sinalou Bescansa, en declaracións en Antena 3, nas que volveu evitar entrar en consideracións sobre as palabras do líder de Podemos, que afeou as súas aspiracións en Galicia por levar "20 anos" vivindo en Madrid.
"Non quero que isto se converta nun partido de tenis entre Pablo e eu. Sería unha falta de respecto para os inscritos en Galicia", apuntou Bescansa, distanciada da dirección desde o proceso previo a Vistalegre II e apartada definitivamente da vida do partido após filtrarse en abril un documento no que propuña un pacto con Íñigo Errejón para rivalizar con Iglesias polo liderado do partido.
Na entrevista, Bescansa tamén se referiu ás declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que entrou no proceso interno de Podemos Galicia para, após asegurar que o partido "sempre estivo dirixido por Madrid", criticar a Pablo Iglesias por "repartir carnés de galegos".
Para a compostelá, as palabras de Feijóo, en lugar dunha chiscadela para menosprezar outra candidatura, representan "unha man ao pescozo". "É puro barro de alguén que podería estar na próxima temporada de 'Fariña'", apostilou Bescansa en referencia á serie televisiva que narra a historia do narcotráfico en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.