A Xunta defende a competencia do alumnado en lingua galega e castelán: "as cualificacións finais son similares"

Cultura prepara o Día da Lingua Materna.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2025 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

A Xunta puxo o foco, ás portas da celebración do Día da Lingua Materna deste venres 21 de febreiro, que o sistema educativo "funciona" á hora de garantir o coñecemento entre os máis novos da lingua galega.

Os conselleiros de Cultura, José López, e Educación, Román Rodríguez, participaron este mércores na posta en marcha da programación da Xunta con motivo do Día da Lingua Materna, que arrincou co alumnado do colexio compostelán Mestre Rodríguez Xixirei gozando da actividade 'Ecoralia, a lambona ecolóxica'. En declaracións aos medios difundidas polo Goberno autonómico nunha nota de prensa, os conselleiros remarcaron que Galicia goza dunha "gran diversidade lingüística" e que "o sistema educativo funciona porque as competencias están garantidas".

Os responsables do Executivo autonómico apóianse para realizar esta afirmación tanto na enquisa do IGE que, por primeira vez, sitúa ao galego por detrás do castelán en uso; como no estudo encargado pola Xunta á empresa Sondaxe que afirma que as familias son partidarias de manter o actual modelo lingüístico nas aulas.

COMPETENCIAS

Os conselleiros repasaron datos de competencia do galego nas distintas etapas educativas para concluír que "existe equilibrio entre as materias de Lingua Castelá e Lingua Galega". Román Rodríguez afirmou que "nas diferentes etapas educativas, os resultados das cualificacións finais é moi similar, o que demostra as destrezas do alumnado nas dúas materias".

Os datos da Consellería de Educación apuntan que o 91% do alumnado que termina Bacharelato aproba Castelán, porcentaxe que sobe ao 92% no caso de Galego, con cualificacións medias "moi similiares" (6,25 para a primeira e 6,39 para a segunda). Nas probas de acceso á universidade, a nota media é dun 7,03 no exame de castelá e de 6,56 no de galego; mentres que en Primaria e Secundaria o 95% dos estudantes que finalizan 6º de Primaria contan cun aprobado en Lingua Castelá e o 92% en Lingua Galega.

Neste caso, as cualificacións medias son de 7,26 en Castelán e 7,17 en Galego. En secundaria, a porcentaxe de aprobados é exactamente igual, o 86%, e as cualificacións medias son un 6,08 no caso de Castelá e un 6,19 no de Lingua Galega.

CAPTACIÓN TALENTO INVESTIGADOR

Doutra banda, o conselleiro de Educación tamén mantivo este mércores unha reunión cos reitores do tres universidades galegas para abordar a creación da Fundación Galtia, que botará a andar nos próximos meses co obxectivo de exercer de motor para captar talento investigador de alto nivel que, na actualidade, desenvolve a súa actividade noutros países.

Esta fundación, que contará cun orzamento "de máis de 35 millóns de euros", busca captar 30 investigadores "de máximo prestixio internacional" no próximos cinco anos "para abastecer ou talento vinculado á I+D+i, atraendo profesionais que sexan referentes en áreas de coñecemento estratéxicas" para Galicia, com ou explica a Xunta.

Os conselleiros de Cultura, José López, e Educación, Román Rodríguez, o colexio compostelán Mestre Rodríguez Xixirei. CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN
Os conselleiros de Cultura, José López, e Educación, Román Rodríguez, o colexio compostelán Mestre Rodríguez Xixirei. CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Sentidiño

Argumento de barra de bar: aproban Lingua, así que saben galego; aproban Lengua, así que te saben español; aproban inglés, así que xa poden triunfar en Hollywood;... O mellor sistema educativo de Europa!

1 Gamela

O problema está cando son "galegofalantes" e suspenden Lingua Galega (seica a segunda forma do pronome, non sei que lle pasa que os rapaces están españolizados e non entenden as regras gramaticais da súa lingua materna...) Esto é o que dicían os profes de galego hai 20 anos atrás, cando suspendían ao 40% dos rapaces que vivían nos arredores de Xinzo de Limia e falaban "galego na casa todos os días" ! Logo deste éxito de "inmersión lingüísitca" no Instituto comezaron a falar castelán con tódolos profesores por se acaso... Cando facemos da lingua unha bandeira de poder non imos a ningures... Agás á Praza da Quintana o Domingo 23F para resucitar a Fraga !