O idioma a debate: consenso na Cámara para poñer en marcha un "libro branco" do galego con críticas da oposición

O PPdeG apoiou unha moción do PSdeG que contou coa abstención do BNG. O conselleiro de Cultura insiste en que a Xunta "está tentar lograr que todos os mozos nos centros educativos consigan manter o hábito de falar e de expresarse en galego".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 25/02/2025 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

A saúde do galego estivo a debate no Parlamento de Galicia cunha oposición, BNG e PSdeG, que responsabilizaron ao PP da caída no número de galegofalantes, por primeira vez por baixo das que usan o castelán; por aplicar as súas receitas de "terraplanismo lingüístico" que reducen o galego a "animal exótico"; unhas críticas fronte ás que o PP esgrimiu o seu carácter "galeguista".

Todo iso durante un debate no que o PP facilitou co seu voto a favor que saíse adiante unha moción do Grupo Socialista que demanda a posta en marcha do "libro branco" da lingua galega, contando coa participación de entidades como a Real Academia ou o Consello da Cultura para facilitar a súa "protección". Unha iniciativa que contou coa abstención do BNG.

O estado da lingua galega foi posto sobre a mesa este martes no Parlamento de Galicia, dous días despois da manifestación convocada por Queremos Galego o domingo 23 de febreiro que reuniu a miles de persoas en Santiago. Unha cita da que os principais grupos con presenza na Cámara autonómica (Armando Ojea, de Democracia Ourensá, declinou intervir) leron de distinta forma. Mentres que para socialistas e nacionalistas foi unha xornada "histórica", os populares consideraron que a convocatoria "non" conseguiu o seu obxectivo de mobilización ao "non encher" a praza do Obradoiro.

"O ruído acabará volvéndose contra vostedes", espetou o deputado do PP José Luís Ferro, que aseverou que os promotores da manifestación "enganaron" aos galegos "dicindo que non era contra ninguén". "Os galegos non lle compraron o discurso e non deron mobilizado", remarcou.

Antes, Mercedes Queixas (BNG) e Silvia Longueira (PSdeG) situaran ao PP, a primeira, no "terraplanismo lingüístico" que nega "a realidade" e, a segunda, na concepción do galego como un "elemento exótico". "Para vostedes, o galego é ese traxe tradicional, incómodo, que se saca para exhibir en ls festas ou o día do traxe, pero que, despois, se garda no armario ata o ano que vén", sinalou Longueira, defensora dunha moción que o voto favorable do PP (o BNG abstívose) permitiu que saíse adiante a pesar de que non foi tida en conta a súa emenda para pospor a creación do citado "libro branco" do galego ata que finalicen os traballos de renovación do plan de normalización lingüística.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (c), e o secretario xeral do PSOE de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro (3d), durante unha manifestación pola situación da lingua galega, a 23 de febreiro de 2025, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galic. César Arxina - Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (c), e o secretario xeral do PSOE de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro (3d), durante unha manifestación pola situación da lingua galega, a 23 de febreiro de 2025, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galic. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

MOCIÓN

Ademais deste punto, a iniciativa aprobada avoga polo cumprimento do Estatuto de Autonomía ou a Carta Europea das Linguas Minoritarias, así a demanda á Xunta de que presente antes de que finalice o presente período de sesións de medidas de urxencia para frear a caída de falantes.

Por contra, o 'non' do PP tombou a moción debatida a proposta do BNG que reclamaba, entre outras medidas, incrementar por tres o orzamento destinado ás medidas de apoio ao galego ou modificar o cambio que, a través da lei de acompañamento, flexibiliza a obrigatoriedade de que os empregados públicos coñezan a lingua propia de Galicia.

"O relato de que os nenos de familias gallegofalantes saen do colexio falando en castelán é certo", aseverou a deputada do BNG, que incidiu en que están convencidos de que a situación de "emerxencia" da lingua "é reversible".

XUNTA

Por outra banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou este martes a importancia de impulsar o uso do galego nos espazos de lecer dos máis novos e sinalou o "impulso" do Goberno autonómico a propostas que incentivan o uso.

Así o sinalou durante a celebración do 'III Encontro 21 días co galego e +', unha actividade lúdica na que estaban convidados preto de 4.000 mozos, profesores e persoas administrativo de centros educativos de toda Galicia. Segundo indicou a Xunta nunha nota de prensa, o conselleiro sinalou o "importante papel" desta iniciativa e lembrou que durante tres semanas leváronse a cabo actividades de lecer en galego, desde talleres de 'regueifas', ata contacontos ou actuacións musicais.

"Estamos a tentar lograr que todos os mozos nos centros educativos consigan manter o hábito de falar e de expresarse en galego, non só durante as horas de formación académica senón tamén nos espazos de socialización. Estas medidas son as que está a aplicar a Xunta de forma inmediata para potenciar, promocionar e prestixiar o uso do galego na nosa sociedade", aseverou López Campos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Antón Vidreiras

Ademais da RAG e do CCG, mesma voz en espazos diferentes, o esperábel é que haxa outras visións na redacción dese libro branco. Será posíbel?