Por Ángela Precedo | LUGO | 23/02/2025 | Actualizada ás 22:00
Cando pensamos en Entroido de seguida se nos veñen á cabeza os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo de Limia como os principais expoñentes dunha celebración que ten unhas raíces moi fondas na nosa terra, entrelazadas coas festividades pagás precristiás e as festas medievais europeas. Sen embargo, e por desgraza, non todos os Entroidos tradicionais se conservaron no tempo, habendo algúns que desapareceron por diversos motivos. Con todo, son moitas as asociacións culturais que nos últimos anos loitaron pola recuperación das celebracións das súas respectivas parroquias e aldeas e que volveron poñer en valor a festa dos seus antergos, como un elemento máis do patrimonio inmaterial galego digno de preservar e de valorizar. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, comezamos a semana grande do Entroido por todo o alto falando do de Budián, celebrado na parroquia de San Romao de Acedre, no concello de lucense de Pantón, onde destacan as figuras de Os Brancos e O Farranquí. Unha celebración que se recuperou no 2021 despois de levar máis de 65 anos no esquecemento.
Lucas, membro da Asociación Cultural Segredos de Pantón, da que derivou a Asociación Cultural do Entroido de Budián, creada a finais do 2024, cóntanos que "non sabemos moi ben o por que pero este Entroido deixou de celebrarse hai uns 65 ou 70 anos xa, e supoñemos que tería influído na súa desaparición a irrupción da ditadura franquista, aínda que hai veciños que tamén contan outras historias e teorías ao respecto". Sexa cal sexa o motivo, o certo é que "o de Budián é un dos poucos Entroidos dos que nin sequera se gardan fotos antigas ou documentación histórica oficial que nos axude a saber como se celebraba", lamenta Lucas. Precisamente por este motivo aínda ten máis valor a recuperación desta festividade, pois houbo que facer un tedioso traballo de recompilación de información oral, indo falar con veciños das aldeas para ver canto lembraban do Entroido orixinal. Porta por porta, preguntando á señora Carme, á señora María ou ao señor Manolo, facéndolles memoria ao ensinarlles elementos dos disfraces. "Empecei a preguntar á xente e algúns nin se lembraban de que houbera un Entroido propio na zona, pero si había outros que se lembraban de historias que lles contaran os seus avós sobre el", explica.
Así foi posible "ir coñecendo elementos do Entroido de Budián ao ver que cadraban en varias historias que nos contaban os veciños e que saían como algo común a todas elas". Ademais, Lucas conta que "unha razapa da parroquia fixo unha serie de debuxos co que levabamos investigado sobre como terían sido os traxes tradicionais desta festividade e fomos ensinarllos á xente para ver se realmente cadraban ou había algo que cambiar", de maneira que "había xente que nos precisaba que os traxes non eran exactamente así ou que había que modificar detalles, chegando a dicirnos especificamente que os traxes masculinos levaban na cabeza un pucho, un cono branco, cunhas tiras penduradas --tiras que o primeiro ano se fixeron ata a cintura e que, ao ano seguinte, con novas precisións por parte dos veciños, xa se fixeron ata o chan--". "Foi todo a base de proba e erro, mellorando cada ano para achegarnos máis ao Entroido orixinal", confesa Lucas.
OS BRANCOS E O FARRANQUÍ, A PRIMAVERA E O INVERNO, A PARTE HUMANA E A PARTE ANIMAL
E falando da figura central deste Entroido, logrouse rescatar do esquecemento a Os Brancos, que, como nos conta Lucas, "van por parellas e cubertos completamente de branco como representación da pureza e a renovación asociadas á chegada da primavera". Máis en concreto, os homes levan na parte superior do corpo unha camisa branca, a miúdo complementada cunha colcha decorativa cruzada sobre o peito; mentres que na parte inferior levan pantalóns brancos ás veces confeccionados a partir de fundas de almofada. Na cabeza levan un gorro en forma de cono elaborado con cartón e adornado con longas cintas de cores que caen dende a punta, portando na cara unha careta de cartón pintada representando diversos rostros. Algúns tamén portan un bastón como complemento. Pola súa banda, as mulleres levan na parte superior do corpo unha blusa ou xersei de cor branca e na parte inferior unha saia ata os pés confeccionada con sabas. Na cabeza, usan un sombreiro semellante ao masculino, pero forrado con tea branca e rematado cun tapete colorido que deixa caer un veo de encaixe sobre o rostro, con aberturas á altura dos ollos. Ademais, para maior vistosidade, tamén adoitan levar unha colcha ornamental atada ao pescozo, cubrindo as costas.
E tampouco nos debemos esquecer da parte animal deste Entroido, coa figura coñecida como O Farranquí, que simboliza o inverno, e do cal segundo apunta Lucas hai dúas versións. "A máis antiga consiste nun traxe feito con tea de saco que logo a persoa se pon enriba cuberto de peles de ovella que tamén lle serven para tapar a cabeza, rematada cuns cornos; e a máis moderna xa é un traxe que consta duns pantalóns porcos de tea de saco e unha careta", explica. Ademais, este disfrace tamén adoita ir acompañado como algo típico de chocas --campaíñas--, aínda que "non tan grandes como as dos cigarróns e os peliqueiros, seguramente porque o gando da zona de Pantón está integrado fundamentalmente por ovellas, que levan chocas máis pequenas que as das vacas". Estas personaxes, durante o día principal da celebración do Entroido, que este ano terá lugar o domingo 2 de marzo, percorren todas as aldeas da parroquia, incluíndo Abelaira, Cima de Vila, Acedre, San Romao e Cotillón para retornar finalmente a Budián. Ao longo de todo o seu camiño van parando polas casas dos veciños onde "lles abren as bodegas e lles poñen cousas de picar para acompañar o viño". Toda unha delicia!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.