Por Europa Press / Redacción | LUGO | 19/02/2025 | Actualizada ás 18:29
A Dirección Xeral de Calidade e Ambiental e Sostibilidade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, denegou a autorización ambiental ao proxecto de construción dunha planta de valorización de residuos orgánicos e produción de biometano na parroquia de Coeses, a dous quilómetros da cidade de Lugo. Este organismo, que é o competente para a tramitación e o seguimento das actuacións derivadas das autorizacións ambientais integradas e da calidade dos chans, considera que o informe "preceptivo e vinculante" da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que declara "inadmisible a vertedura" impide outorgar esta autorización.
Segundo trasladaron fontes da Xunta, a Confederación emitira informes nos meses de maio e setembro do ano pasado nos que concluía que "a documentación achegada polo promotor era insuficiente para realizar o informe en materia de verteduras". Ademais, sinalaba "múltiples deficiencias que debían ser emendadas, tendo en conta o caudal indicado e o sistema de depuración descrito". E é que, o informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural en xullo do ano pasado xa condicionaba a viabilidade do proxecto ao informe da Confederación no que se garantise a calidade das augas "do medio acuático receptor e que a vertedura ao arroio Vilalvita cumpra, en todo momento, os límites establecidos no seu plan hidrolóxico vixente para os distintos parámetros físico-químicos".
Así, a Xunta explicou que transcorrido o prazo para a emisión dun novo informe por parte da Confederación "sen que se recibise resposta", dado que os informes emitidos por este organismo son "desfavorables" ao proxecto e que o promotor "non achega novos elementos de xuízo na alegación presentada no trámite de audiencia" débese denegar a autorización ambiental integrada. Agora, a empresa ten un mes para interpor recurso de alzada.
SATISFACCIÓN E CAUTELA
A noticia foi acollida con alegría por un colectivo veciñal que baixo o nome de 'Lugo non quere cheiros' levaba meses protestando por este proxecto. As manifestacións en contra foron tamén secundadas tanto polo BNG como polo PSOE, quen levaron este tema a Pleno e tamén ao Parlamento de Galicia, instando á Xunta a retirar o seu apoio ao proxecto. O presidente do colectivo veciñal, Julio Rodríguez, asegurou que os veciños están contentos, pero mantéñense á expectativa. "O paso máis importante está dado, pero non nos fiamos do todo, porque hai tempo para alegar e non cremos que a empresa o deixe pasar, xa que levan tres anos pagando polo aluguer das terras".
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, manifestou que esta resolución "pon de relevo a forza do movemento veciñal e a importancia da mobilización social". Ademais, engadiu que "resulta preocupante que a Xunta de Galicia declarase prioritario un proxecto que agora se demostra inviable, visto o seu impacto ambiental e as graves deficiencias técnicas que foron sinaladas polos informes". "Esta situación reflicte a necesidade de maior rigor e responsabilidade á hora de avaliar este tipo de iniciativas, asegurando que os intereses xerais dos veciños estean sempre por enriba de calquera outro criterio", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.