Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2025 | Actualizada ás 14:52
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, instou ao PSdeG e ao BNG a "deixar tranquila" á lingua galega, a "Dragon Ball", ás "ondas vitais" e sobre todo, a "parar de contar bólas" sobre o idioma dos galegos e as galegas. Paula Prado pronunciouse deste xeito nunha rolda de prensa ofrecida este xoves na sede do PPdeG, na que fixo referencia ao lema da manifestación convocada por Queremos Galego para o vindeiro domingo, 'Lingua vital xa', que toma como referencia a serie de debuxos que se emitía no Xabarín da TVG, Dragon Ball.
Na súa intervención, sostivo que "as únicas propostas do BNG sobre a lingua son combater os discursos a favor do bilingüismo e a liberdade da lingua, expulsar ao castelán ou contribuír ás mobilizacións das súas plataformas afíns, como Queremos Galego". "O BNG leva tanto tempo manipulando a lingua galega, pondo por diante axitar a rúa e impor a súa ideoloxía, que xa ninguén cre que a súa defensa sexa real", dixo para censurar o "dano" que, na súa opinión, "o independentismo galego está a facer ao galego coas súas manifestacións e mensaxes manipuladas". Un "dano" do que fixo cómplice tamén ao PSOE ao asegurar que "no canto de axudar fai seguidismo e mesmo pon autobuses para acudir ás manifestacións financiados con diñeiro público". Por iso, pediu a ambas as formacións que "deixen tranquila á lingua galega".
"FALSO FEMINISMO"
Na súa comparecencia, ademais, Paula Prado, criticou o "falso feminismo" do BNG e censurou que a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, non corrixise á CIG despois de que o sindicato difundise unha "vergoñenta viñeta" sobre a conselleira de Política Social, Fabiola García. Prado acusou a Pontón de "estar dacordo na utilización do sexismo e o machismo nas súas políticas" despois de que na xornada do mércores asegurase que a súa formación non acepta "leccións de feminismo" do PP e sinalase que aínda espera a que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se desculpe polas súas declaracións "paternalistas e machistas" realizadas no último pleno.
Respecto diso, Paula Prado sostivo que Pontón "non se atreveu a corrixir ao seu sindicato e nin sequera censurou a viñeta". "É unha broma a comparación que fixo co que se escoitou no pleno do Parlamento, onde Ana Pontón inventa conflitos e saca o comodín do machismo cada vez que non lle gusta unha resposta", afirmou. Do mesmo xeito, Paula Prado considerou que tamén "é unha broma" que diga que o PPdeG "non pode dar leccións de feminismo cando é incapaz de criticar estas barbaridades e cando apoiou a lei do só si é si, que beneficiou a miles de agresores sexuais".
Nesta liña, preguntouse "con que cara pode mirar o independentismo galego ás vítimas e acudir ás manifestacións do 8 de marzo" e asegurou ter claro que "volverán pór a careta coa que a esquerda radical pretende esconder casos como os de Xabier Ron, Monedero, Pablo Iglesias, Errejón e o candidato edl BNG que estivo no cárcere por agredir sexualmente a unha nena de catro anos".
VITORIA ELECTORAL
Por último, en referencia ao acto organizado polo PPdeG o pasado sábado para conmemorar o primeiro aniversario da primeira maioría de Alfonso Rueda, definiu o evento como "un gran éxito" que reuniu a 2.500 persoas para "dicir alto e claro que Galicia goberna". "Chegamos a este aniversario cos obxectivos cumpridos", dixo Prado, que ironizou con que o BNG e o PSOE, máis que un aniversario, o que conmemoraron foi "un cabo de ano". Así, afirmou que desde o pasado 18 de febreiro de 2024 ambos os partidos "están enfadados con Galicia e cos galegos e curan os seus traumas indo a por o PP e axitando a rúa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.