A Xunta prevé ter lista no verán a lei coa que asumirá as competencias en alertas meteorolóxicas

Meteogalicia estrea dúas novas ferramentas na súa páxina web, 'Visor' e 'Clima', e inclúe un apartado co tempo nos camiños de Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2025 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, confirmou nun acto celebrado este mércores en Santiago de Compostela que a Xunta xa tramita a lei do clima, coa que pretende asumir as competencias para enviar alertas meteorolóxicas, e que a terá lista no verán. A finalidade deste precepto é abarcar cuestións como o servizo meteorolóxico e climático de Galicia, sobre os que a Xunta pretende lexislar. Ademais, segundo afirmou Paula Uría, esta disposición "dotará de maior seguridade xurídica aos servizos que se realizan" desde Meteogalicia.

Deste xeito, o Goberno galego quere tramitar a mediados deste 2025 esta lei do clima, coa que abriría co Executivo unha disputa polas competencias meteorolóxicas e na que "está a traballar" coa intención de "tela lista de cara ao verán". Doutra banda, Paula Uría explicou tamén que Meteogalicia estreou a mañá deste mércores ferramentas para "mellorar" a súa actividade e achegar "transparencia"; pór a disposición da cidadanía os "120 millóns de datos" que, desde o organismo público son recolleitos cada ano desde o 2000, data na que iniciou a recompilación dixital.

As innovacións son dúas novas pestanas na parte superior da web: a de 'Visor' e a de 'Clima', que se agregarán tamén á aplicación móbil, pero máis adiante, non hai aínda unha data confirmada. Na mesma liña, a directora xeral comunicou que Meteogalicia e a Xunta están a introducir "avances con IA para mellorar as predicións meteorolóxicas", e que isto "se verá reflectido nos contidos da páxina web".

VISOR

Os modelos habilitan aos meteorólogos a establecer os prognósticos climatolóxicos. A ferramenta de 'Visor' permite observalos dunha forma máis axil e moderna que a que anterior, que estaba formada por imaxes fixas. Coa nova fórmula poden seleccionarse distintas variables, agrupadas en catro grupos (predición, observación, calidade do aire e modelos numéricos) que se mostran no mapa de forma interactiva a 96 hora vista e cos días dividos en tres franxas horarias: mañá, tarde e noite.

CLIMA

A novidade da pestana de 'Clima' divídese en dúas partes, a de 'valores normais' e a de 'extremos absolutos'. A primeira mostra para cada unha das estacións meteorolóxicas de Galicia unha táboa, un climograma e un gráfico sobre a insolación, coas medias, anuais ou mensuais, elaboradas a partir dos datos recollidos os últimos 25 anos. A sección de 'extremos absolutos' deixa ver as máximas e mínimas alcanzadas nas diferentes variables, desde o ano 2000 ata agora, de forma tanto mensual como anual, en cada unha das estacións meteorolóxicas de Galicia.

O TEMPO DO CAMIÑO

Doutra banda, Meteogalicia incluíu na pestana de 'Visor' un apartado específico sobre as peregrinacións a Santiago de Compostela. No mapa de Galicia aparecen dez camiños, distinguidos por cores, nos que se sinala a climatoloxía das localidades que os conforman. As variables que a web permite ver sobre estas rutas son o estado do ceo, a temperatura máxima e mínima, a sensación térmica, a calidade do aire e os avisos meteorolóxicos, en caso de habelos.

A Xunta estrea novidades na web de Meteogalicia e reafirma a súa intención de tramitar este 2025 a 'lei do clima'. ANA VARELA, XUNTA DE GALICIA
A Xunta estrea novidades na web de Meteogalicia e reafirma a súa intención de tramitar este 2025 a 'lei do clima'. ANA VARELA, XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta