Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 22/02/2025 | Actualizada ás 20:00
En pleno corazón de Cambados, moi preto do Pazo de Fefiñáns, atópase unha casa moi especial. Unha casa que esperta grande interese entre os visitantes que todos os veráns pasean polas rúas desta fermosa vila mariñeira. E non é para menos, pois chama a atención ver unha casa de época tan ben conservada no medio de múltiples edificios de varias plantas que se levantan ao seu redor, froito da lóxica expansión da cidade moderna. Eran moitos os turistas que case cada día se achegaban ata esta propiedade para interesarse pola súa historia e, o que comeza sendo curiosidade, remataba por converterse na mellor experiencia vivida na vila cando Elena Otero, a súa dona, e Nenucha, a súa filla, lles abrían de par en par as portas para que se achegasen a ver o seu interior, cheo de antigüidades, coleccións e algunha que outra sorpresa. Foi no ano 2017 cando este fogar decidiu converterse tamén nun museo aberto ao público, pois, como nos conta a propia Elena, "a min sempre me gustou recibir visitas e poder ensinarlle a miña casa e todo o que hai nela á xente".
A construción desta vivenda remóntase ao ano 1780, sufrindo diversas reformas ao longo do tempo para adaptala ao estilo de cada época e garantir a súa preservación. A propiedade podería ter formado parte das dependencias do Pazo de Fefiñáns, unha das xoias arquitectónicas do barroco galego, mandado construír a finais do século XVI por Gómez de Soto e Figueroa, un nobre da corte de Felipe II, aínda que despois pasou a mans da poderosa familia Figueroa, cun gran peso na historia de Galicia. Ao longo dos séculos, o pazo foi residencia de diferentes liñaxes nobiliarias, incluíndo aos Marqueses de Figueroa, que xogaron un papel moi importante na política e na sociedade galega. Dentro de todas as dependencias destes nobres debeu estar tamén esta vivenda, que naquela época, máis que como fogar, tería sido empregada como almacén, para gardar carruaxes. Algo que se ve reforzado tamén polo feito de que a rúa na que se ubica a casa era coñecida antigamente como a Rúa da Carreira, é dicir, a rúa pola que pasaban as carruaxes e os carros. Ademais, a casa veciña, como nos conta Elena, pertenceu ao capelán de Fefiñáns, sendo empregada como capela, o que demostra que as construcións da zona tiñan vinculación co señorío do pazo.
SEIS XERACIÓNS DUNHA MESMA FAMILIA COIDARON UNHA CASA QUE ALBERGA MOBILIARIO E DECORACIÓN CON CENTOS DE ANOS DE ANTIGÜIDADE
A familia de Elena leva vivindo nesta casa practicamente dende os seus comezos, pois dende finais do século XIX os seus avós xa estaban asentados nela, tras unha época na que os nobres galegos comezaran a desprenderse das súas propiedades. Actualmente van xa pola sexta xeración da familia vinculada a esta xoia histórica. "Este patrimonio sempre pertenceu á nosa familia, e iso é moi difícil de conseguir", asegura Nenucha, unha das fillas de Elena. O avó de Elena, natural da Illa de Arousa, foi quen acometeu a reforma principal para facer habitable a casa, despois de casarse coa súa avoa, a herdeira da mesma. E, ademais de conseguir crear un confortable fogar, tamén explorou nela a posibilidade de abrir diferentes negocios. Así, a vivenda albergou dende unha casa de baños, moi de moda nunha época na que a medicina natural estaba en auxe; ata unha fonda, nos anos trinta; pasando por unha tenda de sal na que tamén se aproveitaba para vender carbón e leña para os braseiros, petróleo para acender os farois, viño da colleita... "Todo o que demandaba a xente naquela época", afirma Elena.
Pero o máis sorprendente desta casa non está na súa arquitectura, senón no seu interior, onde o visitante dende que pon un pé dentro goza ante os seus ollos de infinidade de obxectos que foron recopilados pola familia de Elena e Nenucha ao longo dos séculos. "A min nunca me gustou tirar nada, sempre gardei as cousas dos meus antepasados con moito cariño", confesa Elena, que asegura que, "todo o que herdei, todo o que me deron, o que me trouxeron e o que eu fun adquirindo, foise colocando coidadosamente, pero non coa idea de facer un museo, senón para o noso desfrute". O do museo veu moito despois. Dende obras de arte de incalculable valor ata mobiliario de época realizado nas mellores madeiras, pasando por coleccións completas de múltiples cousas --bastóns, teléfonos, culleres...--, esculturas, figuras, cadros... Todo o que un poida imaxinar. Deste xeito, pódese afirmar que a casa non só pertence ao barroco galego pola súa datación, senón tamén pola súa decoración: uso abundante de tonos dourados, molduras elaboradas e detalles en relevo, ornamentación con luxosos materiais, espellos grandes con marcos recargados, contrastes de luces e sombras, grandes lámpadas, motivos relixiosos e naturais, mobles maxestuosos...
DUN BARGUEÑO CUNHA REPRODUCIÓN DO PÓRTICO DA CATEDRAL DE COLONIA A UNHA CÁMARA SECRETA TRAS A LIBRARÍA QUE SERVIRÍA DE REFUXIO NA GUERRA
Nenucha fainos un percorrido pola casa e ensínanos varios dos trucos que esta agocha e que pasan desapercibidos a ollos dos visitantes. Así, nun salonciño da planta baixa aparece ante nós un bargueño con minuciosos acabados que constitúen unha reprodución perfecta do pórtico da Catedral da Colonia. Ao abrilo, podemos observar todo o seu espazo de almacenamento. Na mesma estancia hai unha libraría que recobre ata o teito toda unha parede, e que semella ser simplemente un lugar perfecto para gardar os libros. Cal é a nosa sorpresa cando Nenucha fai dous xestos coas súas mans postas sobre o moble e vemos como unha parte da libraría se desencaixa e se abre a xeito de porta, deixando tras de si un pequeno acceso a unha estancia secreta que, na época da guerra, debeu servir como refuxio. Pero as sorpresas nesta casa semellan non rematar nunca e, subindo as escaleiras en cuxas paredes aparece coidadosamente colocada a interminable colección de bastóns, chegamos a outro cuarto con apariencia de estudo. Alí vemos o que a simple vista semella ser un escritorio, pero que, en realidade, se trata dun secreter, un escritorio propio dos séculos XVI e XVII que gozaba de múltiples caixóns e compartimentos ocultos para os documentos que precisaban de maior seguridade.
Con tantas cousas como hai nesta casa, cada visitante pode atopar nela algo que lle cautive, sendo deste xeito a visita de cada quen moi persoal, en función dos seus gustos e intereses. E Elena e Nenucha sempre están dispostas a atender as preguntas que lles fagan os convidados a maiores da visita guiada --de media hora de duración, aproximadamente--, xa sexa sobre cousas máis xerais ou sobre pezas do mobiliario e da decoración, aínda que confesan que "contamos ata onde sabemos", porque "hai moitas cousas que nin nós mesmas sabemos", dada a súa antigüidade. Por poñer un exemplo, unha das últimas visitas que recibiron foi a dunha profesora de literatura que quedou prendada dun exemplar de 'La Celestina' que fora realizada por un consogro de Elena ao que lle gustaba moito a marquetería. Que orgullosos e contentos estarían os antepasados de Elena e Nenucha se visen que todo o que eles con tanto esforzo foron facendo, hoxe en día é un verdadeiro museo que todo o mundo pode admirar e desfrutar. "Eu creo que á miña avoa lle tería encantado, porque ela tamén era moi enxeñosa", afirma Elena, cun brillo especial nos ollos ao lembrarse dela.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Casa histórica de Cambados | Fonte: @casahistorica_cambados¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Entroidos que volven á vida: Budián, en Pantón, cos seus Brancos e o seu Farranquín
- Cando os museos teñen vida e os profesionais son o motor desa vida
- (Vídeo) Casa Histórica de Cambados, unha xoia patrimonial do ano 1.780 onde nada é o que parece ser a simple vista
- O PP de Lugo reclama ao Goberno a rehabilitación do mosteiro de Vilanova de Lourenzá
- O castro de Esmelle, como o mundo castrexo da costa é moi diferente ao do interior
- Sabes que gran segredo romano ocultan os terreos da estación de autobuses de Lugo?