A lingua galega divide a política galega

Rueda insiste en que "por imposicións" non se pode resolver a situación do galego, mentres que nacionalistas e socialistas piden á Xunta diálogo e medidas ante a "emerxencia" na que se atopa o noso idioma.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/02/2025 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

A situación do galego volve a marcar a axenda política dos principais partidos galegos sen que, ata o momento, haxa unha solución entre a Xunta, gobernada polo PPdeG, e a oposición de BNG e PSdeG. A masiva manifestación deste domingo en Santiago marca un novo punto de inflexión na política lingüística, cun Alfonso Rueda que advirte que polo camiño da "imposición" non se avanza e unha Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro que lle piden que atenda a petición da xente pola situación de "emerxencia" que vive a lingua.

Dúas persoas sosteñen unha pancarta de Queremos Galego! a súa chegada á Praza do Obradoiro
Dúas persoas sosteñen unha pancarta de Queremos Galego! a súa chegada á Praza do Obradoiro | Fonte: Xornal de Compostela

"O meu máximo respecto a todos os que foron a esa manifestación, tanto dos que foron de boa fé como os que están politizando esta cuestión. Tomamos nota de todas as posicións. Cada un saberá porque foi a esa manifestación pero o que non vai permitir a Xunta é que se tenten impoñer as políticas duns poucos", dixo. Facía alusión Rueda a algunhas entidades próximas ao BNG, nomeadamente, A Mesa pola Normalización, que decidiu abandonar o Pacto pola Lingua. "Agardo que os que foron de boa fé a esa manifestación saiban que hai quen quere rebentar todo isto e iso, pois a Xunta, non o acepta", dixo.

O presidente galego referiase a esta manifestación na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta na que insistía en que a Xunta ten "a man tendida coa lingua sen liñas vermellas", agás, e repetiuno ata en tres ocasións, que haxa "imposicións sobre a inmersión -lingüística-". "Se o que se di é inmersión, ou nada,  así non imos poñernos de acordo. Pero se sentamos para potenciar o idioma, aí estará a Xunta pero sen aceptar nunca imposicións", indicou.

Rueda insistiu en que o seu goberno está aberto a falar con todos pero advertiu das actitudes dalgunhas entidades próximas ao BNG que acuden ás xuntanzas para "rebentalas" e para pedirlle a outras entidades que se levanten da mesa do diálogo. "O que queremos é escoitar a todo o mundo para poder chegar a acordos. Niso consiste negociar. Pero se o pensamento dalgúns é rebentar todo, pois iso a Xunta non o acepta", dixo.

BNG: "ORGULLO DUN PAÍS" CONTRA O "ACOSO E DERRIBA" DO PP Á LINGUA

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou que a manifestación demostrou o "orgullo dun país" contra o "acoso e derriba" do PP á lingua propia de Galicia. En declaracións aos medios este luns en Santiago, Pontón instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "escoitar" as demandas das persoas que saíron ás rúas da capital galega este domingo convocadas pola plataforma Queremos Galego.

"Onte (domingo) sentímonos moi orgullosas dun país que sae a defender a súa lingua", aseverou Pontón, que incidiu en que as demandas pasan polo cumprimento do "gran acordo" plasmado no Plan de Normalización Lingüística e que se "deixe atrás" o "decreto da vergoña" que fai da escola "un elemento desgaleguizador". "Isto é moi simple. Hai un gran acordo pola lingua, que é o Plan de Normalización Lingüística que onte (domingo) miles de presonas esixían que se cumprise", remarcou Pontón, que reclamou a Rueda que "abandone a súa soberbia e as súas políticas en contra do galego".

PSdeG: "EXTREMA É A SITUACIÓN DE EMERXENCIA DO GALEGO"

Así mesmo, o PSdeG censurou que o PP fale de "extremismos" para definir a postura das entidades, organizacións e partidos que critican a política lingüística da Xunta. "Extrema é a situación de emerxencia do galego", aseverou este luns nunha rolda de prensa a deputada do PSdeG Silvia Longueira, que apelou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a escoitar "o clamor" da "marea e chea de xente" que encheu a praza do Obradoiro de Santiago na marcha convocada por Queremos Galego.

Longueira cargou contra as declaracións do conselleiro de Cultura, José López Campos, nas que tachou de "extremistas" as posturas dos colectivos que se manifestaron o domingo na capital galega mentres Rueda, parte do seu goberno e compañeiros do PP inauguraban a Feira do Cocido de Lalín, onde tivo lugar un acto de irmandamento co embaixador xaponés, que chegou a utilizar a lingua propia de Galicia.

"Mentres non fai absolutamente nada para que non perdamos os mínimos da lingua, exhibe ao galego como unha rara avis, unha lingua minoritaria que fala mesmo un embaixador dun país oriental", aseverou a deputada e portavoz de Lingua do Grupo Socialista, que lamentou que o PP teña unha concepción da lingua propia de Galicia como un "elemento exótico". "Sen galego non hai país", engadiu na liña do lema expresado polo secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro; antes de demandar a articulación dun acordo que fomente o uso da lingua en "todos" os ámbitos da vida e non caer en que o seu emprego sexa unha "cuestión exótica".

Desta forma, Longueira lembrou que na sesión plenaria que arrinca este martes no Parlamento de Galicia os socialistas defenderán unha moción pensada para que sirva de "folla de ruta ou manual de instrucións" de cara a blindar a "seguridade" do maior patrimonio que, para os socialistas, ten Galicia. En primeiro lugar, os socialistas avogan pola creación dun "libro branco do galego" que parta da implicación de entidades sociais encabezadas pola Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, á vez que demandan un "gran acordo social e político" sobre o cumprimento do status da lingua por parte das forzas con presenza na Cámara autonómica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A Mesa pola Normalización Lingüística tiña demasiadas présas e pola súa culpa temos hoxe o Decreto do Plurilingüísmo do 33% en lugar dun Plan Fraga do 50% ou máis... Se esto non fose certo non estaríamos berrando nas rúas o que tiñamos asinado hai 20 anos! E volve a burra ao trigo Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro (Alias Stalin) volven manifestar un GRAN EMERXENCIA é a teñen ámbolos dous por chegar ao Goberno da Xunta de Galicia ! Pero como sigan manipulando á xente pode volver a sairlles o tiro pola culata ! Maldita sexa esta manía de converter a lingua galega en Bandeira Política de Partes... Alomenos que non nos mintan, temos Memoria e non nacemos onte...