Por Europa Press / Redacción | MADRID | 26/02/2025 | Actualizada ás 10:15
O Comité Económico e Social Europeo (CESE) deu luz verde este martes ao uso do catalán, o euskera e o galego nas súas sesións plenarias, segundo informou o Ministerio de Asuntos Exteriores nun comunicado no que se felicitou da decisión.
O CESE é un órgano consultivo da UE composto por 329 representantes das organizacións de traballadores e empresarios e outros grupos da sociedade civil, dos que 27 son españois. O seu labor é emitir ditames sobre cuestións da UE para a Comisión Europea, o Consello da UE e o Parlamento Europeo, e actúa como ponte entre as institucións da Unión con capacidade decisoria e os cidadáns europeos.
O Goberno deu "a benvida" á decisión de "estender o uso das linguas cooficiais españolas ás intervencións dos seus membros nas sesións plenarias", o que aliña a esta institución coa situación que xa existe no Consello da UE ou Comité Europeo das Rexións. No seu comunicado, Exteriores lembrou que "a promoción do uso das linguas cooficiais na Unión Europea é unha prioridade do Goberno para alcanzar o obxectivo de levar a Europa nosa identidade nacional plurilingüe e de achegar as institucións á cidadanía".
Por outra banda, o Executivo tamén solicitou ao Parlamento Europeo que se autorice o uso de catalán, euskera e galego nos seus plenos, adoptando un acordo administrativo como os que xa existen con outras institucións da UE. Esta decisión corresponde á Mesa da Eurocámara, que tampouco deu o paso, aínda que a presidenta desta institución, Roberta Metsola, encargou un informe sobre a implicación que tería o uso do tres linguas cooficiais españolas nos seus plenos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.