Golpe á liña galeguista do PPdG: a marcha de Chapela deixa "noqueada" á dirección do PPdeG

A abrupta e súpeta marcha de Daniel Chapela do PPdeG causou sorpresa e indignación. Fontes da dirección popular non sabían "absolutamente nada" da súa decisión. O xa ex cargo non quixo falar con ninguén e facela pública "como recollen os estatutos". Quere seguir na política local en Bueu.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/11/2024 | Actualizada ás 21:46

Comparte esta noticia

"Conservador" e "manifestamente galeguista". Así se define Daniel Chapela, ata este martes 19 de novembro coordinador da área de cultura do PPdeG. Non era un peso menor na estrutura organizativa do Partido Popular de Galicia. O seu sonado portazo a este partido colleu por sopresa á dirección popular no medio dun pleno no que, ademais, o seu líder, Alfonso Rueda, acababa de responder ás preguntas da oposición.

Daniel Chapela co Secretario Xeral de Política Lingüística
Daniel Chapela co Secretario Xeral de Política Lingüística | Fonte: PPdeG

Un Rueda que quedou moi sorprendido por un anuncio que ninguén agardaba. Nin o presidente, nin os máis estreitos colaboradores de Chapela na Consellería de Cultura. De feito, un dos seus principais valedores, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quedou en "shock" ao facerse pública a noticia. Noqueado tentou poñerse en contacto con Chapela para saber o que acontecía, pero o cargo popular dimitido nin lle colleu a él o teléfono, nin a outros dirixentes do PPdeG. O único que se limitou a facer durante o día foi contestar algúns whatssaps de amigos.

Chapela marchou con duras críticas ao "equipo claramente incompetente" do conselleiro de Cultura, José López Campos, especialmente en política lingüística e nas negociacións para alcanzar un pacto polo galego. Ese foi o argumento utilizado na súa carta de dimisión como cargo do PP e edil en Bueu, a súa localidade natal, onde continuará como edil non adscrito despois de meses de desavinzas coa súa portavoz municipal, Elena Estévez.

ATAQUES Á CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE

"As declaracións do conselleiro de Cultura sobre o pacto político e social polo galego constitúen unha evidencia máis da incapacidade para xestionar un futuro para a lingua nun momento no que as mensaxes esperanzadoras deben ser o eixo fundamental e sen balóns fóra", indicaba. Unhas críticas a unha das liñas políticas marcadas por Rueda nesta lexislatura que non deixaron indiferentes a ninguén e que causaron, primeiro, estupor, e logo malestar, na dirección popular.

Román Rodríguez, Paula Prado e Daniel Chapela na comisión de Cultura do PPdeG.. PPDEG
Román Rodríguez, Paula Prado e Daniel Chapela na comisión de Cultura do PPdeG.. PPDEG

O propio conselleiro, José López, tiña que saír ao paso ao suliñar o seu desconcerto coa decisión. De feito, e tras consultalo con Valentín González, o titular de Cultura, dicía "descoñecer" as motivacións reais da decisión. Tentarei entrar máis en profundidade das súas motivacións porque ata onte mesmo --o luns-- mantivo unha reunión totalmente afable co responsable de Política Lingüística", manifestaba.

"Foi foder a quen máis o defendeu", apuntou ao GC un alto dirixente do PPdeG

Chapela foi nomeado coordinador da Comisión de Cultura con 22 anos, en 2022, cando Rueda chegou á Presidencia do PPdeG tras o salto de Alberto Núñez Feijóo á política estatal. Foi unha fichaxe do entón equipo de Román Rodríguez, e, sobre todo, de Valentín García, o seu gran valedor dentro do partido. "Foi foder a quen máis o defendeu", apuntou ao GC un alto dirixente do PPdeG. 

De feito, García foi quen apostou por el como coordinador da área de Cultura. E é que Chapela, licenciado en Lingua e Literatura Galega, era unha persoa con alta estima en parte do mundo cultural galego no que o nacionalismo galego sabe moverse moi ben. É escritor e poeta, activista cultura e mesmo estivo a piques de chegar a dirixir a revista Dorna, pero a súa vinculación política ao PPdeG afastouno dese nomeamento.

CANTEIRA "GALEGUISTA" PARA O PPdeG

Precisamente, este perfil de "rapaz novo, traballador, intelixente, perspicaz e formado a si mesmo" --é orfo de pais-- foi o que chamou a atención da parte galeguista do PPdeG que viu nel un futuro dirixente político para cubrir os ocos dunha sensibilidade, que ano tras ano e desde a defenestración de Xosé Cuíña, vai perdendo poder dentro do Partido Popular en Galicia. Pero o que semellaba ser unha nova promesa popular acabou en sonoro fracaso e, especialmente, deixa en moi mal lugar a esa sensibilidade galeguista que estaba buscando canteira para o futuro do partido.

E non só queda tocado este sector, senón tamén unha consellería e un conselleiro que, tras a súa chegada á Xunta, xa se tivo que enfrontar a unha das principais pantasmas do PPdeG, a pésima situación da lingua galega, especialmente, entre as novas xeracións. O informe do IGE foi o primeiro gran golpe na liña de flotación da nova política de Rueda de dar un viraxe a época Feijóo e tentar visibilizar máis o idioma dándolle á lingua rango de consellería. E a demisión de Dani Chapela, o segundo, nun momento, ademais, no que López Campos está tentando tecer fino para chegar a un "pacto polo galego".

De feito, o secretario xeral de Política Lingüística segue aínda hoxe sen coñecer os motivos que hai detrás da súa dimisión. García nunca escoitou ningunha crítica cara el, nin cara a este conselleiro, nin cara a política lingüística por parte de Chapela. Iso, cando menos, é o que din fontes da súa contorna. Falaba habitualmente con el para definir as políticas culturais e lingüísticas da Xunta e do PPdeG. A última conversa foi este luns para programar unha reunión da Comisión de Cultura do PPdeG e analizar o pacto pola lingua. 

MUNICIÓN PARA A OPOSICIÓN

Un pacto pola lingua que non acaba de arrincar e que queda xa máis tocado tras as manifestacións de Chapela. Igual que o seu conselleiro, un dos novos dirixentes políticos elixidos por Rueda para tentar cimentar esa canteira do partido.  De feito, dálle aínda máis munición á oposición para desacreditar ao PPdeG nun momento delicado. A deputada do PSdeG Silvia Longueira, xa aproveitaba o pleno deste martes para sinalar que a saída do xa ex cargo popular reflicte unhha a "falta de entendemento e de rumbo" respecto da política lingüística "dentro" das filas populares.

"É unha mostra dos moitos concelleiros e alcaldes do PP que están en contra da política lingüística que executou a Xunta durante estes 15 anos". De feito, a socialista destacaba que esta dimisión se produce dous días despois da "masiva" manifestación do pasado domingo, convocada pola Plataforma Queremos Galego, para reclamar "un compromiso real coa lingua" á Xunta. Unha conexión que tamén fixeron desde o propio PPdeG. "E marcha cando máis ferve o tema do galego", critican.

Tamén desde A Mesa defendían o seu talante político."Lamentamos a demisión de Daniel Chapela da súa responsabilidade na executiva do PPdeG. Malia as diferenzas sempre mostrou vontade de diálogo e colaboración a favor da lingua galega en contraste coa actitude do conselleiro, incapaz de responder dúas solicitudes de reunión da Mesa ou de atender a demanda de cumprimento dos acordos expresadas na rúa por milleiros de persoas", indicaba esta entidade.

Chapela queda na política en Bueu para "defender os compromisos" adquiridos na campaña e "debéndose, exclusivamente, á veciñanza"

OS SEUS PROBLEMAS EN BUEU

Desde que entrou no PPdeG, Chapela foi moi activo tentado artellar unha liña cultural "galeguista" no PPdeG e na Xunta. Tamén tentou afianzar o seu perfil político desde a súa posición como concelleiro en Bueu. 

De feito, fontes próximas a Chapela consultadas por GC indican que, a partir de agora, quere centrarse en "facer política en Bueu", o seu concello natal e no que a súa relación coa líder local do PP, Elena Estévez, é moi mala tras diferencias insalvables sobre asuntos municipais, o último sobre a proposta de desaparición dun aparcadoiro de coches do centro de Beluso á que o ex cargo popular votou en contra e o seu grupo se abstivo. Isto valeulle a apertura dun expediente que quedou en nada tras a intercesión, precisamente, dun dos seus grandes valedores no partido, Valentín García.

Chapela decidiu marchar sen comunicarlle a decisión a ninguén. "Non teño porque dicirlle nada a ninguén. Así aparece recollido nos Estatutos do partido. Podo marchar e facelo público", comentou aos seus achegados. "Para min, a política non é figurar nas fotos, senón construír", engadía na carta na que renunciaba á coordinación de Cultura do PPdeG e na que tamén anunciaba que se daba de baixa como militante. Iso si, deixaba claro que se manterá como concelleiro non adscrito no Concello de Bueu.

Precisamente, é isto o que está detrás da súa decisión de deixar o PPdG, segundo a dirección deste partido, "e non nada do tema da lingua". "Quizais aspiraba a máis e como non o conseguiu pois decidiu marchar pola porta de atrás", apuntan fontes consultadas. Chapela, pola contra, di que queda na política en Bueu para "defender os compromisos" adquiridos na campaña e "debéndose, exclusivamente, á veciñanza".

O conselleiro de Cultura, José López Campos, nunha intervención no Parlamento de Galicia.. XUNTA
O conselleiro de Cultura, José López Campos, nunha intervención no Parlamento de Galicia.. XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario (1 pend. aprobación)