O exlíder de Podemos Galicia, de pedir a fin da "precarización laboral" a fichar como cargo dunha ETT

A Fundación Nortempo, que colabora coa Xunta, fichará a Gómez-Reino como director de Talento Internacional.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2025 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

Antón Gómez-Reino, que foi líder de Podemos Galicia, fichou por Fundación Nortempo como director de Talento Internacional, onde colaborará coa Xunta para "impulsar" a segunda edición do Programa Retorna Cualifica Emprego da Consellería de Emprego, que busca que galegos na emigración poidan volver á comunidade.

Segundo informa a fundación da empresa de traballo temporal (ETT) Nortempo nun comunicado, o exdeputado encargarase da área para "dinamizar a identificación e fidelización de talento a nivel global". Formado en Educación Social e Socioloxía, o exdiputado no Congreso (2015-2023) "é experto en relacións internacionais, políticas públicas e economía social".

Antón Gómez-Reino. FUNDACIÓN NORTEMPO
Antón Gómez-Reino. FUNDACIÓN NORTEMPO | Fonte: Europa Press

Antón Gómez-Reino foi presidente da Comisión de Traballo, Seguridade Social e Migracións, vicepresidente da Comisión de Exteriores e vicepresidente da Comisión Constitucional. O coruñés (1980), así mesmo, foi portavoz en materia de relacións internacionais, como a Comisión Mixta de Relacións coa Unión Europea do Congreso e do Senado e membro da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa ou da OSCE.

FIN DA "PRECARIZACIÓN LABORAL" E DAS PORTAS XIRATORIAS

Precisamente, na súa etapa como deputado o ex líder de Podemos-Galicia denunciaba a "precarización laboral" dos traballadores por parte da Xunta. Por iso, en 2020 comprometiase, se chegaba á Xunta, a poñer en marcha un "plan de recursos humanos" para facer fronte, dicía, a "a insoportable precarización" que imperaba no Sergas e noutros ámbitos a nivel laboral.

Gómez-Reino, tamén na súa etapa como dirixente de Podemos Galicia, pediu en numerosas ocasións "acabar" coas portas xiratorias, é dicir, coa contratación de políticos por grandes empresas con intereses coas administracións e criticou duramente as fichaxes dos ex dirixentes socialistas, José Blanco, ou o popular Fernández de Mesa, empresas como Red Eléctrica ou Enagás.

Ademais, en varias das súas intervencións políticas pediu ao entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que deixara de utilizar os organismos públicos como "axencias privadas de recolocación de emprego" para sentar a ex altos cargos do PPdeG.  "A Xunta fai un uso descarado e nepótico das institucións públicasao valerse delas como unha sorte de empresas de traballo temporal nas que recolocar a exidirigentes do PP de Galicia", denunciaba.


TRAXECTORIA POLÍTICA

Hai un ano, en febreiro de 2024, Gómez-Reino anunciou que se desvinculaba de Podemos e da política partidaria tras ser deputado no Congreso e dirixir á formación morada en Galicia. Por entón, fixo un chamamento á unidade das esquerdas nunha carta de despedida en redes sociais: "A cidadanía quérenos xuntas articulando maiorías capaces de gañar".

Coñecido como Tone, estivo vinculado desde o inicio con Podemos e tivo na Marea Atlántica da Coruña una das primeiras experiencias de aglutinación da esquerda federal tras o 15M, en opcións políticas que priorizaban "o social".

Recalou no Congreso en 2015, en plena irrupción de Podemos no panorama político, e na Cámara baixa foi presidente da Comisión de Traballo desde febreiro de 2020 ata maio de 2023.

Ademais, liderou a lista de Galicia en Común ás eleccións autonómicas de 2020, que foi un dos maiores paus electorais nos que participou Podemos, dado que a candidatura, na que tamén estaban Esquerda Unida e Anova (agora de volta aliñada co BNG) quedou como forza extraparlamentaria.

En 2023, Pablo Iglesias, exlíder de Podemos, durante un faladoiro radiofónico, relacionou ao seu "amigo" Gómez-Reino cos "cus" que buscan unha cadeira de brazos en política e ao que lle recomendou "disimular" as súas "ambicións persoais".

Na súa biografía na súa etapa como deputado no Congreso explicaba ser "traballador precario en diversos sectores: mozo de almacén, repartición de publicidade, técnico de laboratorio en bacterioloxía, autónomo durante anos xestionando unha pequena tenda primeiro e unha produtora alternativa do ámbito musical despois".

"RETO ILUSIONANTE"

Fundación Nortempo é o instrumento a través do cal Grupo Nortempo canaliza todas as súas accións e políticas de Responsabilidade Social Empresarial (RSC) desde 2005.

"A súa dilatada experiencia en relacións internacionais e vocación social aválano para dirixir a área de Talento Internacional de Fundación Nortempo, dentro dun grupo establecido na península ibérica e Latinoamérica, en máis de seis países e con capacidade para conectar talento desde calquera parte do mundo", explica esta entidade no comunicado.

"É un reto ilusionante para o meu dirixir a área de Talento Internacional de Fundación Nortempo, cun obxectivo inmediato como é impulsar o Plan Retorna, co que queremos conectar talento galego no exterior coas súas raíces, creando valor en Galicia, contribuíndo a impulsar sectores con dificultades de contratación e fixando poboación", afirma o propio Gómez-Reino. "Cremos que a demanda de talento internacional é clave agora mesmo. Aspiramos como fundación a consolidarnos en conectar América Latina, a Unión Europea e África con sectores e tecido produtivo local", agrega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Comisionista da Xunta aí remataron as políticas alternativas dalgún que tivemos que aturar mentras cobrou do Parlamento. Outro que tal baila hoxe aínda sigue sentado na Secretaría de Estado cobrando e caladiño coma un peto... https://x.com/rubenperezEU Cando cobraba pola Marea de Vigo falaba tódolos días (en Twitter) Pero ambos pasaron por ser grandes defensores da Democracia... Vivir para ver...