O PPdeG reclama a xestión do litoral para Galicia antes do 23 de abril

Os senadores populares lembran que a lei xa está en vigor e que o Tribunal Constitucional avalou as competencias galegas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/03/2025 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

O PPdeG solicitou esta semana á Comisión de Transición Ecolóxica do Senado que inste o Goberno central a realizar o "traspaso inmediato" á Xunta dos medios materiais e humanos para xestionar o seu litoral e, deste xeito, "estar en disposición de poder outorgar as concesións administrativas necesarias para dar seguridade xurídica ás actividades que se poidan realizar na costa".

Así o fixo a través dunha moción asinada polos 14 populares galegos presentes na Cámara Alta, na que lembran a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia "xa está en vigor e, por tanto, a Xunta debe exercer as competencias contempladas".

Nunha nota de prensa, os populares detallaron que na iniciativa liderada polo senador Manolo Ruiz, o PPdeG sinala que a norma autonómica naceu co obxectivo de "impulsar unha xestión que integre as actividades humanas no litoral e co fin de garantir un aproveitamento sustentable dos seus recursos e o bo estado dos ecosistemas costeiros".

Así mesmo, fixeron fincapé en que están ratificadas as "plenas competencias" de Galicia para xestionar o litoral sen necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía e denunciaron que o Goberno central "quixo tratar de forma diferente" á comunidade respecto doutras como País Vasco, "á que simultaneamente lle estaba transferindo esas competencias pero o Tribunal Constitucional quitoulle a razón".

Con todo, o PPdeG sinalou que o 23 de abril cumprirase un ano desde que o Constitucional avalou a lei e esixiu que esta transferencia leve a cabo antes desa data, ademais, destacaron que Galicia é a comunidade "máis necesitada dunha conservación ambiental acertada e da supervivencia da actividade no litoral".

Arquivo - O senador do PPdeG Manolo Ruiz. PPDEG - Arquivo
Arquivo - O senador do PPdeG Manolo Ruiz. PPDEG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta