Rueda a Pontón: "Non me volva a falar de machismo na vida. Cando lle dan medo os seus coroneis e o seu sindicato, cala"

A líder do BNG, sen aludir a un cartel da CIG contra a conselleira de Política Social, que PPdeG e PSdeG consideran machista, acusa o presidente de "inventarse bulos" contra ela e velle "obsesionado" co Bloque.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 26/02/2025 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, chamou este mércores "covarde" á líder do BNG, Ana Pontón, á que afeou o seu "silencio clamoroso" sobre o cartel que a CIG difundiu no complexo administrativo de San Caetano no que aparece, a modo de caricatura da conselleira de Política Social, Fabiola García, un debuxo dunha muller cun bolso de marca e que afirma que lle "matan" as rebaixas.

Tanto os populares como a Xunta denunciaron o "machismo" do cartel --que tamén censura o PSdeG-- e Rueda sacou o tema na sesión de control, durante a pregunta formulada pola xefa de filas do Bloque, a quen nas últimas semanas os populares esixiron unha condena e que, a pesar da interpelación directa, non tocou o asunto.

"Como vostede vaime a chamar machista na segunda réplica, como fai sempre, vouno a facer eu primeiro, antes de falar de vivenda, porque creo que tamén é moi importante", arrincou Rueda a súa intervención, na que aludiu ao cartel da CIG que caricaturiza a García, quen non se atopaba no pleno, e instou a Pontón a rectificar no seu "silencio clamoroso" da semana anterior.

"Moitas compañeiras doutros partidos manifestáronse fronte á ofensa clarísima contra unha compañeira de Goberno, unha compañeira non parlamentaria pero que está neste Parlamento moitas veces, unha muller que se dedica á política, e vostede non foi capaz de dicir absolutamente nada", lamentou o presidente, antes de instar a Pontón a "dar exemplo de coherencia".

"Hai que ser coherente. Dea un exemplo de valentía, hai que ser valente fronte aos seus xefes", insistiu Rueda, para afirmar, a continuación, que esperaba na segunda intervención da líder nacionalista, "á parte da risiña nerviosa que lle dá cando escoita verdades", un pronunciamento sobre o polémico cartel. Sen aludir á caricatura, Pontón acusou ao presidente galego de acudir ao hemiciclo a "manipular a realidade" e a "inventar bulos" contra ela, unha actitude que atribuíu a que os populares están "moi nerviosos coa oposición" dos nacionalistas. "Están obsesionados co BNG, facéndonos xa de oposición", esgrimiu nunha intervención que foi cortada polo xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, por exceder o tempo.

"NON ME VOLVA A FALAR DE MACHISMO NA VIDA"

Xusto a continuación, na súa última quenda, Rueda replicou que Pontón podería "estar a falar o triplo do tempo que teña" porque "hai silencios clamorosos, lamentables e indicativos". "É vostede unha covarde, señora Pontón. Cando lle dan medo os seus coroneis e o seu sindicato, cala. Non me volva a falar de machismo na vida, que ese machismo nacionalista vostede validar e apláudeo. Isto é o que hai. Nin dignidade, nin coherencia, nin valentía, silencio clamoroso e lamentable. Que pena. É moi difícil tomala en serio despois do que acaba de demostrar", resolveu.

Cartel da CIG sobre a conselleira de Política Social, Fabiola García, e a súa petición de retirada
Cartel da CIG sobre a conselleira de Política Social, Fabiola García, e a súa petición de retirada | Fonte: CAPTURA - E.P. - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Son afiliada da CIG, e ese cartel é malísimo tanto na forma como no contido. Tamén hai homes pijos, pero o único ministro criticado pola súa aparencia chámase Yolanda... Que o retiren, e que se desculpen.